Galicia ten pouca industria pero a pouca que ten contamina moito

La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato
A refinería de Repsol e A Coruña ao fondo. / Xurxo Lobato

A contaminación xérase sobre todo en plantas propiedade de Endesa, Naturgy, Alcoa, Repsol, Finsa, Ence e Ferroatlántica. Pero son máis de douscentos os complexos que contaminan en Galicia, como aflora o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

Galicia ten pouca industria pero a pouca que ten contamina moito

Galicia é un país que ten relativamente pouca industria pero a que ten contamina moito; tanto que co 5% do PIB español, Galicia é responsable do 15% das emisións á atmosfera. Por iso o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes constata que segue con emisións contaminantes moi altas. A contaminación xérase sobre todo en plantas propiedade de Endesa, Naturgy, Alcoa, Repsol, Finsa, Ence e Ferroatlántica. Pero son máis de douscentos os complexos que contaminan en Galicia.

O Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, PRTR-España, ten xa a disposición do público información das emisións a atmósfera das principais industrias, ofrecendo datos a nivel de complexo, por sectores de actividade, por comunidades autónomas... datos referidos ao pasado ano 2017.

Grazas a este rexistro podemos coñecer e analizar  con detalle as emisións de 212 complexos entre os que están as grandes industrias asentadas en Galicia, emisións que aproximadamente representan  máis da metade do total que se emite por todos os sectores. 

A situación de Galicia

Destaca a alta emisión do sector de combustión de combustibles fósiles (térmicas, refinería...) , a gran variedade de contaminantes e a alta porcentaxe que representan as emisións de Galicia con relación ao total do Estado, asi emitiuse no 2017 :

> 11,67% do total de Dióxido de Carbono (CO2) do Estado , 

> 12,19% dos óxidos de nitróxeno (NOx)

> 18,69% de dióxido de xofre (SO2)

> 15,47% de partículas (PM10)

> 26,13% de Flúor e compostos fluorados.

> 19,35% de Mercurio e compostos.

> 14,21% de Níquel e compostos.

> 11,03%  de Arsénico e compostos.

> 13,34% de Cadmio e compostos

>  45,09% Compostos orgánicos persistentes.

>  46,44% Naftaleno

Preocupados como estamos polos Gases de Efecto Invernadoiro e o Cambio Climático, en Galicia aparecen  81 rexistros de emisión de dióxido de carbono, principal gas de efecto invernadoiro, que se corresponden con 32 actividades económicas e cunha emisión de  15,67 millóns de toneladas,  Galicia representa o 11,67% do total do Estado, sendo a terceira Comunidade  por emisións de CO2,  despois de Andalucía e Asturias.  

Non todos os complexos que figuran no Rexistro emiten igual, dos 15,67 millóns de toneladas que saen a atmosfera, mais da metade  8,11 millóns corresponden as emisións da  Central Térmica de carbón de As Pontes e 2,38 millóns de toneladas corresponden a Central Térmica de Meirama, entre ambas emiten o 66,9% do total do rexistro, e si xuntamos os valores das sete industrias principais emisoras de CO2: dúas térmicas de carbón, dúas térmicas de ciclos combinados, Alúmina, Aluminio e Repsol  vemos que representan  o 85,5% da emisión total, mentres o restante 14,5%  repártese nun total de 74 complexos.

Algo similar ocorre con outros contaminantes, por exemplo co mercurio que chegamos a emitir o  19,35% do total do Estado, sendo os segundos emisores despois de Andalucía.  O  73% do mercurio que se envía a atmosfera realízano oito industrias, pero as térmicas están a cabeza, son responsables do 40,6% da emisión. Situación mais ou menos parecida ocorre ao observar as emisións doutros contaminantes como Flúor, Dióxido de xofre ou Naftaleno dos que somos a primeira comunidade do Estado por emisión. Outros como   óxidos de nitróxeno (a terceira ), partículas , metais pesados, benceno, cloro... ocupan tamén un posto destacado. A maioría das emisións son sempre de dez ou doce grandes empresas (ademais das citadas arriba temos Finsa, Ence, e Ferroatlántica, entre outras). 

Os porcentaxes de emisión repítense aproximados ano tras anos, oscilan sempre dentro duns límites pequenos e  as emisións flutúan dependendo de diversos factores: combustible utilizado, tipo de produción, xestión empresarial, tecnoloxía, controis que se aplican, antigüidade das industrias, horas de funcionamento ... e na dispersión dos contaminantes inciden a sua vez outros parámetros: situación xeográfica, condicións meteorolóxicas, inversións térmicas...

Coas altas emisións Galicia non só colabora ao Cambio Climático, senón tamén a acidificación e choiva ácida, a destrución da capa de ozono e acabamos prexudicando os ecosistemas  e a nosa saúde acentuando cando non desencadeando problemas cardiovasculares, ictus, problemas respiratorios varios, diabetes, cancro... 

Contaminación, lexislación e mortes prematuras

Un ano máis observamos que  Galicia ten unha contaminación que non se corresponde en porcentaxe nin coa sua poboación (número de habitantes) , nin coa sua extensión xeográfica (km2),  nin co grado de industrialización (relativamente baixo), nin co nivel de desenvolvemento e nivel de vida,  nin con valores de PIB ... só parece corresponderse cunha diversidade de feitos entre os que temos: 

a) Unha alta permisividade oficial das emisións e contaminación por parte dos Organismos Públicos e consentimento total da forma de actuar destas empresas. 

b) Falta de sensibilidade e busqueda do máximo beneficio das industrias as que non lle importa ren o custo social que provocan . Que importa prexudicar os ecosistemas e a saúde humana, que importa o custo social “evitable”  que recae na sociedade e pagamos todos e non as empresas. 

c) As industrias parece que teñen desprezo polo país onde se instalan e polos propios traballadores, a maioría das grandes contaminantes son estranxeiras ou multinacionais, que hoxe están aquí e ao pouco deciden ir a outro lugar (será o caso de Alcoa?), maña non se sabe onde estarán. É un modelo de desenvolvemento colonizador que lembra mais ao século XIX e  principios do XX que a actualidade.

d) Son industrias de enclave  que so fan no noso país o proceso mais contaminante, o instalarse buscan subvencións e axudas gobernamentais e aséntanse neste lugar pola mao de obra e materias primas abundantes e baratas (auga, electricidade, seixo, madeira, antes cobre ou lignito...)  e infraestruturas adecuadas (bos portos de embarque, autovías..) , pero xeran pouco valor engadido e non potencian outras industrias  de segunda transformación, non xeran industrias “limpas” moito menos contaminantes, menos demandantes de materias primas e xeradoras de mais postos de traballo. 

Cando se trata a contaminación, as industrias sempre sosteñen que elas están dentro da Lei e emiten dentro dos parámetros marcados na lexislación vixente. A  Xunta de Galicia aínda timidamente recoñece nos seus Informes Anuais sobre contaminación que existen lugares con niveis de inmisión ( nivel do solo)  que superan a veces a lexislación. O que de verdade se está ocultando é que a Lexislación vixente é moi permisiva e mesmo a Organización Mundial da Saúde, OMS cuestionou esta lexislación xa no ano 2012 e dende aquela recomendou por varias veces  a Unión Europea que se debería diminuír os valores máximos permitidos de determinados contaminantes, concretamente no relativo as Partículas (PM10 e PM2,5), aconsellou reducir a metade os valores hoxe permitidos, pero a Unión Europea fixo caso omiso e tanto o Goberno do Estado como a Xunta tampouco queren ir máis alá e rebaixar os niveis, aínda que poden facelo. 

A razón básica da OMS para reducir o limiar máximo dalgunhas contaminantes ten que ver coa protección da saúde humana e dos ecosistemas. Boa parte da poboación europea, incluída a poboación galega está respirando partículas contaminantes por riba dos niveis recomendados pola OMS, pero eso si dentro da lexislación vixente na maioría dos casos.  Extrapolando os cálculos que realiza a OMS  para mortes prematuras por contaminación de partículas en Europa, a Galicia lle corresponderían máis de 2.000  persoas  afectadas, mais exactamente  2.086 mortes prematuras/ano pola contaminación de partículas. Resulta curioso que tanto se fala nos medios de comunicación de diminución de natalidade na nosa sociedade e tan pouco de mortes  prematuras por contaminación. @mundiario

    

Comentarios