Folla de ruta para unha Galicia decente e resilente: como reinventar e resetear o país

Bandera de Galicia. / RR SS
Bandera de Galicia. / RR SS

Nesta análise concrétase polo miúdo como enfocar en Galicia a “recuperación” da que promete ocuparse o Goberno de España nun Plan de Recuperación centrado no verde e no dixital. Ou o que a Xunta de Galicia di que procurará na súa xa bautizada e inminente Lei de Recuperación da Economía.

Folla de ruta para unha Galicia decente e resilente: como reinventar e resetear o país
No meu último ensaio “Caminos de incertidumbre” (Catarata, 2020) poño o ramo a unha triloxía. Facendo un certo “montañismo” do século XXI, ao emular a sonada obra de Michel de Montaigne de 1580, ocupándome de como entender e gobernar o noso mundo catro séculos despois.

No primeiro libro da triloxía analizaba as causas profundas da exclusión (intra e inter xeracional) social e ambiental (“El despilfarro de las naciones”, Clave Intelectual, 2018), no segundo como estas causas se aceleran coa dixitalización e a intelixencia artificial (“Crítica del hipercapitalismo digital”, Catarata, 2019), e no último como esas causas están tamén detrás das incertezas ou ameazas sociais deste século XXI.

Tres hipóteses: menos exclusión e incertezas, máis resiliencia e decencia

Si se me pedise resumir moi brevemente o núcleo argumental duns ensaios que teñen unha non pequena densidade eu falaría de tres hipóteses.

Segundo a primeira hipótese sosteño que as tecnoloxías (sexan enerxéticas, informativas, de transportes, alimentarias, etc.) son sempre moduladas e conformadas á medida das finanzas e dos inversores con ánimo de lucro. Sendo así que a grande escala (mega instalacións, grandes distancias, etc.) e as incertezas a elas vencelladas nos sitúan na actual Chimérica das GAFAM (Google, Amazon, Faceboock, Apple, Microsoft, e os seus pares chineses), e dos grandes grupos de investimento como Vanguard ou Blackrock nesta parte do telón dixital.

Na segunda hipótese sosteño, e argumento neses libros, que a resiliencia (a capacidade de resposta dunha sociedade diante dun shock externo) como ferramenta básica de precaución fronte as incertezas (sexa o covid-19, un accidente nuclear, unha superbacteria, o colapso climático, etc.) mingua coa procura do máximo lucro e da opción mega (no caso actual: saúde pública / capitalismo[1]), a sociedade decente tamén mingua e a exclusión acelérase. 

E xa na terceira hipótese sosteño que unha sociedade más resiliente fronte das incertezas, e ao tempo máis decente fronte a exclusión, debera ir da man do Estado, do colaborativo e dos mercados (competitivos). Dos tres a un tempo e cun certo equilibrio. Na procura de proximidade e escala local, e non só ánimo de lucro individual a escala global.

Aplicación destas tres hipóteses para Galicia

Tamén para Galicia é o momento de redefinir a fondo un modelo económico con escasa resiliencia fronte as incertezas e que exclúe do benestar social de forma progresiva a cada paso máis amplos sectores sociais. De reinventar, ou si se quere resetear, a concreta sociedade de mercado na que vivimos para ter unha maior resiliencia fronte as incertezas (como xa está a suceder co colapso climático e o hipercapitalismo dixital) que de seguro teremos que enfrontar, acompañada dunha menor exclusión social[2]. Para vivir nunha sociedade decente sólida, e non nunha sociedade de mercado fráxil

Supoño eu que é algo que o Goberno de España tamén busca co seu Plan de Recuperación centrado no verde e no dixital. Pero cando un revisa as súas dez políticas tractoras non sabe moi ben si o dixital vai ir da man das GAFAM ou non,  ou si o verde é compatible co nuclear, coas actuais concesións hidroeléctricas ou coa electrificación do parque automobilístico. Por pór dous exemplos.

Tamén debo imaxinar que é algo que a Xunta de Galicia procurará na súa inminente Lei de Recuperación da Economía, supoño que para non ser menos que o Goberno Central neste relato mediático da recuperación despois da depresión na que andamos metidos.

Como ninguén me preguntou por tanta recuperación eu prefiro falar de redefinir, reinventar ou resetear. Vexamos de seguido brevemente que quere isto dicir, na miña opinión, en relación a algúns vectores substantivos do noso tecido económico e social.

> NAS FINANZAS: En Galicia non hai un mercado competitivo e está controlado por catro entidades con ánimo de lucro que dependen de grupos inversores globais, só unha entidade (Abanca) non é un megabanco (sistémico dise). Contando con unha das fortunas maiores do mundo non se entende ben que unha Fundación non replicase aquí unha Kutxabank. Precisamos novos actores non dominados polo ánimo de lucro (Kutxabank é 100% dunha Fundación) que socialicen os seus beneficios (vía Obra Social). Tamén Cooperativas de Creto, Caixas Rurais, ... apoiadas por clientes preferentes públicos (Prada 2016: 8).

> NA ENERXÍA: De novo estamos diante dun oligopolio de mega empresas globais e privativas (Naturgy, Iberdrola, Repsol) ou do sector público italiano (Endesa). As nosas fontes renovábeis (eólica, hidráulica, biomasa, etc.) poderían ser a base de empresas locais que fixaran aquí as rendas dos recursos e o seu uso, para avanzar cara o non uso de recursos fósiles (Prada 2016: 8). Alimentando unha demanda interna que permitise electrificar boa parte do transporte en canais colectivos. A carencia de axentes financeiros propios e o absentismo público explican a desfeita, pero tamén as concesións públicas do pasado que deberan recuperarse e as futuras que deberan facerse a iniciativas sen ánimo de lucro de ámbito local

> ELECTROINTENSIVAS-ALUMINIO: Non podemos mantelas con térmicas (cambio climático) como fixemos moitos anos, nin con nucleares como se quixo facer (e pode volver baixo da etiqueta do “limpo”). Os megavatios renovables propios poden e deben alimentar empregos e usos internos de maior valor engadido. Porque tampouco temos bauxita.

> AUTOMOCIÓN: A existencia dunha mega empresa de ensamblaxe, que depende do estado francés e chinés, localizada para exportación global depende agónicamente da desvalorización salarial, mentres ao tempo alimenta un modelo de transporte insostible. Debemos reorientar as empresas auxiliares cara equipos de transporte colectivo e de enerxía sostible co apoio do Estado (por caso Zona Franca) (Prada 2016: 8).

> CONFECCIÓN: Neste caso contamos cunha mega empresa de base local (Inditex) que en realidade é un holding de medianas empresas (agás Zara e outras marcas minoristas). A súa saída a bolsa forzou un crecemento explosivo e moi incerto que por exemplo IKEA non segue. Se no seu capital tivese cota importante unha Fundación privada sen ánimo de lucro e para Obra Social do seu entorno familiar, socializaría máis e mellor os seus resultados (hoxe en boa medida deslocalizados).

> ALIMENTOS DA TERRA E DO MAR: Precisamos máis cooperativas de transformación e comercialización alimentaria, e canais curtos de distribución a consumidores locais (educativos, sanitarios, etc.). Con menos proteínas animais e máis vexetais, e con variedades locais diversificadas, reducindo inputs químicos. Para estas, e en xeral para todas as manufacturas, tal como dicíamos nun informe de 2007: “As modernas canles de distribución autóctonas deberían privilexiar un segmento de calidade e doméstico en relación ás denominacións de orixe alimentarias, ás empresas cooperativas e ás manufacturas rexionais, como unha panca para a defensa duns prezos baseados en metas de calidade e identidade”.  

> MONTES: Procurar a captura por produtores de proximidades das rendas enerxéticas (eólica, hidráulica, biomasa). Tamén do pastoreo extensivo con base as terras non agrarias e a diversificación e multifuncionalidade forestal e madeirable. Reestruturación e posta ao día do proceso madeira-reciclaxe-papel. Dotar unha renda básica de acompañamento a tarefas silvícolas e de asistencia social no mundo rural.

> SANIDADE: Vigo con un hospital público (Cunqueiro) nun edificio privado e con  unha alta cota de usuarios nun centro privado-concertado (Povisa) é un exemplo de manual da subordinación e abdución dun servizo público a lóxica do mercado privado. Subordinación que tamén se sofre nas formas precarizantes de contratación do persoal en ambulatorios públicos. Así como nuns obxectivos de xestión pública que poñen o aforro en custos (laborais e outros) por riba da calidade do servizo.

> ENSINO: A crecente cota de ensino privado, concertado e en pos grados para quen os poida pagar, alimenta unha exclusión social sobre outra previa. Que, con frecuencia, se ampara con fondos que se sustraen a mellora a oferta pública (en rateos de profesores  e espazos) no que atinxe á resiliencia e a inclusión social.

> SERVIZOS SOCIAIS: A cota de oferta pública de prazas de residencia para maiores en Galicia é das máis baixas de España. O modelo privado de máximo ánimo de lucro non garante resiliencia e dignidade. Este desequilibrio debe corrixirse, a escala de cada comarca, e completarse cunha cobertura pública no domicilio propio. Para os máis novos dotar un parque público de vivendas para alugueiro axustado ós ingresos, na medida do posible vía restauración con eficiencia enerxética.

NOVOS SERVIZOS: As GAFAMs globais e oligopólicas son unha bomba de incertezas (sociais-democráticas, de resiliencia-autonomía, de desemprego e secesión fiscal). A UE debe contar cunha opción 5G e big data propia fronte ao telón dixital de Chimérica. Os distribuidores locais, transportes, comercio, finanzas, turismo, servizos xeriátricos, medios de comunicación deben contar con plataformas dixitais propias a escala galega. Como dicíamos no xa citado informe de 2007: “non é irrelevante contar con canles autóctonas (GADISA, FROIZ), a poder ser, vinculadas coas manufacturas locais”.

> NO TERRITORIO: O xigantismo urbano, a xentrificación, a conxestión, ... son caldo de cultivo da exclusión social e da non resiliencia. Pola contra as vilas de tamaño mediano, interconectadas a escala comarcal con medios de transporte limpos, deben ser o punto de equilibrio entre as mega urbes e unha dispersión caótica e despilfarradora. A demarcación provincial debe ser superada e suprimida (Prada, 2016: 7).

> TRANSPORTE: A combinación ferroviaria e portuaria para as mercadorías e a ferroviaria e tranviaria para pasaxeiros debe ganar cota fronte ao transporte por estrada (por camión ou turismo, mesmo electrificados). Algo que xa anotabamos no ano 2007: “as carencias do transporte ferroviario e a súa ausente inserción nunha estratexia portuaria intermodal tanto transoceánica como para a cabotaxe europea”. Tamén debera gañalo fronte a un uso abusivo do avión que no caso turístico debera xa ser racionado cun cupo anual por persoa.

Mapa de Galicia. / Mundiario

Fonte: Prada, A. e Álvarez Corbacho, X. (2008: 10)

> DEMOGRAFÍA: A regresión demográfica da poboación nacida en Galicia debera ser unha oportunidade para a inclusión de poboación inmigrante en ocupacións que o demanden, e debera deixar de coexistir cunha emigración de mozos en ocupacións hoxe infra dotadas (no ensino, sanidade, investigación, coidado do medio ambiente, ...)

> FISCALIDADE E RECURSOS PÚBLICOS: As rendas e bases non salariais (de particulares e das empresas) deben aportar -como pouco- o mesmo porcentaxe que achegan hoxe as rendas salariais nos impostos e nas cotizacións. Tamén se debera contar cunha achega crecente de Obra Social de Fundacións privadas sen ánimo de lucro para dinamizar actividades colabourativas e do pro-común (por caso Wikipedia). Na escala da UE deben recadarse ingresos que os grandes grupos presionan para devaluar nos Estados.

> EMPREGO E NON EXCLUSIÓN: De todos os vectores anotados derívanse unhas oportunidades de emprego digno e local (sobre todo en servizos) que compensarán as amortizacións doutros empregos derivadas da dixitalización e automatización nas manufacturas. Procesos estes que deberan ser usados con moito tino nos servizos. Fronte ao crecente traballo temporal, a distancia e non salarial, crecente redución de xornada con contrato estable.

> GALICIA, ESPAÑA E O GLOBAL CHIMERICANO: O mellor encaixe de Galicia nos mercados internos do resto da península verase facilitado e reforzado na medida en que Madrid, Barcelona ou Valencia deixen de actuar como nodos dunha economía global que non respecta estándares laborais, fiscais e ambientais nunha galopante igualación-desvalorización por abaixo. @mundiario

Estas propostas actualizan traballos previos do autor:
 

[1] Hoxe en España quen marca o paso na loita contra da pandemia sanitaria non é un Comité Científico de Saúde Pública (que xa nin se reúne) senón os lobbys da CEOE e do Banco de España.

 

Comentarios