Por fin, uns Orzamentos Xerais do Estado

IVA_Colaterales
IVA, en galego IVE.
Resulta absolutamente preocupante fiar a un consumo normal o poder recadatorio vía IVE nunha conxuntura na que o consumo está en regresión e non hai ningunha expectativa razoábel de que se poida normalizar.
Por fin, uns Orzamentos Xerais do Estado

Chegarán a ser aprobados por fin uns orzamentos do Estado despois deste longo período de provisionalidade de orzamentos prorrogados? Os vixentes son a prolongación dos aprobados no seu día no Goberno de Mariano Raxoi en 2018 –coñecidos como orzamentos Montoro ou, en chave cómica, duracell- de tal forma que é a primeira vez, desde 1978, en que un orzamento dura tres períodos consecutivos: o primeiro, o legal necesario, e os outros dous, por imposibilidade parlamentar de chegar a cobrir os requisitos necesarios de elaboración e aprobación.

Na teoría económica da facenda pública dise que a elaboración, presentación e aprobación dos orzamentos anuais é a misión política máis importante dun goberno. Mais tamén é certo que o só exame cuantitativo das contas non reflicte enteiramente a acción gobernamental xa que o Estado é moito máis que o quantum dun orzamento. As mesmas cantidades de fondos disponíbeis, dependendo de como se gasten, en quen se gasten, o retorno que poidan producir e a distribución territorial das mesmas..., producirán efeitos completamente distintos. Mesmo engadiríamos que o goberno e as outras institucións do Estado teñen misións decisivas que van máis alá do uso dos fondos orzamentarios. Hai actuacións organizativas, diplómaticas ou simbólicas con influencia importantisima no devir político dun país.

Partidos e nacións  

No presente limitámonos á análise dos orzamentos presentados (por agora en roda de prensa) para coñecer as liñas mestras da política económica do goberno, e o exame da súa capacidade parlamentar de concitar e conseguir acordos entre as distintas forzas políticas. Hai aínda unha última consideración, xa que, no caso español, os partidos políticos representan non só grupos sociais distintos senón que teñen tamén representatividade das distintas nacións ou rexións, no seu caso, é dicer, contan cun débito distrital (que aquí non ten outra expresión), pero que si responde ás distintas necesidades económicas dos diferentes espazos cuxa desigualdade fica de manifesto período a período.

Ese dobre xogo sen solucionar aínda hoxe –despois de máis de 40 anos de Cortes democráticas– engade unha enorme dificuldade ás negociacións políticas, sexan estas de orzamentos ou de calquer elaboración legal en sede parlamentar. A configuración artificiosa, mesmo afuncional, do Estado e o descanso mol en partidos fortes (no sentido numeral máis que territorial) foi quen de garantir un camiño a tropezóns porque habendo dous grandes grupos, PSOE e PP,  reproducíase o que sempre se fixo ben en Madrid: a alternancia cómplice. Esta consiste en que “hoxe por min e mañá por ti”, e así imos contemplando como se suceden os anos sen se resolver graves problemas de estrutura política, esperando que o maná doutras eleicións devolva a “normalidade” dunha entente entre dous. Ou ben, como no presente, e como exercicio ‘filibustero’ no Parlamento e nos meios de comunicación vinculados ao poder fáctico, non gardar recoñecemento nen respeito democrático á maioría conseguida cun acordo novidoso.

Estas consideracións son para nós previas á análise do contido dos acordos acadados entre PSOE e UP que permiten chegar finalmente a un documento único para aprobar en Consello de Ministros e presentar nas Cortes. Agora resta por examinar o que ese acordo pode dar de si no momento económico máis díficil das últimas décadas. Parece que houbo un ‘mal fario’ e está todo en contra de que as cousas económicas poidan saír, non ben, senón que poidan simplesmente conseguir bordear o desastre.

Bruxelas

Presentáronse en Bruxelas por necesidade legal unhas previsións de ingresos que alcanzasen un incremento recadatorio necesario de 6.800 millóns de euros. Hoxe soubemos que os incrementos recadatorios sobre o IRPF, sobre as rendas de capital e do imposto de sociedades (cuxo desenvolvemento non coñezo) permitirán un incremento pola vía directa (impostos directos) duns 550 millóns de euros e farían falta aínda 1.500 millóns a conseguir pola vía da imposición indirecta, vale dicer, IVE nomeadamente. Ímonos aforrar a valoración en ética fiscal entre imposición directa e indirecta. É ben sabido o carácter regresivo do IVE.

O que ademais resulta absolutamente preocupante neste caso é fiar a un consumo normal o poder recadatorio vía IVE nunha conxuntura na que o consumo está en regresión e non hai ningunha expectativa razoábel de que se poida normalizar: nen o doméstico, nen o de vida fóra do fogar, nen o asociado ás actividades lúdicas nen o vinculado ao turismo parecen poder remontar no primeiro semestre de 2021. De calquer xeito é ben rechamante que vaia ser o IVE o encargado dunha carga recadatoria tan elevada en contra directamente dos intereses sociais que se di representar.

O gasto social

Hai outros aspectos que chaman a atención na presentación realizada: o interese supremo en resaltar o gasto social. Se ben é certo que para solventar a curto prazo estados de necesidade manifesta só queda o recurso do gasto directo e compensatorio, tamén é ben certo que esta actuación só é iso, paliativa: non cura nen solventa o problema.

Un parado precisa traballo, non subsidios. Un desprazado sen vivenda, porque non pode pagala, precisa vivenda e ter condicións laborais para facerlle frente. E os alugados precisarían non esperar polo que os concellos determinen a respeito do prezo dos alugueres (que parece ser que é o contido nos orzamentos) senón moradas públicas sociais para vivir dignamente e non esperando as esmolas.

Iremos observando, e, a medida que coñezamos polo miúdo os orzamentos, poderemos achegar conclusións máis acaídas. @mundiario

Comentarios