"Que non se equivoque a Xunta, porque nós somos maioría no mar"

Bandera de la UE. / facebook.com
Bandeira da UE. / facebook.com
Un veterano patrón e armador con base nun dos portos do Barbanza advirte a Xunta de que farán chegar a Unión Europea e ao Goberno de España o que se está a facer aquí co que se lexisla en Bruxelas e en Madrid.
"Que non se equivoque a Xunta, porque nós somos maioría no mar"

Armadores e tripulantes da  frota cerqueira galega queren, na súa inmensa maioría,  sair á rúa para pisar con forza e demostrarlle á Xunta que por moita maioría outorgada polos cidadáns galegos ao PP nas últimas eleccións, no mar son eles os que teñen a última palabra. O cerco quere sardiña e quere, sobre todo, explicacións do silenzo que o goberno de Núñez Feijóo e os armadores que rexeitaron o establecemento de cupos gardan dende vai tres anos en torno ó consentimento que a Consellería do Mar concede a aqueles barcos que botan en terra un mínimo de 30.000 quilos de sardiña ou xurelo cada día e outros, a maioría, han conformarse con 10.000 e todos calados. Mesmo con prezos que non acadan valores superiores a 30 ou 40 céntimos o quilo. Un prezo que, certamente, para aqueles que non poden superar os 10.000 quilos resulta insuficiente, pero que fai calar barbas a aqueles outros -os do bando escuro, din- que capturan e venden tres veces máis cada xornada e que fai máis rendible o traballo de pescar.

Como consinte tal disparate o partido de goberno na Xunta que votou maioritariamente Galicia? Ou é que isto é o quere o sector pesqueiro? Un veterano patrón e armador con base nun dos portos do Barbanza dicíamo ben forte e claro: "Que non se equivoque a Xunta, porque nós somos maioría no mar. Un mar que está cheo de sardiña e de mariñeiros que aínda que non pasen fame, sí teñen necesidades coma os demáis. Necesidades que a Xunta no atende, pero que nós imos facer chegar a Bruxelas e ao Goberno de Madrid para que saiban que se está a facer aquí co que se lexisla en Bruxelas e en Madrid".

Tres anos levan os mariñeiros do cerco galegos para que se chegue a un acordo de cupos diarios para que todos os traballadores da baixura galega poidan vivir onde agora só viven uns poucos, os de sempre. A vindeira semana pode producirse unha verdadeira "revolución", porque pechada a campaña da sardiña ninguén dí nada do por que. Gardan o mesmo silencio que din garda o Ebro ao pasar polo Pilar. E co mar petado de sardiña resulta mortificante ese silenzo cómplice que os cerqueiros pretenden denunciar poñendo negro sobre branco o que está a pasar no sector pesqueiro de Galicia, un sector que a Xunta semella descoñecer ou polo que ten intereses dos que non quere falar.

Do cupo de sardiña adxudicado a Galicia debían quedar cando menos 15.000 toneladas máis para pescar cando se suspendeu a campaña. Pero esta péchase por máis que na Xunta sabían -e saben- que os armadores galegos, para sobrevivir, están comprando sardiña no Golfo de Cádiz.

A maioría do cerco está expectante, disposto a pisar as rúas e proceder, novamente. ó amarre de barcos. "Van enterarse en Santiago do que é un sector unido e cabreado, que non admite máis tomaduras de pelo nin enganos de tres por catro. Afirmo que o mar está cheo, absolutamente cheo, de sardiña. Pero esta está reservada para os que calan porque viven ben co pano na boca. Pois rematou o silencio. Diremos alto e claro que é o que está a pasar no mar". Van escoitar, din os mariñeiros, por máis que non queiran oir. @mundiario

Comentarios