Ence: rectificar é de sabios, agora tocan os compromisos

Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime
Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime

Agora unha brisa de aire fresco recorre o noso país en tempo de eleccións  ao desistir o Goberno de Pedro Sánchez de defender a prórroga de Ence nos tribunais. Desexamos que non sexa unha simple brisa...

Ence: rectificar é de sabios, agora tocan os compromisos

Quen se lembra xa de que en febreiro do 2016 –vai para tres anos– o pleno do Concello de Pontevedra declarara ao Presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy,  “persoa non grata”  para mostrar así o rechazo a prórroga concedida da concesión da empresa Ence na Ría de Pontevedra. Moitos lembran que Rajoy foi cualificado de veciño indigno de Pontevedra por traizoar a cidade e aos seus habitantes.

Agora segundo os medios de comunicación, entre eles MUNDIARIO, dende  o Goberno modifícase o criterio do anterior Goberno e négase a defender a ampliación da concesión ate o ano 2073. Os avogados do Estado din que a ampliación da concesión non se axusta a dereito e argumentan que as instalacións deben cambiar de ubicación ao existir outros emprazamentos máis adecuados, conforme establece a Lei de Costas.

En xullo do ano pasado escribía nun artigo en MUNDIARIO co tíduo A contaminación da Ría de Pontevedra, en mans do Goberno de Pedro Sánchez, no que sostiña que  Ence sempre se sentiu segura e cómoda no seu emprazamento sen que lle importaran ren as críticas cidadáns polas súas emisións, cheiros e perdas en recursos mariños, turísticos, porque detrás estaban as boas relacións entre a empresa Ence e os Gobernos do PP  (de España e da Xunta) e mesmo se poñía de exemplo que no seu consello de administración se sentaban dende facía anos xa unha ex-ministra de Medio Ambiente e un ex conselleiro da Xunta de Galicia do mesmo ramo.

Ence non so inflúe na cidade de Pontevedra, senón que incide directa ou indirectamente en 600.000 hectáreas  do territorio. As masas puras e mestas de eucaliptos que van abastecer a esta industria en Galicia e Asturias  ocupan case a quinta parte do territorio galego  e  fabricar  pasta  de celulosa  para a exportación conleva custos sociais, económicos e ecolóxicos notables, pois non esquezamos que estamos ao pé dunha das rías máis produtivas do mundo rica en moluscos, crustáceos e peixes e onde existe acuicultura e cultivo mariño.  

Tamén se dicía no artigo de xullo pasado que a prórroga concedida foi unha auténtica burla en forma e en contido e como da Xunta xa non podiamos esperar ren, si de verdade o Goberno de Pedro Sánchez quería facer outra política, unha nova política, tiña o momento e a oportunidade. Debera  anular a prórroga e marcar con data o peche da celulosa. Galiza e Pontevedra en particular estaban a espera.

O tempo transcurriu e de xullo a hoxe o silencio do Goberno sobre Ence foi total, mentres a empresa se engrandecía aumentando a produción de pasta, asentándose máis, véndose máis segura, tendo máis beneficios, facendo cada vez máis propaganda agresiva a favor do eucalipto nos medios de comunicación, alentando a seguir e seguir prantando eucalipto eucalipto... Agora unha brisa de aire fresco recorre o noso país en tempo de eleccións  ao desistir o Goberno de defender a prórroga de Ence nos tribunais. Desexamos que non sexa unha simple brisa, gostaríanos máis que existiran ventos fortes de compromiso e compromisos serios con data de caducidade que levan reclamando dende Pontevedra e dende toda Galicia dende fai moitos moitos anos. 

Todos sabemos que mesmo os pasos pequenos, si se quere, poden levar a un moi lonxe. @mundiario

Comentarios