Empeoramento xeralizado do pluralismo mediático en España, segundo o 2020 Media Pluralism Monitor

Un quiosco de Santander donde ya se anuncia que no hay prensa. / Mundiario
Un quiosco de Santander no que se anuncia que xa non hai prensa. / Mundiario
A publicidade institucional, que pode ser vista como unha forma de apoio aos medios, continúa a ser un asunto problemático en moitos países, debido á falta de regulacións que aseguren que se reparte seguindo regras xustas e transparentes.
Empeoramento xeralizado do pluralismo mediático en España, segundo o 2020 Media Pluralism Monitor

O pluralismo mediático e a liberdade de prensa sufriron estancamento ou deterioro en toda Europa ao longo dos anos 2018 e 2019, sendo especialmente alto o risco no que se atopa a pluralidade do mercado, segundo o 2020 Media Pluralism Monitor, de European University Institute. No caso de España, revélase un "empeoramento xeralizado" do pluralismo mediático e un "preocupante" deterioro das liberdades de expresión e información, como destaca a web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O 2020 Media Pluralism Monitor (MPM2020) é un estudo baseado en datos científicos que documenta os riscos para o pluralismo mediático nos Estados membros da Unión Europea, así como nos países candidatos e no Reino Unido. Os resultados do informe, que corresponden aos anos 2018 e 2019, mostran un estancamento ou un deterioro do pluralismo mediático e da liberdade de prensa en todas as áreas estudadas.

O MPM2020 reflicte a pluralidade do mercado como o factor cun maior risco, onde ningún dos países analizados aparece con risco baixo. Considera que a sustentabilidade dos modelos comerciais dos editores de medios está cada vez máis ameazada, coa irrupción dos intermediarios dixitais que desprazan os ingresos dos editores tradicionais e a concentración da propiedade que pon en perigo o pluralismo do mercado en toda Europa.

No que fai á independencia política, o informe insiste en que a publicidade institucional, que pode ser vista como unha forma de apoio aos medios, continúa a ser un asunto problemático en moitos países, debido á falta de regulacións que aseguren que se reparte seguindo regras xustas e transparentes. Alertan especialmente sobre a falta de transparencia nos medios dixitais, fronte á maior regulación dos audiovisuais. Ademais, o MPM2020 asegura que a independencia dos medios públicos está en risco polo nomeamento de direccións politicamente dependentes, especialmente na Europa central e do leste. 

Outro dos aspectos estudados é a inclusión social, onde se salienta que só catro dos países teñen normativas efectivas contra os delitos de odio na internet. O acceso aos medios das minorías e as mulleres aparecen tamén como os factores cuns maiores niveis de risco. Así mesmo, cinco países carecen de políticas de alfabetización mediática, e do resto só en seis se trata de políticas integrais.

Por último, en canto a protección básica o documento asegura que a seguranza física e dixital segue a ser un problema a medida que aumentan as ameazas e o acoso contra xornalistas en toda Europa, especialmente contra as mulleres. A fonte principal de risco é a falta de transparencia das plataformas online á hora de xustificar e informar sobre as súas políticas de moderación de contidos, pero a protección insuficiente dos denunciantes, a precariedade laboral dos xornalistas, o uso arbitrario de demandas ou leis que permiten a recompilación masiva de datos por parte das forzas de seguridade representan tamén ameazas significativas.

En canto aos resultados específicos sobre España, estes reflicten "un empeoramento xeralizado" do pluralismo mediático en España, que atribúen á "polarización" do contexto político. Así, cualifícase de "preocupante" o deterioro das liberdades de expresión e información, especialmente desta última, na que detectan un alto risco tras os aumentos dos ataques a informadores. Igualmente, alertan dun alto risco no que fai á concentración mediática.

Para atallar estes riscos, o relatorios sobre España recomenda derogar ou modificar as leis que restrinxen as liberdades de expresión e información, garantir a seguranza dos xornalistas coa participación activa dos poderes políticos e civís na defensa dos informadores, asegurar a imparcialidade da RTVE e fomentar o acceso das minorías aos medios e o uso das diferentes linguas nos medios públicos. @mundiario

Comentarios