O eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia é o principal obxectivo galego de comunicacións

La cabecera de la edición GALICIA de MUNDIARIO sobre la desembocadura del río Miño, entre Galicia y Portugal. / Antonio Sangiao
Cabeceira da edición GALICIA de MUNDIARIO sobre a desembocadura do río Miño, entre Galicia e Portugal. / Antonio Sangiao
Para Galicia, a comunicación con Porto e Lisboa é o vector fundamental que lle garante a integración transfronteiriza entre máis de 7 millóns de habitantes (máis de 3,3 do norte de Portugal e 2,7 galegos) e a solución para levar cara Europa as mercaderías producidas ou desembarcadas na eurorrexión.
O eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia é o principal obxectivo galego de comunicacións

O eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia é a principal ferramenta de futuro de Galicia. O Goberno de Pedro Sánchez, como antes Aznar ou Felipe González priorizan a radialidade con centro en Madrid, arestora trasladando esta radialidade á comunicación con Lisboia. Mais o Goberno e os  principais partidos portugueses, por primeira vez nos últimos 35 anos (desque entramos galegos e portugueses na UE) priorizan o eixo atlántico con Galicia. Menos mal que nos queda Portugal...

Xa cos primeiros Borbóns, a mediados do século XVIII, definíronse as comunicacións por estrada dentro da península ibérica de xeito radial, malia que daquela as estradas a Madrid chamábanlle de Castela (Madrid era daquela un pobo sen muralla nin rúas de pedra). O primeiro camiño de ferro da península foi o Matarò-Barcelona, mais axiña o favor da Monarquía borbónica e dos seus Gobernos a prol de determinados traxectos construiu unha rede ferroviaria radial con centro na vila de Madrid. Ronsel que seguiu Primo de Rivera no seu plan de estradas dos anos 20 do século pasado. Valentín Paz Andrade cóntanos como no 1925-26 a reivindicación dun bó camiño de ferro entre Galicia e Francia (fronte ao tren de Madrid que seica cumpría priorizar, segundo dicía o entón gobernador) determinou o peche do xornal Galicia que dirixía e o seu encarceramento pola decisión daquel tirano.

No franquismo radicalizouse esta radialidade a prol de Madrid, o que sabe case todo o mundo. O que xa non se coñece tanto é a salvaxe recentralización económica e potenciamento deste esquema radial que desenvolveron os gobernos de Felipe González e JM Aznar, deseñando un aeroporto xigante en Madrid, pretendido único hub aeroportuario do Estado, o que destinaron 6.000 M€ (un billón de pts., con “b” de burro) e construíndo un tren de alta velocidade (TAV) que puxera todas as capitais de provincia “a menos de tres horas de Madrid” (Aznar dixit). Un recente estudo da Generalitat  valenciana achega un dado arrepiante: entre 1988 e 2018 case o 44,5% dos investimentos públicos no Estado fixéronse na rexión madrileña, con menos do 18% do PIB e da poboación. O proxecto da España borbónico, primoriverista, franquista, felipista e aznarista sempre foi radial e centralizado.

Na Península Ibérica existen tres eixos fundamentais en termos de transporte de mercadorías e interconexión entre portos e camiños de ferro: o eixo cantábrico Galicia-Euskadi-Francia, o atlántico A Coruña/Ferrol-Vigo-Porto-Lisboa e o mediterráneo. Tres eixos que foron abandonados durante ducias de anos, malia que arestora o valenciano ministro Ábalos tente reverter o atraso do corredor mediterráneo, o que a exministra Pastor non foi quen a facer co eixo atlántico.

Para Galicia a comunicación con Porto e Lisboa é o vector fundamental que lle garante a integración transfronteiriza entre máis de 7 millóns de habitantes (máis de 3,3 do norte de Portugal e 2,7 galegos) e a solución para levar cara Europa as mercaderías producidas ou desembarcadas na eurorrexión. Solución, ademáis, cofinanciada con folgura polos recursos da Unión  Europea que quere integrar ambos os dous territorios fronteirizos e non aposta por trapalladas recentralizadoras.

Porén, o Goberno de Sánchez e Iglesias non lles está por esta solución e na recente cimeira ibérica propuxo priorizar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid no canto do noso eixo atlántico. Portugal, por primeira vez dende o ingreso de ambos os dous Estados na UE, priorizou os evidentes intereses atlánticos sobre esta trapallada. E esixiu a atención bilateral e prioritaria a respecto do eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia. Como cantaba o noso Siniestro Total: menos mal que nos queda Portugal... @mundiario

Comentarios