A Covid-19 abre as portas a un mundo no que o diñeiro en efectivo perde relevancia

Luis Otero, Santiago Lago e Pablo Durán. / Mundiario
Luis Otero, Santiago Lago e Pablo Durán. / Mundiario
Ante o novo panorama empresarial post pandemia, Galicia precisa potenciar o apoio ao emerxente sector Fintech, segundo as conclusións dun novo informe do Foro Económico de Galicia do que son autores os profesores Luís Otero e Pablo Durán.
A Covid-19 abre as portas a un mundo no que o diñeiro en efectivo perde relevancia

Detrás de Google Wallet, PayPal, Apple Pay, Samsung Pay, Bizum, as novas formas de pago que crecen de maneira exponencial, está un puxante sector que une banca e entidades financeiras con tecnoloxía para ofrecer un servizo moito máis flexible, rápido e seguro aos millóns de operacións financeiras que se levan a cabo diariamente. Trátase das empresas Fintech, un concepto que fusiona o mundo financeiro e o tecnolóxico e dixital, e que é o responsable do cambio transcendental que se está a observar no sector financeiro.

A distancia social que impón a actual crise sanitaria está a impulsar o negocio online onde destacan as fortalezas das empresas Fintech. De feito, moitas entidades financeiras están a recorrer ás Fintech para mellorar a súa oferta de produtos online. O obxectivo básico do documento presentado esta mañá polos profesores da USC Luís Otero e Pablo Durán é analizar o estado actual do sector Fintech galego e valorar a posibilidade de configurar un ecosistema que favoreza o emprendemento Fintech en Galicia.

A Covid-19 tamén impulsou o uso de medios de pago dixitais para evitar pagos en efectivo e superficies infectadas, ámbito onde as Fintech son moi innovadoras. Por outra banda, a exclusión financeira ao que aínda están sometida unha porcentaxe elevada da poboación mundial, require dun maior esforzo nun mundo sen efectivo. É aquí onde se abre unha gran oportunidade para as Fintech, prestando un servizo a menor custo a seccións da sociedade máis vulnerables. Neste senso rexístrase un notable incremento de usuarios de novos servizos nos cales as novas tecnoloxías determinan a forma de interactuar entre os distintos axentes. Cada vez prodúcense máis operacións, ao tempo que as visitas ás dependencias físicas a entidades financeiras están a diminuír.

A oportunidade que ofrece este sector en materia de creación de empresas e postos de traballo xa se puido constatar noutros países e comunidades autónomas, como Madrid e Cataluña.

O sector Fintech a nivel mundial contaba a finais de 2018 con máis de 12.200 startups (Szmigiera, 2019) e o valor total dos investimentos en empresas Fintech acadou os 111.800 millóns de dólares. Os tres países que contan coas principais empresas do sector son Estados Unidos, Reino Unido e China.

Aínda que España non se sitúa neses primeiros postos a nivel mundial, si conta con empresas deste tipo e o sector está a crecer. Así, o Mapa Fintech de Finnovating en febreiro de 2019 recollía 337 startups españolas en diferentes ámbitos (pagos, préstamos, divisas, etc.), en xullo de 2019 indicaba 358 e en outubro de 2019 subía a 371. As comunidades con maior cantidade destas empresas son Madrid e Barcelona (159 e 75 respectivamente). Galicia ocupa o quinto lugar con 12 empresas (7 na provincia da Coruña e 5 na de Pontevedra) o que pon de relevo a necesidade de deseñar unha estratexia que favoreza tanto a expansión das existentes como o nacemento de novas iniciativas.

Portugal tamén está inmerso nesta senda de crecemento do sector Fintech, Segundo Fintech Portugal, en outubro de 2019 o pais veciño contaba con 116 empresas, duplicando o número respecto a 2017. As empresas do sector prevían crear en España 3.500 empregos directos nos próximos 12 meses.

Propostas do Foro Económico de Galicia

Froito da análise realizada, os expertos do Foro Económico de Galicia que dirixe Santiago Lago propoñen unha serie de recomendacións como son: apoiar o desenvolvemento do talento, modificación de plans de estudo de titulacións para adaptalas á nova contorna tecnolóxica, mellora das infraestruturas, propiciar o aumento da demanda de solucións Fintech mediante a demostración a clientes dos beneficios das solucións Fintech, incremento do financiamento público-privado para atraer capital á industria Fintech, posibilidade de incentivos fiscais de carácter rexional, colaboración entre laboratorios de innovación, incubadoras e aceleradoras, colaboración con institucións como Fintech Spain e o desenvolvemento de proxectos na eurorexión en colaboración coa asociación Portugal Fintech, para a configuración dun hub especializado. @mundiario

Comentarios