Contas arredor do IVE

María Jesús Montero. / Ministerio de Hacienda
María Jesús Montero. / Ministerio de Hacienda
A débeda dos 200 millóns de euros do IVE amosa a capacidade recadatoria e, xa que logo, a potente actividade económica galega.

A falcatrúada da ministra Montero á conta dos 200 M€ recadados polo IVE na Galicia en decembro de 2017 acadou o rexeitamento xeralizado da cidadanía. Mais cómpre tirar deste fío para entendermos a inxustiza dun sistema de financiamento que condena á insuficiencia de recursos á sanidade galega e demáis servizos públicos. 200 M€ son o 8% dos 2500 M€ adebedados ás CC.AA. todas, agás Euskadi e Nafarroa que recadan cadanseus impostos. Logo recadamos por IVE bastante máis que o que nos cómpre por PIB (5,5% do total estatal) conxunto do Estado. Isto quere dicir que a actividade económica real é moi superior á contabilizada a prol de Galicia. Por exemplo, PSA e Alcoa teñen o seu domicilio fiscal fóra do país e computan fóra.

Os números son abraiantes. No 2017 recadáronse 12.214 M € de impostos, dos que só uns 7.650 M€ voltaron ao Orzamento da Xunta vía financiamento do Estado. Os 4700 M€ da diferenza fican en Madrid. Porén, hai que pagar os policías, defensa, xuros da débeda e demáis servizos estatais. Mais non valen 4.700 M€/ano. Euskadi paga entre 1300 e 1550 M€ co 6,24% do PIB estatal. Galicia, co 5,5% habería pagar uns 150-200 M€ menos. Si, botaron ben a conta: perdemos (por non dicilo doutro xeito) 3300-3400 M€/ano que van a Madrid e non volven.

Os nosos concellos receben do Estado só o 3,3% dos fondos de financiamento local, cando por poboación nos cumpre o 5,2%. Porque Madrid financia directamente cada concello priorizando a súa poboación. Velaí a perda de 600 M€/ano que mellorarían o financiamento dos servizos públicos locais en Galicia.

O unionismo centralista adoita opór a estas punxentes realidades a insuficiencia das cotizacións galegas á SS para financiarmos as prestacións que percebemos na Galicia. Mais se os impostos son cuestión de territorios as pensións perténcenlle ás persoas. Moitos pensionistas galegos gañaron o seu dereito de pensión cotizando fóra do noso país. Mesmo o seu ventureiro regreso a Galicia no outono da súa vida supón unha tensión engadida para o financiamento da sanidade pública galega. Xa que logo, votemos para financiarmos os nosos servizos recadando os nosos impostos, sen acreditarmos na ladaíña dunha inexistente solidariedade que só tenta anular o noso autoaprezo.  @mundiario


 

Comentarios