O conselleiro de Cultura salienta que os peregrinos xeran un "efecto multiplicador" na economía

Román Rodríguez na TVG. / Mundiario
Román Rodríguez na TVG. / Mundiario

Incide "sobre todo nas zonas rurais”, en moitas das cales “o único estímulo de desenvolvemento é o Camiño de Santiago”, suliña Román Rodríguez.

O conselleiro de Cultura salienta que os peregrinos xeran un "efecto multiplicador" na economía

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, entrevistado por Fran López Iglesias no ‘Bos días’ da TVG, falou do plan estratéxico do Xacobeo 2021, no que participaron “arredor de 600 persoas”. Román Rodríguez asegurou que un dos obxectivos do vindeiro Ano Santo é que os “seus efectos se sintan ao longo do tempo” e “que sexa sustentable”. “Non queremos que sexa flor dun día, queremos que, obviamente, haxa un prexacobeo e un posxacobeo”, expresou. Ademais, insistiu en que esta celebración “ten que servir para pór enriba da mesa o orgullo de ser galego”.

O conselleiro Román Rodríguez contou que por parte da mocidade percibiu “unha boa receptividade”, e engadiu que “no proceso de elaboración do plan estratéxico" fixeron "dúas mesas centradas na xente moza de Galicia”. Asegurou que as persoas máis novas “son esixentes e teñen uns valores sociais e ambientais” e “unhas perspectivas vitais diferentes á nosa xeración”.

Respecto ao Camiño de Santiago Román Rodríguez apuntou que os peregrinos xeran un "efecto multiplicador" na economía (...), "sobre todo nas zonas rurais”, en moitas das cales “o único estímulo de desenvolvemento é o Camiño de Santiago”. Román Rodríguez afirmou que no ano 2018 “chegaron máis dun 60 % de peregrinos estranxeiros”, e considerou que “é fundamental que sexamos capaces de crear unha estrutura que permita que estean máis días” en Galicia. Ademais, apuntou que “son os nosos mellores embaixadores no mundo” pois “practicamente o 100 %” recomenda a experiencia.

Por outra banda, afirmou que co Concello de Santiago “ata o momento estamos demostrando (...) uns lazos de cooperación que son fundamentais” e salientou que “o Concello ten que facer a súa función de acollida”, pois “todos os peregrinos chegan a Compostela”. “Todos queremos que o Ano Santo, o Xacobeo, sexa un gran suceso”, destacou Román Rodríguez. @mundiario

Comentarios