Castelao soubo combinar o popular e o vangardista, segundo Quico Cadaval

Quico Cadaval. / RAG
Quico Cadaval. / RAG
“A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas. Por iso o teatro nunca se librou de ser unha arte do demo”, salienta Quico Cadaval.
Castelao soubo combinar o popular e o vangardista, segundo Quico Cadaval

A 32ª edición dos cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, coorganizados pola Real Academia Galega e que decorren durante este mes de xullo coa participación de alumnado de máis de vinte países diferentes, contou cunha palestra a cargo do dramaturgo Quico Cadaval sobre a historia do teatro galego, segundo informa Sermos Galiza. “As Irmandades da Fala tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal”, explicou Quico Cadaval no relatorio sobre a historia do teatro galego que impartiu nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”que a RAG coorganiza.

O dramaturgo, director e narrador escénico Quico Cadaval convidou o alumnado a realizar da súa man un repaso pola traxectoria do teatro galego partindo do labor realizado polas Irmandades da Fala. “A comedia sempre provocou desconfianza nas autoridades civís e relixiosas. Por iso o teatro nunca se librou de ser unha arte do demo”, salientou Quico Cadaval. Esgrimiu ademais que ao teatro e ás marionetas chámaselles popularmente “figuras do demo”.

Quico Cadaval sinalou que, de feito, a aposta das Irmandades da Fala por crear un teatro burgués en lingua galega como ferramenta de normalización tamén incomodou o poder. O propio gobernador civil, segundo relatou, apupou o elenco durante unha representación d’O Mariscal (1926), a obra de Ramón Cabanillas inspirada na historia de Pardo de Cela. “As Irmandades tentaron ocupar todas as áreas do coñecemento, da arte e da comunicación en galego, e foi así como a lingua entrou no teatro burgués. Un caso moi significativo, pola grande aspiración que supuxo, foi a creación do poema épico O Mariscal, inspirado nun mito fundamental do nacionalismo galeguista”, sinalou Quico Cadaval e engadiu que as Irmandades precisamente desexaban facer unha ópera porque iso era o máximo da cultura burguesa: “se tiñas unha ópera, tiñas unha nación”, explicou.

O dramaturgo ribeirense Quico Cadaval detívose no caso d’Os vellos non deben de namorarse, onde Castelao soubo combinar o popular e o vangardista. “A compañía Airiños seguiría a representala sempre que puido durante o franquismo, que só autorizaba a súa posta en escena en galego se tiña fins benéficos”, sinalou Quico Cadaval. Xa nos últimos anos da ditadura, produciríase a fundación do teatro profesional galego moderno arredor da I Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, en 1973. A dramaturxia daquela década tivo un marcado compromiso político que a partir dos anos 80 daría paso a un teatro máis humorístico con iniciativas como a artellada arredor da Sala Nasa por Chévere, compañía que logo evolucionaría cara a espectáculos máis elaborados, concluíu Quico Cadaval. @mundiario

Comentarios