O Banco Pastor/Popular, outra peta

La Fundación Barrié junto al Banco Pastor, en A Coruña. / RR SS
A Fundación Barrié xunto ao Banco Pastor na Coruña. / RR SS

A “peta” fai referencia, no argot familiar, ao relatorio de desgrazas descritas por unha señora nun transporte público; todas tiñan consecuencias negativas para o seu peculio particular.

O Banco Pastor/Popular, outra peta

Despois de tornar o choque do nunca visto en época recente: a quebra controlada dun banco, resaltamos algúns aspectos duns feitos do banco que até o último test de stress realizado pola autoridade competente estaba perfeitamente en orde.

A “peta” fai referencia, no argot familiar, ao relatorio de desgrazas descritas por unha señora nun transporte público; todas tiñan consecuencias negativas para o seu peculio particular: remataba con “a peta que levou a peseta” que máis parecía que falaba dunha devaluación da moeda que do seu peto. Pois ben, a compra polo Santander do Banco Popular podemos interpretala en clave da peta que levou,  máis unha vez, a Galiza e o seu futuro, neste caso vinculado á inconcebíbel ausencia de quen ten obrigas de goberno: o desleixo só é indicador de que a concepción das cousas necesitadas de goberno non é a mesma para quen goberna e para algúns dos gobernados, entre os que me inclúo. Non obstante, non é cuestión só de desleixo, senón que, ben mirados os resultados, a inacción incorpora uns resultados apetecidos para quen por fin comprou os restos dun banco deixado caír á mantenta: quérese dicer con isto que as cousas non son o que parecen a primeira vista e convén examinar sempre a quen lle aproveitan, neste caso a outro dos grandes, o Santander, ao que polo visto aínda lle faltaba unha volta máis no virado/esmagado (no senso de concentrado) mercado financeiro.

Dado que contamos con que os bancos non fan operacións de caridade, senón negocios, algo interesante debería ter o quebrado para compralo. Xusto o que ten de interesante para o seu negocio vai significar unha falta para a economía galega hoxe e no futuro inmediato, a saber: as perdas de postos de traballo por peche de oficinas duplicadas, a ausencia de servizo financeiro para Pemes galegas, a ocupación (é o termo que atopei para descreber esa incautación) dos aforros de 60.000 pequenos accionistas galegos afectados que ficaron a CERO. Os centos de empregados accionistas á forza que agora veranse na situación de cero valor accións, cero ingresos de traballo e a débeda do préstamo que tiñan pedido ao proprio banco -nunha especie de “rifas” obrigatorias -para “adquisición” de accións da propia carteira. E, finalmente, pero non menor, a conversión en fume dun patrimonio galego en mans da Fundación Barrié. E aínda temos que escoitar sen nos despeitear que non lle custou nada ao erario público!! Que, como dixo o Sr. Ministro do ramo, foi unha correcta operación sen prexuízo para as arcas públicas, é dicer, pagan os galeguiños e os pequenos accionistas do Popular, colectivizamos o custo e quedamos completamente satisfeitos supostamente sen gastar nada: xa haberá quen asuma, a conta de perder os seus aforros -en número de 350.000 accionistas-  a parte non apetecíbel da operación. A responsabilidade do goberno é xustamente regulamentar as operacións económicas que teñen unha dimensión tal que sobardan cuantitativa e cualitativamente o ámbito do privado. Esa era a xustificación aducida ao converter as caixas de aforro en bancos. Que cambiou agora? Seguiremos observando.

Non obstante, hai aínda unha face desta cuestión que por ser un tema de fondo non adoita ser tratado: referímonos á valoración dos activos do banco, o conxunto de patrimonio tanto en bens inmobiliarios como en investimentos, en futuros bens idem. A chegada da crise á economía española puxo de manifesto o tamaño da burbulla inmobiliaria. O Banco Popular e con el o Pastor, de arrastras, víronse tardiamente afectados pola imposibilidade de realizar no mercado eses bens ou teren que se facer cargo de débedas en forma de inmóbeis. A burbulla non chegou a estourar nen de forma explosiva nen controlada xa que os posuidores da maior parte destes bens (os grandes bancos) non se vían afectados, e as pequenas entidades e demais atinxidas xa foran resgatadas polo Estado na etapa de bancarización das Caixas de Aforros. Quer dicer, os grandes bancos non chegaron a ter problemas coas posesións, xa que, dado o seu tamaño, xogaron a baza de esperar tempos mellores, os moi pequenos foron resgatados e o mediano e tardío (como é o caso do Popular) apandou con todas: ficou con valor de compra 1 euro, é dicer, quebrado. Con esa táctica -a de gardar na arca dos recordos as posesións inmobiliarias-  non se precisaba axustar valoracións a prezos de mercado porque o mercado non se decatou: simplesmente ficou conxelado: non houbo saldo de vivendas nen vendas controladas pero masivas, en parte porque o anterior mercado cebábase a si mesmo (con créditos hipotecarios) e, doutra parte, porque os compradores estranxeiros do turismo mediterráneo, decidiron tomar un respiro. Tanto foi así que en 2016 o Banco de España (circular 4 de provisións) ordenaba unha adaptación a valoración de activos como única forma de liberar as provisións multimillonarias, supoñendo de facto dúas cousas: reducir entre un 25 e un 40% as valoracións dos distintos tipos de activos e obrigar a vendas masivas para estourar dunha vez a burbulla inmobiliaria. O informe de estabilidade financeira do Banco de España calculou en 200.000 millóns de euros os activos improdutivos, en mans bancarias, dos que 84.000 corresponderían a riscos inmobiliarios. O Banco de España non facía máis que atender os chamados do Banco Central Europeo que considera precisa esa medida coercitiva xa que os bancos españois fixeron caso omiso da recomendación de vender e sanear. A Autoridade Comunitaria advertía da enfermidade crónica da banca española por non ter actuado responsabelmente no tocante ao negocio inmobiliario que significa unha pesada  carga creadora de defeitos estruturais.  Con todo isto e “algúns dados mais”(isto é, todos) nas mans do Banco de España, como se pode informar á opinión pública da suposta normalidade dunha venda só vantaxosa para o comprador, e un desastre, sen control, para centos de miles de afectados?  Neste xogo, o gañador tivo axudas, podemos sospeitar que de todo tipo desde o inicio do proceso até o evento final, demoledor en primeiro lugar para a economía galega e pouco edificante para o regulamentador español.

Comentarios