Alcoa: Nulo interese por reducir a alta contaminación (1)

Balsa de lodos tojos, tóxicos, en Xove (Lugo). / Mundiario
Balsa de lodos, tóxicos, en Xove (Lugo). / Mundiario
Sobre Alúmina-Aluminio, a débeda ecolóxica e a importancia da contaminación, a edición GALICIA de MUNDIARIO inicia a publicación de tres artigos a fondo, obra do profesor Ramón Varela Díaz.
Alcoa: Nulo interese por reducir a alta contaminación (1)

En tres artigos sucesivos: 1. Contaminación, 2. Lodos vermellos e 3. Consumo de electricidade, apunto a débeda ecolóxica  que se pode atribuír ao Complexo Alúmina-Aluminio. Fai  8 anos que escribía un artigo titulado “A Débeda Ecolóxica e a factura eléctrica de Alcoa”, publicado na revista Cerna, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). Agora o tema volve ter actualidade e espero que os tres artigos sirvan para que  os economistas cuantifiquen económica  e socialmente esta débeda ecolóxica.

O complexo Alúmina-Aluminio da multinacional norteamericana Alcoa (antes de Alcan-Pechinei) veu a localizarse en Galicia buscando: a) man de obra e materias primas baratas e abundantes -auga e electricidade-; b) instalacións inmellorábeis grazas ao Estado que transformou un pequeno porto mariñeiro público en porto privado para uso case exclusivo de grandes buques que descargan bauxita e cargan aluminio-; c)  facilidades para construír  encoros para abastecerse da abundante auga que precisan e maiores facilidades para obter extensións considerábeis de solo industrial que necesitaba ; d) condicións económicas e industriais de privilexio ou moi favorábeis -subvencións e axudas estatais, tarifa especial e preferente para o consumo eléctrico...-; e) baixa sensibilidade ambiental da poboación ao que temos que engadir  total permisividade do Goberno e da administración á contaminación… E todo era para producir alumina e aluminio que destinarían ao exterior de Galicia, tanto a industrias transformadoras no Estado como a outras en Europa ou Asia.

Nulo interese por reducir a alta contaminación

a) Contaminación á atmosfera.

O complexo emite gases de efecto invernadoiro, precursores de ozono troposférico, gases acidificantes, partículas, fluoruros, mercurio e metais pesados... Estas emisións teñen implicacións na saúde humana e no medio ambiente: acidifican a auga, cambian o clima, afectan negativamente ao solo, e prexudican directa ou indirectamente aos seres vivos.

-Dióxido de carbono.- Os dereitos de emisión gratuítos que concede o Goberno a Alumina-Aluminio para emisión de gases invernadoiro no ano 2017 era de 1.019.169 toneladas e só en dióxido de carbono botou a atmosfera 1.098.000 t, si emitira por debaixo do asignado  podía vender dereitos no mercado e sacar beneficio, pero preferiu, como sempre, pagar e non preocuparse nin da contaminación nin das súas repercusións. Alumina-Aluminio  está entre as cinco principais industrias asentadas en Galicia que emiten máis dióxido de carbono, na actualidade  moitas industrias aplícanse para reducir a contaminación, pero Alcoa ten emisións de dióxido de carbono no ano 2017  similares as do ano 2008 e chegan a superar as do 2009 ou 2010, mesmo outras emisións como as de monóxido de carbono actuais son moi superiores  as de anos pasados.

-Flúor.- Só en Fluoruros o Complexo emite 114 toneladas/ano e no documento que Alcoa presentou  no 2019  a Xunta para actualizar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), recoñece que na fabricación de ánodos supera os limites de emisión para flúor e partículas (máximo de x20 en flúor e x14 en partículas)  e atrevese a solicitar  que lle concedan unha excepción para superar os valores  legais actualmente en vigor. Solicitude de irregularidade que quere se manteña como mínimo ate o ano 2029 e si a Xunta non o concede ameaza con posibles despidos. Como pode pretender a empresa seguir contaminando e excúsarse no alto custo de medidas anticontaminantes, longo período de implantación e poucos beneficios ambientais, cando son normas de obrigado cumprimento?.

A contaminación por flúor non é nova, estudos publicados no ano 2000  da Escola Politécnica de Lugo e outros posteriores do 2006  realizados por encargos dos veciños  (analizan  400 mostras sobre solo, vexetación,  auga e ósos de ovella en 23 puntos diferentes),  concluíron que a zona contaminada abranguía 3 quilómetros de radio  onde se incluían varios núcleos habitados. Naquel momento  os estudos chegan a conclusión que non é seguro beber auga dos pozos sen realizar análises periódicos e solicitaban “medidas precisas” a Alcoa para impedir a contaminación con melloras técnicas, controis e análises sistemáticos na auga , nos alimentos e en produtos agrícolas ...

Nin que dicir ten que a Consellería  de Medio Ambiente mirou sempre para outro lao, antes e despois dos estudos do 2000  e asi a empresa seguiu contaminando. A preocupación para o Goberno central e a Xunta non estaba daquela no flúor nin no dióxido de carbono ou óxidos de xofre/nitróxeno senón nos gases Perfluorcarburos (PFCs)  e levaron a cabo Pactos Ambientais para que a empresa diminuirá as emisións  destes gases (15-20% no 2012). A mellor redución de emisións foi no 2015 cando Alcoa  empezou a utilizar gas en vez de fuel  como combustíbel, aínda así  as emisións seguiron elevadas – ver Cadro I- .

 A problemática do flúor é tan importante que a administración de seguridade e saúde ocupacional OSHA americana estableceu, fai anos xa, que non se deben superar  nos centros de traballo os 2- 2,5 miligramos por metro cúbico de aire, e a lexislación vixente no Estado Español  ten como Valor Límite  para flúor 20 microgramos/m3 en concentración media no ambiente en 24 horas -que non debe superarse-  (5 microgramos/m3 en media anual sería moito)  e para o fluoruro de hidróxeno  en 24 horas as concentracións quedan en 10 microgramos/m3 ,  concentracións  que non sería raro que se produciran dado o alto volume  de flúor que  se emite 114.000 kg/ano ou 312 Kg diarios.

A Xunta  e en concreto  MeteoGalicia na sua páxina web ofrece dende o 2011 Informes con datos mensuais e anuais  de contaminantes da rede privada de Alcoa (estacións de Burela, Rio Cobo e Xove) pero non ofrece en tempo real as concentracións horarias nin tampouco as medias diarias dos contaminantes. 

Podemos preguntarnos: Fixéronse novos estudos  de flúor e fluoruros? Canto abarca a zona contaminada na actualidade?. Mídese en continuo  as concentracións  de gases de flúor que respiran os traballadores ?  Oculta a Xunta datos ? A información na páxina da  Xunta é  a que lle subministra Alcoa?.

-Outros contaminantes e a  nosa saúde.-  A saúde humana  é un potencial branco da contaminación. As partículas (PM10)  que emite Alcoa – 235,7 toneladas- representan un volume elevado e sábese que as PM10 poden afectar ao aparato respiratorio, repercuten no sistema cardiovascular, provocan  ictus e son responsábeis de maior morbilidade e mortaldade,  a OMS recomenda que no ambiente as partículas -PM10- estean por baixo de 20 microgramos/ metro cúbico.  O mercurio que sae a atmosfera na industria é moi elevado, 55 quilogramos cando é tóxico e afecta ao sistema nervioso. A notable emisión de óxidos de nitróxeno- 554 toneladas- é problemática porque fai que reaccionen na atmosfera con outros compostos e den lugar a ozono troposférico prexudicial para a saúde e os ecosistemas.  Os gases acidificantes  dióxido de xofre- 3.740 toneladas-  e compostos de nitróxeno producen choiva aceda e danan a  saúde humana, a vexetación e os ecosistemas, aumentan a corrosión, prexudica as pinturas e materiais... 

Emisións

b) Contaminación á auga

O complexo consume gran cantidade de auga e  verte 7,5 millóns de metros cúbicos de efluentes que van parar a auga do mar. Verte por medio de emisario submarino : cadmio, cromo, mercurio, níquel, zinc, fluoruros e unha importante carga orgánica rica en nitróxeno. Estes elementos e compostos prexudican ao ecosistema mariño  con repercusións potenciais  na saúde dos diversos seres vivos incluída a especie humana. Alumina recoñecía por exemplo que vertía no 2017 da orde  50.800 Quilogramos de flúor a auga e 106 Qg de zinc, substancia que debilita e afecta ao sistema inmune dos seres vivos. Pero pode dixerir esta contaminación sen impacto o litoral?

No ano 2017 a Xunta consentiu que Alcoa vertera o que quería, autorizou a empresa a modificar a Autorización Ambiental Integrada para elevar os valores limite de emisión de Flúor, establecidos en 8 mg/l para verter no ano 2018 máis do dobre desa cifra,  17 mg/l , e  en posteriormente verteu 15 mg/l no 2019 e 10 mg/l no 2020 e a partir de ese ano  volver a  8 mg/l.

Como a empresa fracasou  no intento de evacuar a auga sobrenadante na balsa, neste ano  2019  - chegou a ter 1,5 millóns de metros cúbicos de auga por riba dos lodos- está a espera dunha nova modificación dos valores máximos permitidos de Flúor nas súas verteduras ao mar de xeito que poda alcanzar 15 mg/l no 2020, e 10 mg/l no 2022 volvendo logo a 8 mg/l nos próximos anos, é dicir pretende verter fora da lei e como compensación Alcoa formula reducir a carga orgánica da auga da balsa cun proxecto a presentar   en  Augas de Galicia. Onde se viu admitir “rebaixas” nas cantidades dalgúns contaminantes a cambio de permitir elevar os límites noutros ? A lexislación vixente  é de aplicación segundo conveña?

Cobrar por contaminar

Por último dicir que o Goberno convocou en maio do 2019 subvencións por 91 millóns de euros para compensar as grandes industrias electrointensivas (mesmo Alumina-Aluminio) polos custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro correspondentes ao ano 2018. En outubro - ante a presión social dos traballadores e as eleccións-  aumentou  a cuantia das subvencións ate alcanzar 172,2  millóns de euros.  Nas subvencións  teñen en conta a produción e consumo eléctrico reais e Alcoa esperará sacar unha boa tallada.  Onde se viu cobrar por contaminar. @mundiario

(Continuará)

Comentarios