Parabéns para MUNDIARIO no seu décimo aniversario

GALICIA es una de las ediciones de MUNDIARIO. / M.G.
GALICIA, unha das edicións de MUNDIARIO. / M.G.
O certo é que hai moitos artigos que non serían doados de achar xuntos noutras publicacións periódicas.
Parabéns para MUNDIARIO no seu décimo aniversario

Cumprir 10 anos de proxecto editorial xornalístico nos tempos que corren é un feito do máis meritorio, por non falarmos de heroico cando sinalamos que MUNDIARIO sae á luz en 2013, un ano aínda marcado polas consecuencias da crise e cun público lector cada vez máis escéptico e difícil de fidelizar. Mais hoxe podemos afirmar que MUNDIARIO realizou o seu propósito de ser o primeiro periódico global de análise e opinión baseándose na pluralidade de voces para conformar a súa oferta. Distintos puntos de vista, análises rigorosas, enfoques sen medo con vontade de contribuír ao debate, sempre na procura das causas últimas dos feitos que se narran ou dunha perspectiva crítica. O certo é que hai moitos artigos que non serían doados de achar xuntos noutras publicacións periódicas. E hai opinións que nos sorprenden por abrírennos a luz a outras olladas. Por outra parte, en tempos de moita desinformación nas redes, son precisos xornais que garantan a credibilidade das noticias que se ofrecen.

A importante nómina de mulleres que se incorporan como colaboradoras impulsa unha liña de reflexión feminista que é outro atractivo para o público lector. E neste camiño tanto gozamos de afondar en temas polémicos que xeraron intensos debates na sociedade como de cuestións máis invisibilizadas ou tratadas como simples anécdotas (mesmo brincadeiras) noutros medios. Un dos últimos temas que podemos sinalar desde esta segunda vía é a interesante análise respecto da nova de que a Filharmónica de Viena realizou unhas controvertidas declaracións por indicar que non son chegados os tempos para unha muller dirixir o tradicional Concerto de Ano Novo.

E estas e outras virtudes de MUNDIARIO son posíbeis grazas á súa independencia. O seu editor, José Luís Gómez, é, sen dúbida un referente no mundo do xornalismo cunha traxectoria que deixa ver a súa vontade de construír novos proxectos e participar en distintas iniciativas que teñen como obxectivo informar e contribuír a xerar opinión desde o pluralismo. Como colaboradora desde a súa sección de Opinión, quero agradecer o convite para participar no proxecto e trasladar o recoñecemento desa porta aberta e sen condicións, que me permite comunicarme co público lector en liberdade, na miña lingua e coa miña maneira de ver o mundo.

Dalgunha maneira, esa fiestra aberta que é MUNDIARIO permíteme trasladar as miñas opinións, as miñas preocupacións ás veces, por medio dun soporte diferente, creado con vontade de atravesar fronteiras e coa mirada posta tamén no ámbito latinoamericano, un eixo de comunicación de especial interese polos vínculos históricos creados co noso país. Mais, mesmo nese perfil editorial que ten MUNDIARIO con ese horizonte amplo no territorial, eu podo escribir na miña lingua sobre os temas que me motivan e considero de especial relevancia, desde asuntos de actualidade en que, por obriga, é preciso implicarse, até temas do meu concello, Santiago de Compostela, esa capital galega que interesa, sen dúbida, nese espazo de comunicación que nos abre este proxecto xornalístico.

A rede non ten fronteiras, dise, mais está claro que as iniciativas que nacen nela teñen unha órbita de influencia privilexiada na súa proximidade. A pesar diso, a posibilidade de que un proxecto se expanda e teña a ambición de ter presenza internacional con milleiros de quilómetros de diferenza non deixa de ser un feito que aínda nos marabilla. Nesa filosofía que subxace en MUNDIARIO, confeso que gusto especialmente de pensar que os artigos na nosa lingua poidan ter público lector noutras latitudes e que paga a pena incrementar a súa presenza e demostrar que é verdade aquel lema universitario de que “En galego estamos (ou quizais, e infelizmente, nos tempos que corren, tan só podemos estar) no mundo”.

Desexamos que esta década sexa só o inicio dunha longa traxectoria para este medio de comunicación consolidado, co obxectivo de que siga a ofrecer información e artigos de opinión de análise e contraste para fortalecer o panorama mediático con visión desde o noso país. @mundiario

Comentarios