Xuízo a Callón: Desaloxan a sala após o público presente denunciar a "xustiza colonial"

Puerto de A Coruña. / Mundiario
A Coruña. / Mundiario

"Sabía usted, señor Callón, que en 2008 el topónimo La Coruña era oficial?". Esta pregunta foi a única novidade no xuízo contra o presidente da Mesa, Carlos Callón, onde a sala foi desaloxada.

Xuízo a Callón: Desaloxan a sala após o público presente denunciar a "xustiza colonial"

"O peor dos escenarios produciuse". Así resume o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, o segundo xuízo ao que se tivo que enfrontar esta sexta feira por uns feitos acontecidos en 2008, cando lle recriminou a quen daquela era xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, o seu incumprimento da Lei de Normalización lingüística ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".

Malia que nas súas propias declaracións Fraga Mandián recoñecía que a forma toponímica deturpada era "ilegal", a única pregunta novidosa que a acusación formulou foi a seguinte: "Sabía usted, señor Callón, que en 2008 el topónimo La Coruña era oficial?" A reacción d@s asistentes á vista, con berros de 'xustiza colonial!' en contra do avogado e do seu representado, foi tal que se ordenou o desaloxo da sala, segundo informa o xornal Sermos Galiza.

O presidente da Mesa ten claro que esta situación se permite pola condición do demandante e denuncia o "corporativismo" que se está a producir ao lle dar "máis oportunidades a este señor que á propia infanta" en referencia á filla do Borbón, Cristina, a quen se lle retirou a imputación na operación Noos en que segue imputado o seu home, Iñaki Urdangarín. "Non hai ningunha sentenza que falte por emitir no sentido de que a única forma legal é A Coruña. O que acontece é que hai un desafío á lexislación" que fai prever, segundo vaticina Callón, que desta volta a sentenza será condenatoria.

Barallouse unha petición de 650.000 euros de indemnización

Se da primeira volta lle pedían 13.500 euros e as costas do xuízo, desta volta a acusación barallou unha petición de 650.000 euros para compensar a repercusión que a absolución do presidente da Mesa tivo na imprensa. Porén, finalmente a indemnización que reclama Fraga Mandián é de 15.000 euros e as costas da vista. Recorda Callón que a primeira resolución, ditada pola Audiencia provincial da Coruña, "era mesmo un correctivo" para o ex xuiz decano en que lle sinalaban "ao longo dunha páxina enteira" cal era o topónimo oficial.

Insiste no "corporativismo" ao redor desta denuncia e subliña que en 2009, cando lle notificaron a imputación, a xuíza de instrución e a fiscalía sinalaron que non había caso. Aínda así chegou a se celebrar o xuízo e, perante unha sentenza que o absolvía, voltou repetirse. Con este panorama como pano de fondo Callón entende que "queda clara a postura da maioría dos poderes xudiciais a respecto do recoñecemento de Galiza e da súa lingua".

Comentarios