A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria

Manifestación de Queremos Galego.
Manifestación de Queremos Galego.

Para que unha política lingüísta sexa transformadora cómpre que teña en conta a realidade socioeconómica na que se quere operar, explica este colaborador de MUNDIARIO.

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria

Vivir do conto. A frase utilízase recorrentemente para reclamar  autenticidadenas condutas.  Asi llelo expliquei aos amigos Armando Fernández e Xosé Lamelas na entrevista que me fixeron para a audición radial “Sempre en Galicia” que desde Radio Cornellá emiten todos os sábados para a colectividade galega en Catalunya.

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode  valerse únicamente da creación literaria. Cómprenlle outros espazos decisivos para a súa pervivencia e efectiva normalización. Durante moitas décadas as políticas lingüísticas aplicadas en Galicia, escoraron a súa actividade maioritariamente ao eido literario conseguindo,iso si, unha considerable produción  bibliográfica; pero descoidando sectores estratéxicos.

Desde hai moitas décadas outros discursos foron abrindo camiños inéditos no medio da indiferenza das organizacións políticas e sociais que seguíron teimando no erro de consideraren que unicamente a cultura literaria sería a táboa de salvación dunha lingua que a cotío está sometida a todo tipo de presións  que a abafan.

O Foro E. Peinador  ten un novo discurso para restaurar o diálogo entre a empresa e a lingua. Unha tarefa que na historia de Galicia ten algúns episodios exitosos. Por exemplo, o da Unión de Colleiteiros do  Ribeiro do Avia, antecedente do cooperativismo vitivinícola, que en 1936 chamaba á modernización e galeguización dun sector económico que tan importante había ser en Galicia. Antes, en 1934, a máis importante industria conserveira de Europa, Massó,  utilizaba a lingua galega na rotulación das súas instalacións e os seus propietarios animados polo galeguismo republicano creaban en Bueu un museo etnográfico seguindo o exemplo do de Pías, Mondariz, creado por Enrique Peinador Lines, auténtico precursor da estratexia empresarial da responsabilidade social corporativa. Tempo despois Zeltia, a industria farmacéutica que creara Ramón Obella Vidal, foi un exemplo na utilización do galego na publicidade.

A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (unha sección do Foro E. Peinador) vén traballando con moito acerto para que a lingua galega se incorpore á etiquetaxe. O éxito acadado demostra que fóra da literatura hai outros valedores decisivos para o fomento da lingua galega. Recentemente “Aguas de Mondariz” lanzou unha gama de refrescos nos que o noso idioma está presente nas etiquetas; “Destilerías de Compostela” vén de presentar o vermú galego “St.Petroni” etiquetado no noso idioma, arromedando o exemplo da marca “Nordesía”, sumándose ás cento noventa e sete marcas de viños que xa etiquetan en galego. Agora cómpre agardar dos consumidores,sobre todos dos que militan na causa do galeguismo, unha resposta efectiva na preferenza e demanda de marcas que se identifiquen coa nosa lingua.

A defensa da nosa identidade debe fuxir dos tópicos tan sobados como o do amor a Galicia. Escoitámolo a cotío nos máis diversos tons declamatorios para matizar sentidas protesta de galeguismo. Cómpre cambiar a retórica pola acción.  Esta é a nosa prédica que volveremos repetir o próximo día 28 en San Miguel de Sarandón nas xornadas  técnicas sobre a cultura do viño    promovidas pola amiga Celia Alegre Maceiras.

 

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria
Comentarios