Universidades: aos seus postos!

San Xerome, rectorado da Universidade de Santiago de Compostela. / Turismo de Santiago
San Xerome, o rectorado da Universidade de Santiago de Compostela. / Turismo de Santiago

O Sistema Universitario Español nin é malo nin foi o resultado do capricho de reitores e outros cargos académicos. É a aposta que, quizais inconscientemente, fixo España e as súas comunidades autónomas por ter universidades pouco diferenciadas e máis pensadas para andar pola casa que para competir fóra.

Universidades: aos seus postos!

Todos os anos vívese a mesma cantilena cando se publica unha nova edición das clasificacións máis populares de universidades do mundo. Moitas voces e medios de comunicación apresúranse a lanzar aos catro ventos a ladaíña, que non por coñecida fere menos, de que non temos ningunha universidade española entre as primeiras cen do mundo. Pois é certo, e iso non vai ocorrer mentres non haxa máis investimento, bastante máis, polo menos nalgunhas das nosas universidades. Non é condición suficiente o financiamento, ben é certo, pero si necesaria. Se en paralelo cambiamos a forma de gobernar as universidades, dotándoas de maior autonomía –on só do exterior senón tamén de certos colectivos e grupos internos con intereses pouco académicos– e dunha maior capacidade executiva e axilidade na toma de decisións, estas poderían avanzar con paso firme na mellora da súa calidade, mesmo ata meterse algunhas delas na elite mundial.

11 universidades españolas aparecen entre as 500 primeiras do mundo. A de Santiago de Compostela, por certo, atópase entre as 7 primeiras españolas

En todo caso, o Sistema Universitario Español nin é malo nin foi o resultado do capricho de reitores e outros cargos académicos. É a aposta que, quizais inconscientemente, fixo España e as súas comunidades autónomas por ter universidades pouco diferenciadas e máis pensadas para andar pola casa que para competir fóra. Aínda así, quixera destacar o máis que honroso posto das nosas universidades no contexto mundial. Se analizamos o máis popular destes ranking, o  Academic Ránking of  World  Universities (ARWU), coñecido como “ranking de Xangai”, veremos que na edición de 2017 aparecen 11 universidades españolas entre as 500 primeiras do mundo. A de Santiago de Compostela, por certo, atópase entre as 7 primeiras españolas.

É ese resultado bo ou malo? Para dar unha resposta ben fundamentada teriamos que entrar en moitos pormenores. En todo caso, para que vostedes mesmos constrúan a súa resposta permítome falarlles da actividade de I+D do tecido empresarial español.

Ningunha empresa española está entre as cen primeiras do mundo por produción científica

Ningunha empresa española está entre as cen primeiras do mundo por produción científica. Por outra banda, o informe sobre empresas investidoras en I+D elaborado por  Strategy&, pertencente a  PwC: “The 2017 Global  Innovation 1.000  Study, inclúe só oito empresas españolas entre as mil do mundo que máis invisten en I+D –este milleiro de empresas é responsable do 40% do investimento en I+D empresarial no mundo–.

Telefónica é a primeira (posto 151), cun investimento duns mil millóns de dólares en 2017. Séguea Amadeus  IT  Group, no posto 277 e xa, moi lonxe, continúan Iberdrola (posto 488), Grifols (posto 513), Acciona (530),  Indra Sistemas (615), Abengoa (631) e  Almirall (posto 926).

España foi reducindo o seu investimento en I+D desde 2009. Case dez puntos no período 2009-2016. Por ser máis preciso, o recorte foi dun 12,6% no investimento público e dun 5,8% no privado

Volvendo ao ranking de Xangai, é sabido que este prima fundamentalmente indicadores de I+D á hora de valorar ás universidades. De feito así o fan en xeral case todos. Pois ben, España foi reducindo o seu investimento en I+D desde 2009. Case dez puntos no período 2009-2016. Por ser máis preciso, o recorte foi dun 12,6% no investimento público e dun 5,8% no privado. Tendo en conta que a maior parte da investigación do noso país faise nas universidades, calquera idea de que podan situarse entre a elite mundial é pensamento ilusorio. Fronte aos nosos vergoñosos recortes en I+D, por certo, a Unión Europea aumentou os seus nun 27,4% de media, incluindo na mesma a nosa achega negativa do -9,1%. Nós sempre xogando á contra para despistar.

Nestes anos de crise non só foi o investimento público en I+D+I o que minguou. Tamén o fixo a taxa de execución do devandito investimento, por exemplo. Aquí xa chegamos ao esperpento. En 2017 a Administración Central só conseguiu investir en realidade menos dun de cada tres euros do orzamento público para I+D+I. Que goberno quedaría tan tranquilo ante este desastre? O noso. @mundiario

Comentarios