A súplica ao home e ao Ceo da rica resignada que aínda mora a Casa D'Ouro

Camiño.
Camiño.

O misterio do Alén é un cúmulo de sentimentos. As desgrazas típicas da vida teñen resultados inesperados… E a dúbida no amor fai tomar decisión radicais.

A súplica ao home e ao Ceo da rica resignada que aínda mora a Casa D'Ouro

Eladio era un bo home, chegaba triste á noite e disque desconfiaba de ir xogar aos naipes cos veciños porque tiña mala sorte… Pero Eladio, sen tatexar, tíñase por home da súa muller. Superada a noite ao acubillo da cama, a súa Nélida sorprendíase ao erguerse cun ramo de flores na porta da casa. Mais, a pesar da boa cociña de Nélida e de que sempre foran felices, Eladio morreu de amor, ela declarou que durmindo.

Nélida quedou soa no mundo que antes lle pertencía e agora era estrano. Non tiña fillos nin débedas. Aqueles días adicouse a pasear polo centro da vila as rúas que adoitaban ser unha rutina. Chegoulle unha misiva que consistía no testamento do seu home e dicía así:

“Haberei de deixar esta vida irradiando gozo cando o amor chegue ao seu fin. Toda a miña riqueza podo tocala no corpo dunha descoñecida que bicou os meus ollos. Non vin máis ca o Alén e, de morrer, coido non ser visto endexamais. Esta sina da paz eterna atrapoume tanto que o meu maxín entrou en conflito coas miñas crenzas, de xeito que me fixen consciente de que non irei ao Ceo por infiel, porque o que eu coñecera por amor era un engano. A eternidade ha perdoar a miña ausencia igual que esta beleza á que adico as miñas últimas palabras saberá amarme pola soidade á que a someto outra vez: amor, velaquí a miña ofrenda.”

Nélida, a nomeada viúva de Eladio, crebouse en laios ante o que considerou unha póstuma infidelidade:

─Busquen a esa muller!─ increpou ante o notario.

─Ten vostede indicios dunha traizón? Os documentos indican que toda a fortuna recae en vostede… Escoite, deixe ir! Esa muller, segundo di o defunto, xa non lle quere…

Roxelio, o respectado notario da vila, era difícil de impresionar, aínda que era moi observador. Curiosamente, gañara moitas dotes co trato ao público e se lle daba por dar consellos ademais de sobres. Era un pouco máis novo ca Eladio aínda que de cabelo canoso, tiña un peculiar mostacho que agachaba unhas fazulas sonrosadas. Igual antes fora tímido, mais axiña acompañou á triste muller ata a parada de taxis e non pasou por alto novos negocios coa viúva.

Ela voltou ao día seguinte, porque decidiu ser unha nova muller e mercar un coche, e pensou que Roxelio era responsable e atento coma para concertarlle unhas clases.

─…mais non teña medo de medir distancias cos pés, todos nos sentimos pequenos ás veces─ díxolle ao despedirse.

Así que a muller decidiu emprender a volta á casa andando. Foi observando os modelos de coche que circulaban arredor. Tras atravesar un paso de peóns, un amable conductor adicoulle un saúdo, mais inmediatamente despois notou un tirón do brazo e, un rapaz de rasgos rumanos, rápido, tras fitar o seu espanto, escapou co seu bolso.

Nélida congregou ás autoridades na súa casa por mor do delicto acontecido. Serviulles aos policías o seu mellor postre acompañado de café, agardou nervosa a chegada de Roxelio e, éste, colleuna das mans adicándolle novas verbas:

─Disque o home é un lobo para o home, vostede non tema porque a loba fundou Roma.

Entón a viúva, obxecto de tódalas atencións, paseaba a diario e sempre tiña a quen visitar.

Misteriosa e inexplicablemente, atravesando a rúa do crime, a plena mañá, en toda quietude, Nélida atopou o seu bolso no chan. Estaba repleto de artículos de ouro…

Desta vez, segura de si mesma, andou co bolso cara á súa casa e todo estaba ben e quizáis atopara unha inusitada fortuna. Decidiu agochar o bolso debaixo da cama e non facer máis declaración.

Aquela noite, o ladrón apareceu na habitación de Nélida. Espertouna o estrano arrecendo que del emanaba.

─Viñeches levarme?─ expresou ela con pavor.

─Quero a túa vida, é o máis valioso que nunca se me antollou.

─Pero tes montes de ouro! Ten piedade, porque témolle á morte máis que a nada…

─Oh, es tan humana… Eu temo a ánima que habita esta casa, e nela quero derramar sangue.

─Só dime, antes de matarme, por que morreu esa muller?

─Matouse. Matouse e namora a tódolos tristes.

─E se eu me dera morte? Namoraría outra vez de min?

─Vostede… ten ese desexo?

As gargalladas do cruel riso do vampiro crebaron os cristais da casa, cando espertou Don Roxelio, que pernoctaba na casa había un tempo. Precisamente porque Roxelio era difícil de impresionar, sabía que ao vampiro se lle mata cunha estaca de madeira, a cal tiña a porta principal. O vampiro botouse as mans ao seu propio pescozo cando o home lle cravou unha estaca polas costas que lle atravesou o peito.

Así que, alomenos, Nélida descobreu que a devandita amante de Eladio era unha ánima á que foi coñecendo co transcurso da vida. Ela, pola súa conta, tornouse sosegada, e namorada, para o resto dos seus días con Roxelio.

Aquela mesma noite soterraron o ouro nalgún recuncho das cuncas de terreo da casa e, de costume, acenderían tódalas luces pola noite para escorrentar as ánimas.

Nélida foi outra vez viúva para cando perdera a vista, mais se coñece que nunca lle voltou gustar a noite.

Os amantes serían coñecidos na vila como os ricos da Casa D’Ouro…
 

Comentarios