Súperpiñeiro recolle nun libro os acontecementos máis importantes da súa vida

Portada de Piñeiro a SúperPiñeiro.
Portada de Piñeiro a SúperPiñeiro.

Piñeiro quixo recoller neste libro lembranzas e anécdotas da súa vida desde que era pequeno ata hoxe en día. Unha vida pública, marcada pola música e os escenarios.

Súperpiñeiro recolle nun libro os acontecementos máis importantes da súa vida

Piñeiro quixo recoller neste libro lembranzas e anécdotas da súa vida desde que era pequeno ata hoxe en día. Unha vida pública, marcada pola música e os escenarios.

 

Xosé Manuel Piñeiro presentará o vindeiro luns 24 de novembro, ás 20.00 h, no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela, o libro De Piñeiro a SúperPiñeiro, que contén un CD inédito: O Son do Piñeiro. Nacido en Allariz (Ourense), fillo de Rosa e Manuel, é o segundo de catro irmáns. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, exerceu como orientador escolar ata que, en 1992, pediu a excedencia voluntaria para entregarse á Radio e á Televisión.

Auténtico showman, polivalente e polifacético, tanto se atreve co rock como coa música tradicional, coa comedia como co drama, e pronto pasaría a ser simplemente Piñeiro, a esencia de si mesmo. O programa da TVG Supermartes converteríao, xa para sempre, en SúperPiñeiro por méritos propios. Despois virán, entre outros moitos, o Tequelexou, Acompáñenos ou Bamboleo, programas que o consolidaron como o gran artista que é hoxe, un rostro e unha voz imprescindibles no mundo galego do espectáculo.

Piñeiro quixo recoller neste libro lembranzas e anécdotas da súa vida desde que era pequeno ata hoxe en día. Unha vida pública, marcada pola música e os escenarios, pero con moito espazo para a faceta máis persoal, para as súas afeccións e os seus desafectos para as teimas e as fobias. Un pretexto para contarnos o que hai diante e detrás do personaxe.

Os títulos de 41 cancións (“Pan y Chocolate”, “Cando te enamores”, “Parlez-vous français?”, “Enamorado de la moda juvenil”, “Pídechas o corpo”, “Marinero de luces”, “No mires a los ojos de la gente”, “Acompáñame”…) sérvenlle de pretexto para escribir outros tantos capítulos que recollen anécdotas de monaguillo, apuros de estudante, contos de camerino, segredos de gravación, sustos do directo, encontros cos famosos, aptitudes culinarias, competencia doméstica… Un auténtico repaso á vida dun dos ourensáns máis queridos dentro e fóra de Galicia, que nos invita a descubrir o seu lado máis descoñecido.

Máis de 250 fotografías do arquivo personal de Piñeiro enriquecen o texto, poñéndolle cara a familiares, amigos, sitios, recordos…; e, por suposto, ás distintas etapas da súa vida, desde que era un bebé ata o presente.

Unha vintena de amigos quixeron, ademáis, amosarlle o seu apoio escribindo unhas palabras que, a modo de parabéns, enchen as primeiras páxinas: Carlos Blanco, María Castro, María do Ceo, Isabel Blanco, Fernando Franco, Xosé Ramón Gayoso, Margarida Ledo Andión, Susana Seivane, Roberto Vilar, Chema Purón ou Juan Pardo son só algúns dos “presentadores” deste novo espectáculo protagonizado, da primeira á derradeira páxina, por Xosé Manuel Piñeiro.

Presentacións previstas
> Santiago, 24 de novembro, no Hotel Araguaney, ás 20 horas
> A Coruña, 27 de novembro, na Sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, ás 20 horas
> Ourense, 2 de decembro, no Centro Cultural “Marcos Válcarcel”, ás 20:15 horas
> Vigo, 3 de decembro, na Casa del Libro, ás 20 horas
> Pontevedra, 17 de decembro, no Liceo Casino, ás 20 horas
> Allariz, 18 de decembro, na Fundación Vicente Risco, ás 20:30 horas
Entrada libre. Ao rematar o acto, o autor asinará exemplares.

 

Comentarios