'Sermos' anuncia que a Consellaría de Cultura cesa o xerente do CGAC

Malia a situación de crise pola que atravesa o Centro, a chamada da Consellería de Cultura a Manuel Arroyo para comunicarlle o seu cese foi unha sorpresa no cadro de persoal, conta 'Sermos'.

'Sermos' anuncia que a Consellaría de Cultura cesa o xerente do CGAC

O xornal Sermos Galiza anuncia que a Consellaría de Cultura vén de cesar de forma fulminante o xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea, Manuel Arroyo, que levaba no posto desde o inicio da historia deste ente. Nas últimas semanas, Sermos Galiza ten informado sobre a crise pola que atravesa o Centro, cun padroado sen convocar mesmo cinco meses despois da demisión do seu presidente e de dous dos seus vogais.

Manuel Arroyo foi o xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea desde practicamente a súa creación. De feito, é o posto de máis antigüidade do cadro de persoal e levou a xerencia con todos os directores que pasaron polo edificio deseñado por Siza, desde a inicial Gloria Moure até o Miguel Von Hafe actual.

Os problemas de xestión camiñaron sempre da par do CGAC, nos inicios, baixo as "acusacións de despilfarro" durante a xestión de Gloria Moure, conta tamén Sermos. A xestión de persoal foi tan arbitraria que a Xunta, por sentenza xudicial, se viu forzada a aceptar como persoal laboral a persoas contratadas directamente polo centro. Manuel Arroyo estivo á fronte da xerencia durante os case vinte anos de historia do centro. Para alén das críticas que mereceron algunhas das programacións desde ámbitos artísticos, é, sen dúbida, a má xestión é unha eiva que se leva acarretando desde os primeiros pasos do CGAC, explica este xornal de tendencia nacionalista.

Sermos Galiza daba noticia hai uns días de que o CGAC non convocara aínda o seu Padroado, pese a que este órgao está sen presidente desde que, cinco meses antes, apresentara a súa demisión o presidente, De Sousa, máximo responsábel da desfeita de Pescanova. A renuncia de De Sousa só trascendeu despois de Sermos Galiza publicar a noticia: a Consellaría non informara dela.

A Consellaría viuse tamén na obriga de informar aínda de que, un mes despois, terían demitido dos seus postos de vogais do padroado os máximos responsábeis das Caixas, José Luis Méndez e Julio Gayoso, sen que o resto dos membros do Padroado fosen informados da nova situación.

Malia a situación de crise pola que atravesa o Centro, a chamada da Consellería de Cultura a Manuel Arroyo para comunicarlle o seu cese foi unha sorpresa no cadro de persoal, que viu como o xerente se veu mantendo no posto lexislatura tras lexislatura.

Comentarios