Reivindican a obra de Leopoldo Nóvoa a través da súa nova web

portadawebnovoa2

Dous anos despois do pasamento do artista, inaugúrase unha páxina web (http://leopoldonovoa.com/) que propón un amplo percorrido pola súa vida e a súa obra a través de 200 imaxes.

Reivindican a obra de Leopoldo Nóvoa a través da súa nova web
Dous anos despois do pasamento do artista, inaugúrase unha páxina web (http://leopoldonovoa.com/) que propón un amplo percorrido pola súa vida e a súa obra a través de 200 imaxes.
 
O pintor e escultor Leopoldo Nóvoa, un dos artistas galegos máis internacionais, cumpriría o vindeiro mes de decembro 95 anos e nada mellor para reivindicar a súa figura que reflexala nunha ambiciosa páxina web. Dous anos despois do seus pasamento, a súa viúva, Susana Carlson, rinde homenaxe a un pintor e escultor prolífico, universal e incombustible na súa creatividade a través dunha páxina web que recolle os principais logros da súa vida e obra.
 
Para o desenvolvemento desta web, que pretende ser o espazo de referencia para achegarse a Leopoldo Nóvoa, a tamén artista Susana Carson logrou recopilar preto de 200 imaxes de varias procedencias, entre elas do fotógrafo galego Xurxo Lobato, a través das que non só se pode rememorar a vida do pintor, senón que permiten coñecer o espazo creativo de Nóvoe e a súa obra.
 
Estructura da web
 
Esta páxina oficial de Leopoldo Nóvoa estructúrase en torno a oito áreas: a súa biografía; as súas exposicións, unha selección de textos de escritores e críticos sobre a obra do artista pontevedrés; unha bibliografía que recolle os catálogos sobre Nóvoa e as obras literarias que inclúen ilustracións de seu; unha sección de vídeos nos que tanto se pode ver ó pintor explicando a súa arte como desfrutar dunha homenaxe visual á súa obra; un apartado destinado a exhibir a colección de pezas pictóricas e escultóricas, así como a creacións en papel e os maris; unha potente área de fotografías, dividida en tres seccións para amosar imaxes históricas, retratos do artista e o espazo de traballo que Nóvoa tiña na localidade pontevedresa de Armenteira; e unha última parte destinada a recoller novas relacionadas co autor, a súa obra e a súa web.
 
A páxina oficial de Leopoldo Nóvoa tamén permite ó visitante poñerse en contacto cos seus responsables a través dun formulario de contacto. 
 
A página web pode visitarse na dirección http://leopoldonovoa.com/
 
Leopoldo Nóvoa criouse entre Galicia e Uruguay, país este último ó que regresou durante a Guerra Civil para iniciar un período intelectualmente moi intenso, coa súa participación en publicacións artísticas, o seu debut como escritor e as súas relacións con creadores como Onetti ou Luis Seoane. Trala súa primeira faceta de narrador, decántase polo xornalismo, o debuxo e finalmente pola arte mural. 
 
O seu Mural do Cerro de Montevideo ábrelle numerosas portas e determina o seu traslado a París, onde desenvolve a maior parte da súa ampla traxectoria artística, que abarca dende a pintura á escultura ou os tapices.
 
A súa obra está presente en numerosos países, pero pode apreciarse especialmente en Francia e en Galicia, onde pasou longas tempadas na sua última etapa vital traballando no seu estudio de Armenteira. 

Comentarios