Buscar

MUNDIARIO

O futuro da lingua galega depende do uso que se faga dela no ámbito privado

Unha cidadanía consciente, coa autenticidade dos seus exemplos e a radical autodeterminación lingüística, pode modificar os hábitos lingüísticos, segundo este comentarista.

O futuro da lingua galega depende do uso que se faga dela no ámbito privado
Vista de A Coruña. / Mundiario
Vista de A Coruña. / Mundiario

Firma

Xosé González Martínez

Xosé González Martínez

Colaborador de MUNDIARIO. Preside o Foro E. Peinador.

Unha cidadanía consciente, coa autenticidade dos seus exemplos e a radical autodeterminación lingüística, pode modificar os hábitos lingüísticos, segundo este comentarista.

 

Polemizar ou polinizar. Con esta disxuntiva remataba a anterior colaboración publicada en MUNDIARIO dedicada á memoria da primeira sentenza en lingua galega despois de cinco séculos de proscrición oficial. Comentaba que aquel fito histórico conseguírase en 1985, sendo maxistrado relator da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña  o amigo Claudio Movilla Álvarez.

Para que non haxa ningunha dúbida, son o primeiro en afirmar que os poderes públicos teñen a obriga legal de cumprir e faceren cumprir a lei, arbitrando medidas para que a igualdade entre os cidadáns sexa real e efectiva.  Están obrigados a velar polos dereitos dos cidadáns establecidos polo ordenamento xurídico, e  permitir o seu libre exercicio sen discrminacións de ningún tipo, entre eles os lingüístico.  Demandar os seus beneficios ou non depende  da vontade dos individuos.

Pódese dicir que o exemplo persoal sempre foi determinante para provocar mudanzas ou crear escola. Tal aconteceu con moitos fitos históricos, mesmo de gran transcendentalidade, que non sempre foron precedidos por grandes acontecementos. Poden ter explicacións moito máis sinxelas. Unha amable conversa de amigos que compartiamos complicidades fixo posible rachar co secular maleficio que aqueixaba ao noso idioma. No canto de  facermos estrondosos pronunciamentos, daquela optaramos por outros procedementos. Os mesmos que utilizamos para que  os diarios oficiais da Xunta de Galicia e do Parlamento deixasen de ser editados a dobre columna, en castelán e en galego, modelo que non contribuía á alfabetización lingüística das funcionarias e funcionarios públicos.

Cando se estude o proceso de normalización lingüística dos últimos trinta anos, os historiadores que o fagan, terán que reparar por forza, se non queren errar nas súas conclusións, nas estratexias utilizadas polos distintos movementos que traballaron  na restauración lingüística. Utilizar únicamente as crónicas que fan alusión ás reivindicacións públicas,  máis ou menos acentuadas, e obviar aquelas manifestacións que responderon á oferta positiva, traballos desa natureza non ofrecerían conclusións rigorosas.

Ultimamente tense falado e escrito moito sobre a perda de galegofalantes e espazos sociais da lingua galega. Facer a transferencia da responsabilidade persoal á institucional pode agochar a falta de autenticidade do discurso na defensa da identidade en moitas persoas que,  sen embargo, cohabitan con outras en formacións sociais e políticas de diverso signo.

En boa parte o futuro da lingua galega depende do uso que se faga dela no ámbito privado, onde os poderes públicos non se poden inmiscuír. Só unha cidadanía consciente, coa autenticidade dos seus exemplos e a radical  autodeterminación lingüística, pode modificar os hábitos lingüísticos contaxiando o ámbito social da súa contorna para sermos máis nós.