Buscar

MUNDIARIO

A poesía indignada dun dos mellores escritores galegos: Xesús Rábade

“Hai tempos nos que un poeta non pode quedar calado”, afirma Xesús Rábade Paredes, que este xoves presenta en Lugo o seu premiado “Sobre ruínas”, de Alvarellos Editora.

A poesía indignada dun dos mellores escritores galegos: Xesús Rábade
Xesús Rábade Paredes. / Alvarellos Editora
Xesús Rábade Paredes. / Alvarellos Editora

Firma

GALICIA

GALICIA

Análisis de la Redacción GALICIA de @mundiario.

Sobre ruínas é o título dun dos libros de poesía máis premiados e vendidos dos últimos tempos en Galicia. Publicado en novembro de 2013 por Alvarellos Editora, os seus versos viaxan mañá a Lugo onde  soarán, a partir das 19:30 horas deste xoves, no novo Museo Interactivo de Historia (MIHL). Nun acto no que  participarán, á parte do autor, Xesús Rábade Paredes (Cospeito-Lugo, 1949) e do editor Quique Alvarellos, o poeta Darío Xohán Cabana, a artista Luz Darriba, a escritora Marica Campo e a concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre.

Xesús Rábade Paredes é un dos máis recoñecidos poetas galegos dos últimos 40 anos. Nesta obra, xa cualificada por crítica e público como “poesía indignada” alza a súa voz firme e potente en “versos para o combate nestes tempos de vencidos e derrotas”, como anuncia a propia editorial na súa páxina web http://alvarellos.info/tenda_catalogo.asp?id=139

“Hai tempos, coma este, nos que un poeta non pode quedar calado. Sobre ruínas é o resultado disto”, afirma o autor.

Sobre ruínas recibiu o premio da Edición de Galicia ao Mellor libro de Poesía de 2013. Foi elixido por preto por preto de 500 lectores e lectoras do portal cultural “Fervenzas Literarias” como Mellor poemario do 2013, resultou finalista na categoría de mellor libro de poesía nos premios anuais da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e nestes últimos meses alcanzou os primeiros postos na listaxe dos libros de versos máis vendidos do país, se segundo os datos do Taboleiro do Libro Galego (Caderno da Crítica).

Unha poesía de altura sobre ruínas e fronte a elas. Estes novos versos de Xesús Rábade Paredes son un berro para espelir aos rendidos; tamén un laio contra a desolación. Álzase neles a voz contra os malditos, os ruíns e os mercadeiros. O universo literario, en fin, dun dos nosos mellores escritores. 

Pódese ver unha mostra do interior do libro, na propia web da editorial: www.alvarellos.info