O novo disco de Treixadura é unha auténtica regalía para os sentidos

Treixadura.
Treixadura.

Na música, no canto, hai misterios que non é cousa de dicir, porque ademáis non hai maneira de dicilas, salienta no seu artigo este autor, habitual colaborador de MUNDIARIO.

O novo disco de Treixadura é unha auténtica regalía para os sentidos

Na música, no canto, hai misterios que non é cousa de dicir, porque ademáis non hai maneira de dicilas, salienta no seu artigo este autor, habitual colaborador de MUNDIARIO.

O concerto de presentación do novo disco de Treixadura no antigo Teatro García Barbón avivou en min vellas e pracenteiras lembranzas. Porque naquel mesmo teatro en 1966 celebrárase un concurso de gaitas no que participaran os irmáns Garceira, Morenos de Lavadores e outros moitos célebres naquel entón. O patio de butacas e os “poleiros” estaban ateigados de seguidores que aplaudían e  aturuxaban levados polas emocións das requitandas interpretacións.

Aquel concurso gañárao Basilio Carril e os irmáns Bello Mallou, gaiteiros de “Cantigas e Agarimos”, segundo me informa o profesor Antón Fernández. Grazas a el tamén souben  que a cantiga “Lela”, foi musicada por Rosendo Mato, director da laureada agrupación folclórica compostelá a partir dun texto extraído da obra teatral de Castelao “Os vellos non deben namorarse”, que se estreou en Galicia  por primeira vez en 1961 na praza da Quintana.

Non é de extrañar a acertadísima elección de “Cantigas e Agarimos” para participar neste novo disco de “Treixadura”, que é unha auténtica regalía para os sentidos. Gaiteiros, percusionistas e os melodiosos sons tirados do teclado do acordeón por César, coas voces potentes e ben moduladas do seu orféon, e as vibrantes e harmoniosas de “Cantigas e Agarimos”, foron celebradas por un público entusiasta que en máis dunha ocasión sumouse en masa coral a cantar vellas e fermosísimas pezas do noso cancioneiro tradicional. Aquel ambiente foi o que motivou a lembranza do concurso de gaitas que menciono ao comezo desta colaboración.

A nosa música tradicional, que tantas emocións individuais e colectivas ten provocado nas nosas xentes, ten servido de auténtica terapia para superar os estados de malencolia e saudade que o afastamento da Terra causaba nos nosos emigrantes. Que a popularísima  “Rianxeira” fose composta un serán de nostálxico en Buenos Aires por Anxo Romero Loxo, que lle puxo a música a un texto  de Xesús Freiro Dourado “Pinciñas”, é unha mostra evidente desa forza que exerce nos galegos a nosa música e lingua. Teño unha vivencia persoal de hai moitos anos nun hospital dos Estados Unidos  a onde acudira un familiar de meu para  someterse unha intervención cirúrxica moi delicada e de longa duración. Un  tio seu preocupado polo o estado da sobriña que tardaba en vir a seu,  pedíu que lle puxesemos o auricular do teléfono na orella para que escoitara unha peza de gaita que el interpretaría desde tres mil quilómetros de distancia. O experimento tivo os seus efectos: ao pouco minutos principiou a responder aos estímulos dos sons da gaita que  chegaban a través do fío telefónico; era unha das pezas que agora recollen no seu novo disco Treixadura.

 Díxo Vicente Risco que na música mesma, no canto, hai misterios que non é cousa de dicir, porque ademais non hai maneira de dicilas. Ese é o engado  do repertorio deste novo disco titulado “Vendima tarda” .Mérqueno e experimenten o máxico relembro da memoria, das melodías do tempo.

O novo disco de Treixadura é unha auténtica regalía para os sentidos
Comentarios