Novagalicia Banco e o CPXG convocan iProx, unha iniciativa para xornalistas de Galicia

A bolsa, á que pode concorrer calquera colexiado do CPXG ou licenciado en Ciencias da Comunicación ou Xornalismo, terá unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 6.000, segundo o CPXG.
Novagalicia Banco e o CPXG convocan iProx, unha iniciativa para xornalistas de Galicia

Novagalicia Banco e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) convocan a primeira edición de iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos, co obxectivo de promover traballos relacionados coa realidade socioeconómica galega.

A bolsa, á que pode concorrer calquera colexiado do CPXG ou licenciado en Ciencias da Comunicación ou Xornalismo, terá unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 6.000.

Coa convocatoria de iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos, o CPXG e Novagalicia Banco queren fomentar as iniciativas xornalísticas sobre a realidade socioeconómica de Galicia, promovendo a realización de novos proxectos de comunicación sobre esta temática. Poderanse presentar a iProx traballos de reportaxe escrita, proxectos de radio, audiovisual ou fotográficos, ou relacionados coas novas tecnoloxías (web, redes sociais).

Calquera colexiada ou colexiado do CPXG, ou licenciada ou licenciado en Ciencias da Comunicación ou Xornalismo pode formalizar a súa inscrición en iProx mediante a presentación dun proxecto cunha pequena descrición e orzamento aproximado. O xurado fará unha selección desas primeiras propostas e seleccionará as que considere para unha segunda fase, na que se terá que describir o proxecto máis polo miúdo. Os traballos poderán ser presentados por unha ou varias persoas.

Un xurado multidisciplinar, designado pola organización de iProx, determinará cal é o proxecto ou proxectos elixidos, aos que se lles asignará unha contía dun mínimo de 1.000 euros e un máximo de 6.000. En calquera caso, a suma total das bolsas non poderá pasar de 6.000 euros. A bolsa non poderá ser declarada deserta.

As propostas para a bolsa iProx, Iniciativa de Proxectos Xornalísticos deberán enviarse antes do 14 de xuño de 2013 a: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, San Pedro de Mezonzo, 36, 1º, 15701 Santiago de Compostela por vía postal ou en persoa. Tamén se poderá facer chegar por correo electrónico a [email protected]. O fallo do xurado darase a coñecer na primeira quincena de xullo.

Os proxectos seleccionados teñen que ser realizados antes do 25 de novembro de 2013, e irán acompañados dunha memoria explicativa do proceso de produción. As pezas finais serán publicadas na web da organización e divulgadas como estime oportuno o xurado. Tamén poderán ser cedidas aos medios, previa solicitude á organización e comunicación ao gañador, ou publicadas ou divulgadas en medios propostos pola persoa gañadora, previa comunicación á organización.

Comentarios