Nacer en Galicia é un sinal de identidade, mais falar galego é a identidade natural

Manifestación a favor do galego.
Manifestación a favor do galego.

Por min o galego terá mil primaveras máis, algo posible con só falala, empregala aínda que non sexa máis que para evidenciar ser galego e defender a lingua propia.

Nacer en Galicia é un sinal de identidade, mais falar galego é a identidade natural

Por min o galego terá mil primaveras máis, algo posible con só falala, empregala aínda que non sexa máis que para evidenciar ser galego e defender a lingua propia.

Permítame o lector: nacín, vai para 71 anos, no lugar da Cruz, na parroquia cariñesa da Pedra, en Galicia. Aínda non cumprira os doce meses de vida cando por mor do traballo do meu pai este foi destinado a Las Palmas de Gran Canaria. E aló fun con el e miña nai. Meus tres irmáns son canarios de nacencia e galegos de conciencia. Eu son galego de nacencia e conciencia. Quero selo tamén de compromiso, se asimismo me permite vostede a personalización do feito cando estamos a piques de celebrarmos o Día das Letras Galegas e a 34 anos de aquel 25 de abril de 1980 no que o inesquecible don Álvaro Cunqueiro brindou en azul e branco por Mil primaveras máis para a língua galega.

Comecei a falar galego nun medio de comunicación en 1963. Con máis forza, grazas a un militar que, desde Ferrol, mandou una carta ao programa de radio que entón dirixía, dicindo que estabamos a "esnaquizar a nosa fermosa língua".

Serviu, vaia se serviu! a chamada (no meu descargo ei dicir que eu escribía e a lectura do texto facíaa un compañeiro e amigo nacido na Extremadura, criado en Vigo e afincado posteriormente na Coruña, empeñado en que, malia a redacción máis ou menos correcta do galego de aquel tempo, o que importaba era semellarse a Xan das Bolas).

Hoxe. cando cada vez menos os galegos nos implicamos na defensa do noso idioma, da nosa língua, quixera que todos e cada un de nós. fixera acto de fe na mesma para, un día calquera, formar parte das ringleiras dos que nos precederon, de aqueles que subiron congostras e abriron vieiros para que o galego, amáis de língua de entendemento entre nós e moitos outros de países lusófonos e, en boa medida, de idioma castelá, fose -como é- língua literaria benquerida, admirada mesmo por aqueles que só entenden a súa musicalidade.

ProLíngua demanda un compromiso individual de cada quen para que, nesta primavera, recomece a conta de mil primaveras máis para a língua galega. 

Mil primaveras. Nin unha menos.

Comentarios