Mónica G. Prieto recolle en Ferrol o IX Premio José Couso e reivindica o traballo dos freelance

A xornalista Mónica G. Prieto / Twitter
Germán Castro, colaborador de MUNDIARIO, destaca "o valor e a vocación daqueles xornalistas que profesan na súa loita por transmitir á sociedade a verdade dos conflitos e a inxustiza das guerras".
Mónica G. Prieto recolle en Ferrol o IX Premio José Couso e reivindica o traballo dos freelance

A xornalista Mónica García Prieto viaxou ata Ferrol para recoller o IX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración coa Obra Social ‘la Caixa’. A xornalista reivindicou, nunha rolda de prensa, o importante labor dos xornalistas freelance para informar do que acontece. Da presentación do acto da entrega foi encargado o xornalista Germán Castro, columnista fundacional de MUNDIARIO.

Nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello da cidade departamental, celebrada está mañá, García Prieto agradeceu á organización o IX Premio José Couso, destacando que para ela era "unha múltipla satisfacción", por ser un premio elexido polos xornalistas e porque leva o nome dun "compañeiro que deixou a súa vida informando".

A premiada declarou que entende o galardón como "un recoñecemento xeral á cobertura da crise de Siria", onde só traballan xornalistas freelance que "non atoparon cabida en medios convencionais". A xornalista lembrou que ela mesma tomou en 2005 a decisión persoal de deixar un medio convencional e pasar a un dixital "porque quería contar cousas que no medio no que estaba non podía contar". Neste sentido, García Prieto afirmou que "o xornalista non ten que ser o protagonista, senon contar o que pasa", e defendeu o labor dos profesionais da comunicación para "informar do que acontece nos países en conflito, para que non se repita noutras partes do mundo, e denunciar situacións potencialmente similares".

En relación ás condicións do xornalismo no noso entorno, a preguntas dos xornalistas presentes na rolda de prensa, García Prieto expresou a súa perplexidade por certos aspectos do exercicio do xornalismo, e declarou neste sentido que "son inadmisíbeis as roldas de prensa sen preguntas e comparecencias por monitor".

No mesmo acto, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, María Ares Sanmartín, recordou que se acaban de facer 10 anos da morte de José Couso, e que seguen se se esclarecer os culpábeis. Por esta razón, o CPXG e o Club de Prensa de Ferrol crearon este premio nove anos atrás "como lembranza e recoñecemento". Pola súa banda, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, declarouse especialmente satisfeito polo premio a Mónica García Prieto, por representar un xornalismo "que conta as historias que a xente debe coñecer: historias de persoas normais que de pronto se ven abocadas a sobrevivir en situacións límite". Pereiro salientou tamén que o mérito da premiada está en que "ademais de realizar o seu traballo nunha zona en conflito, ten que enfrentarse ás críticas da xente que está ao seu redor, que a xulgan por posicionarse cun bando ou outro, cando ela o que fai é simplemente contar unha realidade".

No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen felicitou á Garcia Prieto e agradeceu unha vez máis que un premio tan importante para o xornalismo se faga en Ferrol, e o director territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou, tamén parabenizou á premiada por realizar "o mellor xornalismo", e facelo rn lugares onde moitos deixaron a súa vida por informar.

Mónica García Prieto, reporteira de guerra

Mónica G. Prieto naceu en Badaxoz en 1974 e é licenciada en Xornalismo. Con só 19 anos, cubriu a revolta zapatista de Chiapas (México), e desde 1995 traballou para o diario El Mundo conflitos como os de Chechenia, Irak, Afganistán, Macedonia, Gaza ou Líbano. En 2005 Prieto pediu un período sabático para centrarse en temas de Oriente Medio, converténdose en xornalista independente con sé en Xerusalén. En 2007 trasladouse a Beirut, onde vive desde entón, e desde donde cubriu amplamente os conflitos da zona, e de forma moi activa a "primavera árabe".

Reporteira de guerra, foi proposta en representación de todos os xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun grande medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra.Unha vez rematada a rolda de prensa celebrouse unha recepción oficial no Concello. Pola tarde, a tradicional ofrenda floral que se fai cada ano na estatua Ás Ceibes de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns.

O xornalista Germán Castro, colaborador de MUNDIARIO e conductor do acto de entrega no Teatro Jofre, destaca "o valor e a vocación daqueles xornalistas que, como Mónica García Prieto, profesan na súa loita por transmitir á sociedade a verdade dos conflitos e a inxustiza das guerras".

O columnista de MUNDIARIO salienta tamén "a preocupación polios atrancos que está a sufrir o exercicio do xornalismo, non só nos escenarios perigosos, de conflitos, e de guerras, senón tamén no seo da propia sociedade en xeral nun panorama de crise que afonda nas desigualdades sociais e na destrución do estado de benestar.

Con Mónica García Prieto xa son nove os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais da reporteira, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le Monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011) e o Consejo de Informativos da RTVE (2012).

O galardón naceu no ano 2005 e está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Mónica G. Prieto recolle en Ferrol o IX Premio José Couso e reivindica o traballo dos freelance
Comentarios