Medio século de ‘Vida Gallega’: a revista que conquistou América

Portada de Urbano Lugrís titulada "El globo de Betanzos". Agosto de 1955.
Portada de por Urbano Lugrís titulada "O globo de Betanzos". Agosto de 1955.
Hai agora cincuenta anos, nunha primavera de 1963, editábase en Vigo o derradeiro número da revista Vida Gallega, a publicación periódica máis popular e exportada de cantas viu nacer Galicia no século XX. Vida Gallega fixo rea
Medio século de ‘Vida Gallega’: a revista que conquistou América

Hai agora cincuenta anos, nunha primavera de 1963, editábase en Vigo o derradeiro número da revista Vida Gallega, a publicación periódica máis popular e exportada de cantas viu nacer Galicia no século XX. Vida Gallega fixo realmente “as américas”.

Nacera na cidade olívica nun mes de xaneiro de 1909 da man de Jaime Solá e cunha ilustración de Castelao en portada. En total publicaría 779 números (primeiro quincenais e logo mensuais). A finais dos anos 20, con máis de 350 números publicados, as tiradas alcanzaban xa os 70.000 exemplares, unha cifra elevadísima, destinada boa parte dela a fornecer de noticias á emigración de América. Pensemos, por exemplo, que o xornal galego de máis difusión daquela, El Pueblo Gallego, non superaba os 30.000 exemplares.

Vida Gallega contiña cultura e sociedade. E un amplo despregue fotográfico dende os primeiros números. Nesa tríade: creación literaria + crónica do que hoxe chamaríamos “rosa” + despregue gráfico, baseouse o seu enorme éxito. Cando a guerra, en 1937,  parou, non por ideoloxía (pois, coa República, fora distanciándose dos galeguistas) senón por escaseza de papel e outros materiais. Nos anos corenta morría o seu fundador, Solá, e haberá que agardar ata 1954 á que outro editor, José Iglesias Presa, merque os dereitos de publicación e a faga renacer. A redacción desprázase de Vigo a Lugo en 1956.

Esta segunda etapa (a menos estudada hoxe e que durou ata 1962) acolle a toda a intelectualidade da época, e tamén o que se coñece como o “exilio interior”. Citemos só dez nomes, dos moitos que atopan acubillo nas súas páxinas: Paco del Riego, Otero Pedrayo, Manuel María, Cunqueiro, Carballo Calero, Antón Fraguas, Paz Andrade, Urbano Lugrís, Luz Pozo ou Leandro Carré. Textos en galego e castelán, e un deseño que segue a parecer moderno e atractivo aos ollos de hoxe.

En maio de 1962 pasa a ser editada pola empresa Faro de Vigo mais só lle quedaban de vida seis números e un ano de existencia. Neste breve período, o eu director (e redactor da maior parte das páxinas) é Álvaro Cunqueiro, que acaba de se incorporar ao persoal deste xornal vigués.

Esta é en fin, nunhas breves liñas, a historia de máis de 36.000 páxinas, e de milleiros de fotografías e documentos. Duns tempos nos que o xornalismo era quen de deixar para a posteridade, unha radiografía ben completa do país: entretendo e ilustrando.

Comentarios