Unha lúa de mel que dura para sempre e cada día prende con forza

Bodegón con froita de Ellery Gutiérrez.
Bodegón con froita de Ellery Gutiérrez.

Hai decisións que veñen dadas polas inclemencias do tempo, é dicir, xurdidas por lei natural e imparables como a vellez: había de ser bonito deixar ir.

Unha lúa de mel que dura para sempre e cada día prende con forza

Hai decisións que veñen dadas polas inclemencias do tempo, é dicir, xurdidas por lei natural e imparables como a vellez: había de ser bonito deixar ir.

Érase unha vez unha casa  cunha horta e un inverno calquera. Chegaban os temporais e a pedra forte da construción protexía aos moradores, mentres que a xiada murchaba o eido e a natureza amosábase incrible naqueles cultivos.

Un día, mallou tanto o vento que unha árbore, a senlleira que engalanaba a fachada da casa, caeu de vez e de seguro perdeu a vida. A dona, asoballada pola desgraza, non tivo outra cousa que dicir en toda a tempada senón que aquela nogueira era o melloriño que ela vira… Semellante grandeza, con ramaxes poboadas e reviradas, cun talo groso e rugoso cuxo contorno levara décadas conformarse, posto que a aldeá daquela horta herdara a casa e lembraba alí a nogueira desde ter uso de razón.

Despóis de todo, díxolle o seu home, podíase prantar outra árbore no sitio. E alá foi a aldeá ao mercado na busca dunha semente.

Posto que as sementes eran variadas pero irrecoñecibles, a vendedora foille amosando fotos dos froitos das súas árbores:

─Vexa, esta é unha laranxa. É tan doce que se pode regalar, e o seu arrecendo alegra a vida. É gordecha, pero repártese en gallos o seu zume para que todos o proben. Agora que hai que estar atento ás súas pébedas porque lle poden a un dar un disgusto.

A aldeá reparou na textura da pel e recalcou:

─A monda da laranxa dálle moito peso, unha vez que cae ao chan non se pode apañar.

Entón, a vendedora describiulle a pera:

─Esta froita é moi fresquiña, o seu xugo chega directo ao padal. Partida á metade, pódese cociñar con licor.

─Vexo que en seguida podrece─ indicou a interesada. ─As noces extráense da membrana podre cando están no chan, mentres que as peras non aguantan nada.

─Que lle parecen as claudias? Cómense a manchea, teñen unha cor brillante que decora a cociña. Non fai falla pelalas, todas elas son comestibles.

─Se as probas cando están verdes─ insistía a aldeá─ levas o disgusto de que estean amargas, e non o podes distinguir.

─Un pexego é coloradiño, ten unha pel suave coma o mellor tecido.

─O corazón do pexego non é comestible, e o pexego é todo corazón…

Así que a aldeá decidíu sementar unha nova nogueira. Chegou un novo inverno e a árbore aínda non brotara. O home da casa atallaba o frío facendo leña da árbore caída… De xeito que a cheminea botaba fume que se confundía coas nubes e os estalos do lume semellaban aquelas noces que ela escachaba na merenda con migas de pan.

Na época estival, traballando na colleita, a aldeá non tiña acougo. Petaba o sol e non tiña unha triste árbore que lle dera sombra. Atentamente, o aldeán voltaba da cidade cargado de froita do tempo e lle preparaba unha macedonia fresca.

Ao ano seguinte, a nogueira seguía sen medrar abondo. Se ben a que morrera tiña dado noces para encher o faiado, a muller, con morriña no padal, foi a por noces compradas, que non lle sabían coma as outras. Rompían pola metade e tiñan un regusto amargo, desesperábana co mazo e perdía a paciencia…

Pero, chegada a primavera, un merlo pousou na xanela da casa unha mañá. Seguíu cantándolles todo aquel tempo até o punto de que o distinguían de entre os outros paxaros. Así, nun amencer de lene xiada, descobreron o seu niño na pequena nogueira.

Era incrible distinguir que aquel merlo tiña unha rutina coma a deles, xa que á mañá engadía palla ao niño e á tarde incubaba os seus oviños recén postos.

Sen máis dedicación ca de respectar o seu fogar, o animal foi tan querido coma aquela árbore aínda que non lles fora práctico… O que si, que lles daba ánimos para arranxar o desfeito e facer o que houbera que facer. A aldeá aprendeu que podía sentir tanto amor pola vida como polo seu home, igual que non había que desafiar á natureza porque agocha segredos por descubrir. Un deles, a linguaxe das flores que espallan a súa semente; as verbas de amor antes dun bico… O seu home púxolle un nome ao merlo e lle asubiaba unha vella cantiga, veredes, aquela cantiga coa que namorou á súa muller.

Unha lúa de mel que dura para sempre e cada día prende con forza
Comentarios