Pódese comprender a indiferenza dos funcionarios de xustiza coa lingua galega?

Símbolos de la justicia.
Símbolos da xustiza.

A galeguización do dereito e das instancias xudiciais precisa do impulso institucional, certamente; pero tamén dunha decisión individualizada e das asociacións.

Pódese comprender a indiferenza dos funcionarios de xustiza coa lingua galega?

A galeguización do dereito e das instancias xudiciais precisa do impulso institucional, certamente; pero tamén dunha decisión individualizada e das asociacións.

En 1987, convocados por pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), xuntáronse  trinta xuristas nun coñecido restaurante do  concello de Rois para abordar a estratexia da galeguización  xudicial e actividades dos profesionais do dereito expresada na “Declaración de Rois”. Xuíces, fiscais e avogados acordaron iniciar un proceso que non podía ser adiado indefinidamente cando outras administracións públicas xa levaban un camiño andado desde 1984. Daquela  cento noventa e oito rexedores municipais  asinaron en Compostela a “Declaración dos alcaldel galego a prol da lingua galega”.

A Irmandade Xurídica Galega,  sección xurídica da AFNLG, que anos despois retomou o espírito da “Declaración de Rois”, veu  desenvolvendo durante os últimos anos diversas accións con gran acerto e exitosos resultados.  Velaí  están as publicacións e o labor de todos eles, xuíces, fiscais, avogados e moitos funcionarios xudicais, que foron quen de prestixiar o idioma galego nos xulgados malia os atrancos derivados da inexistencia de ferramentas informáticas que faciliten o seu labor.

A galeguización do dereito e das instancias xudiciais precisa do impulso institucional, certamente; pero tamén dunha decisión individualizada e das asociacións profesionais e sindicatos nas que se encadra un amplo sector de funcionarios e profesionais do dereito, que teñena obriga de sumarse a este proceso animando aos seus socios e afiliados a facer efectiva a cooficialidade lingüística que o ordenamento xurídico establece. Porque se temos en conta que  a case totalidade foron alfabetizados en lingua galega desde o ensino primario, e que moitos deles realizaron cursos de linguaxe xurídica para participaren nos concursos de traslados, resulta difícil comprender a súa indiferenza pola galeguización xurídica.

Todo o contrario dos funcionarios e xuíces que no xulgado da Fonsagrada se viñeron sucedendo desde hai vinte anos que  constitúen o exemplo máis  aleccionador desa  vontade galeguizadora. O próximo 18 de xullo celebrarase no Xulgado da Fonsagrada un acto público de recoñecemento promovido pola Irmandade Xurídica, que quedará perpetuado nunha placa conmemorativa que se colocará no edificio xudicial.

Este labor de ir trenzando vontades é a característica máis sobranceira da pedagoxia da Irmandade Xurídica Galega, que o próximo día 27 celebra a VIII asemblea no Salón Nobre de Fonseca en Compostela. Participarán nela os secretarios  xerais de todas as centrais sindicais para asinaren unha acta de compromiso de galeguización das respectivas asesorías xurídicas, que son as que poden darlle un pulo decisivo á presenza do noso idioma  na xurisdición laboral. Xunto co compromiso de utilización da lingua galega nos procedementos procesuais  inclúese  tamén a solicitude formal expresada nos escritos das demandas solicitando dos xulgados do social que dicten resolucións en galego ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 7.4 da Lei de Normalización Lingüística.

Ao tempo, unha nova fornada de xuristas (xuíces e avogados) incorporaranse á Irmandade agrandando a lexión de valedores da lingua galega que homenaxearán este ano a unha figura senlleira da historia do dereito e da cultura galega: Lois Tobio, o primeiro profesor da Facultade de Dereito que impartíu aulas en galego en 1934.

 

Comentarios