Irmandade da Sanidade: Galeguizar a sanidade é tarefa de todos os profesionais

Un médico.
Ten importancia que os sanitarios coñezan a cultura do doente.

Nese afán traballa con ansias a Irmandade da Sanidade Galega, que o próximo día 30 celebrará na Coruña a IIIª Asemblea coa incorporación de medio cento de profesionais.

Irmandade da Sanidade: Galeguizar a sanidade é tarefa de todos os profesionais

O profesor  Ramón López Vázquez é autor dun libro de recente aparición titulado “Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía”. Disecciona  en varios capítulos o pensamento do herdeiro máis sobranceiro da Escola Médica Galega. Nun deles debulla moi migalleiramente a importancia que ten no sanador a formación antropolóxica. A arte curandeira de comprender a identidade interna das persoas require, dicía García-Sabell, dun médico antropólogo, que saiba moito, ademais de ciencia hipocrática. Porque o doente é portador do seu propio mundo cultural, por exemplo, o galego, e iso supón que o médico o coñeza e utilice para atinar no tratamento

Hai un relato seu ao que volvo moitas veces no que explica o que lle aconteceu cando estaba preparando unha investigación para a súa tese de doutoramento en Madrid, no Hospital de San Carlos no Servizo do Profesor Jiménez Díaz. Había un enfermo ao que lle diagnosticaran  unha esquizofrenia, e chegaran a esa conclusión porque tiña un ensimismamento absoluto, negábase a falar, e non podían sacarlle ningún síntoma. Sabendo que o enfermo era galego, encomendaronllo a García-Sabell a ver se era quen de tirarlle prenda. Faloulle galego e o enfermo, que seica falaba marabillosamente, explicou o que lle pasaba; resulta que o home tiña unha doenza orgánica, unha enfermidade local, concreta, da cal o trataron e da cal curou. Ben certo é que unha afección pulmonar é igual en Ourense que en Málaga; sen embargo,  o enfermo, non.

Un servidor, que non é un profesional da sanidade, presenciou hai moitos anos un exemplo semellante. Ese día decateime da importancia que ten que os sanitarios coñezan a cultura do doente. A comunicación na súa lingua debe ser utilizada como un instrumento terapéutico, e senón se emprega poden ocorrer dúas cousas: por unha banda que privemos ao enfermo dun tesouro enorme de expresións nas cales se sabe enormemente práctico. E o segundo aspecto do problema: se se insiste no castelán, idioma que fala con dificultade, esa dificultade produce unha inhibición en virtude da cal a todo interrogatorio vai dicir que si. E se se lle di a contraria, igual é, vai dicir que si a todo. Para o doutor Pablo Vaamonde, coordinador da Irmandade da Sanidade Galega,  a razón non ten volta: “boa parte dos prexuízos lingüísticos están na  relación de dependencia do doente perante o persoal sanitario que o coloca nunha situación de inferioridade. A ocultación da lingua propia ten a súa explicación nesa subordinación ao ser superior que o pode curar”. Velaí o valor terapéutico da lingua.

A Irmandade da Sanidade Galega é consciente de que xa non hai unha relación entre o médico e o paciente tan estreita  como noutrora. Precisamente por iso cómpre esforzarse para humanizala, afondando na antropoloxía cultural dos usuarios. Galeguizar a sanidade é tarefa de todos os profesionais. E nese afán traballa con ansias a Irmandade da Sanidade Galega, que o próximo día 30 celebrará na Coruña a IIIª Asemblea coa incorporación de medio cento de profesionais, e unha homenaxe ao doutor Fausto Galdo de imborrable memoria.

 

Comentarios