O IGE amosa unha triste realidade: a perda de galegofalantes entre os mozos

1266861108379orgullososdn
Participantes na campaña a favor do uso do galego no ensino.

"Temos unha lingua fermosa, non nos avergoñemos dela nin nos convertamos en cómplices da súa desaparición", escribe esta autora de MUNDIARIO, nesta ocasión na língua propia de Galicia.

O IGE amosa unha triste realidade: a perda de galegofalantes entre os mozos

Dáme rabia pensar que o noso idioma pode caer no esquecemento, que se pode converter nunha lingua morta. Temos unha lingua fermosa, non nos avergoñemos dela nin nos convertamos en cómplices da súa desaparición.

O galego está a perder falantes entre as novas xeracións da nosa comunidade. Este é o resultado da última enquisa realizada polo Instituto Galego de Estatística. Lugo e Santiago son as cidades nas que esa diminución é menos estrepitosa. Son profesora de educación secundaria e ó longo da miña curta experiencia profesional estiven en contacto con adolescentes entre 12 e 16 anos das catro provincias, tanto no ámbito rural como urbano. Que os rapaces de hoxe en día non empregan o galego é algo obvio, sobre todo nas cidades. Non obstante, o máis preocupante son os criterios que aplican os pais ó elixir unha ou outra lingua para a educación dos seus fillos. En pleno século XXI, os prexuízos que levan acompañando á nosa lingua deberían estar soterrados; sen embargo, aínda se segue a relacionar a lingua galega con fracaso, conformismo e carencia de aspiracións laborais e a lingua castelá con éxito e ambición profesional. Gustaríame berrar ós catro ventos que son profesora de tecnoloxía (materia que actualmente se imparte en lingua castelá), que son escritora, que colaboro co diario dixital Mundiario, e, o máis importante, que o galego é a miña lingua habitual, aquela que emprego en tódolos eidos da miña vida, tanto coloquiais como formais, e que en ningún momento supuxo unha traba para acadar os meus obxectivos. Os prexuízos empezan nun mesmo, e só se un mesmo é capaz de antepoñerse a eles será capaz de valorar un ben tan prezado como é ter un lingua propia que nos diferencia dos demais, que nos converte nunha comunidade única, e iso, en lugar de ser un lastre, debera ser motivo de orgullo e satisfacción.

Lembro o meu primeiro contacto máis profundo coa cidade de Santiago de Compostela. Eu chegaba procedente de Ferrol, unha urbe tremendamente castelanizada na que os galegofalantes aínda somos unha minoría. Sorprendeume gratamente a presencia que o galego tiña no día a día. Podías estar nunha cafetería ateigada de xente e recoñecer as nosas verbas nas conversas. Era doado atopar estudantes universitarios que pensasen e se expresasen en galego. Os pequerrechos xogaban nos parques e pedían "a merenda", que non "la merienda". Transcorreron nove anos e descubrín con tristura como esta cidade que nun pasado conseguira namorarme acabara cedendo á presión que dende norte e sur exercía o castelán. Así, a día de hoxe, entre os case douscentos alumnos cos que lidio cada semana, apenas un 10% emprega o galego con fluidez, e non só iso, senón que o 90% restante non presenta un dominio da lingua nin a nivel oral nin escrito.

Elixir falar galego non exclúe o coñecemento nin o dominio doutras linguas. Simplemente é unha opción, unha alternativa que non debera estar acompañada de connotacións negativas nin de prexuízos. Dáme rabia pensar que o noso idioma pode caer no esquecemento, que se pode converter nunha lingua morta. Evidentemente seguirá a formar parte do currículo oficial das ensinanzas obrigatorias da nosa comunidade, pero de nada serve impoñer unha lingua que non está viva, unha lingua que por tradición forma parte da nosa identidade pero coa cal non nos queremos identificar. O goberno autonómico está menosprezando a lingua galega, coas súas actuacións están relegándoa a un segundo plano, están a lapidala sen censura. Sen embargo, o máis sorprendente é que a pesar do seu empeño aínda se poda escoitar, porque a insistencia coa que pretenden desacreditala e presentala como unha lingua de segunda división é máis que patente (véxanse os esforzos por implantar seccións bilingües nas que ese bilingüismo se imparte en idiomas estranxeiros). E con todo, aínda se congratulan e manifestan a ledicia duns datos tan esperanzadores. Parece ser que ó goberno fixeron chegar outra enquisa diferente...

A lingua non debería entender de partidos políticos. A lingua debería ser un vínculo de unión de tódolos galegos, parte dunha identidade da que sentirnos orgullosos. Os galegos caracterizámonos por antepoñernos ás adversidades, polo noso afán de superación e pola nosa perseveranza. Do mesmo xeito, a nosa lingua conseguiu sobrevivir ós séculos escuros e ó franquismo. Debemos honrar a aqueles homes e mulleres que permitiron que a nosa lingua chegase a nós, desafiando ós tiranos e facendo perigar en moitos casos as súas vidas. Temos unha lingua fermosa, non nos avergoñemos dela nin nos convertamos en cómplices da súa desaparición.

O IGE amosa unha triste realidade: a perda de galegofalantes entre os mozos
Comentarios