A historia de amor dos vampiros que agardaban no altar máis e máis sacrificios

Cirios.
Cirios.

Os mosteiros galegos son construcións milenarias que albergan unha chea de misterios… Vexamos cal é o erro histórico do seu abandono, propón esta autora.

A historia de amor dos vampiros que agardaban no altar máis e máis sacrificios

Os mosteiros galegos son construcións milenarias que albergan unha chea de misterios… Vexamos cal é o erro histórico do seu abandono, propón esta autora.

No ano mil, no esplendor do país, houbo dous vencidos da orde establecida. As romarías veneraban santos coma estes dous, mais naquel tempo houberon de desaparecer para ser recoñecida a súa aventura.

Foron dar, fuxidos do seu lugar, á Virxe do Corpiño. Arrodeados de sandeus, encontráronse entre a multitude, miráronse con encantamento, e camiñaron as tebras até un mosteiro que os goreceu por centos de anos.

A lenda que arrodeaba a tal mosteiro dicía que, quen ousara franquear o valado das súas terras, de vexetación frondosa e copiosos mananciais, sería cercenado e a súa cabeza inserida no pórtico, pois os dous vampiros que o habitaban eran dunha beleza cegadora, de tal beleza que quen os vira querería morrer.

Coñecidos polos nomes de Pero D’Ouro e Laia Prata, negáronse a ser mártires, sortearon a tortura e foron felices un co outro contra o decorrer dos tempos, gorecidos polo misterio infranqueable.

Laia fuxira da casa por mor dun casamento que non quería, toleando pola perda do afecto da súa familia por non obedecer… Pola súa banda, Pero matou o ferreiro que quixo escravizalo, quen lle enfeitizou cun ferro incandescente na súa pel. Así, levando a contraria ao poder, erixíronse en viláns para o pobo, amantes entre eles.

O seu amor foi secreto. Brindaban cada medianoite por xurarse amor eterno, cando oficiaban unha misa pagá á que convidaban aos ratos do monte, a prol das tebras. A loucura dela conferiulle unha mente criminal, a cicatriz del aínda lle doía, lle daba moi mal carácter. Estaban feitos o un para o outro.

Esqueléticos, vestidos con traxes de veludo, arrincáranse os cabelos para facer un esconxuro segundo o cal deixarían de ser mortais e alcanzarían a forma física de dous deuses espúreos.

Alimentábanse do sangue que brotaba dun cálice. De tal providencia, que nunca se esgotaba, e eles xamáis estaban saciados. Invocaban ao demo coas súas cerimonias, as cales oficiaban facendo o amor no altar.

─Só sei que te amo coma o infindo horizonte, que sen o teu xuízo sandeu nada tería sentido─ murmuriaba Pero D’Ouro.

─Temo a Deus coma a luz do día, e esta sensación é a mesma cá dun alumbramento… Detesto o xentío que non cre nos vampiros, cando eu lles dou morte na súa distracción─ dicía Laia Prata…─ Canta máis felicidade traen as miñas vítimas, con máis odio eu condeno as súas vidas.

─O tempo non existe para nós: eles cren que Deus existe… Logo tamén o demo, entón o porvir é eterno. Pobres mortais, mellor que non queiran pisar este templo, porque agora é noso, e nós non somos de ninguén.

─Ámote nerviosa, isto axúdame a matar, porque a felicidade fire os meus sentimentos e non queiran os mortais interromper a nosa arte de carne, pois os convertiremos en pedra…

Pero, no cénit das escrituras, xa non había escravos e o amor era libre… Os vampiros ignoraron o cambio de orde e permaneceron confinados no mosteiro… Mais constataron a perda de fieis, igual só eles os dous se eran fieis o un ao outro. O lugar foi deixado da man de Deus e foi abandoado. Xa non se recreaban coa sua manchea de ósos amontoados nin podían amedrentar aos camiñantes, cando os camiños se cubriron de maleza. A erosión borrou as facianas do pórtico… Eles comezaron a discutir.

─Xa non quero sangue, teño sede das túas bágoas, porque eu cría que me amabas e o que ti querías era gloria. Malfadado destino, fomos condenados a un presidio… Quero morrer! Arrepíntome de ter perdido toda unha vida en troques da inmortalidade.

A discusión fixo rebentar tódolos cristais, a tensión fixo que da pía bautismal brotaran augas termais! A ira destes vampiros espantou ás feras do monte. Inundouse o mosteiro e os dous afogaron na auga bendita.

  

Comentarios