Unha falcatruada pode facer cambiar a forma de pensar dun meniño

Chan agretado.
Chan agretado.

O período estival préstase á alegría e a diversión. As familias deben estar unidas ante tódolos detalles que fan historia na súa vida sentimental.

Unha falcatruada pode facer cambiar a forma de pensar dun meniño

O período estival préstase á alegría e a diversión. As familias deben estar unidas ante tódolos detalles que fan historia na súa vida sentimental.

A madriña desvivíase polo crío. Todo o que el quixera, ela llo daba. O neno era adorable, alegráballe a vida. El pensaba que debía ser así, porque sempre lle facían caso. Unha vez, tivo que pedir axuda.

A madriña estaba traballando no xardín, el xogaba de lado. Nunha destas, o neno rompeu unha maceta coa pelota. “Que non se entere túa nai!”, advertiulle. El asustouse porque sabía que o que fixera estaba mal. Deixou rodar a pelota e marchou durmir a sesta.

Na galería daba o sol, que o arrolaba tumbado no sofá. Axiña se asustou cando alguén descorreu o fecho da porta principal: eran os seus pais, que voltaban de Santiago. “Que tal te portaches?”─ increpoulle a súa nai colléndoo no colo. “Mamá! Teño fame!”.

A nai preparoulle un bocadillo de chocolate e chimpouno afóra mentres os maiores celebraban o café.

Facía moita calor, na leira cantaban os grilos. Achegouse á beira do pilón. Ollou o seu reflexo na auga: tiña chocolate por toda a cara. Mollou as mans e limpouse, pero o bocadillo caeulle no pilón. E flotaba! Xa non o necesitaba. Refrescouse un pouco máis e provocou un remuíño de auga que parecía o afundimento dun barco. Resulta que o bocadillo foi rotando ata que emerxeron os fuciños dun crocodilo, quen o comeu dun bocado.

─Bo petisco! Se non me traes un pouquechiño máis, cómote a ti!

─Se me comes vas a mamá.

─Todo aquel que perturbe o meu pilón, o meu hábitat, será o meu guiso. Ti sabías que eu estou en perigo de extinción? Nenos hai a manchea, e os que se portan mal son castigados.

─Agora vou a polo chocolate.

O neno marchou a fume de carozo cumprindo a promesa. Cando voltou, o chocolate estaba derretido.

─Que me traes nas mans manchadas? Espera que te como!

Pero, ao saír da auga na persecución, o crocodilo era ben torpe. Axitaba as súas extremidades enchéndose de terra. Ao neno deulle peniña aínda que se deu por salvado.

─Quen che mandou vir ao noso pilón?─ increpoulle ao crocodilo.

─Atraeume o clima tropical de Galicia─ confesou.─Na selva non cabe un alfinete da fauna que temos, mentres que no voso país un pode acougar en calquera río. Só precisades de hipopótamos para apagar os lumes!

─Vaites! A madriña ten a pota ao lume, convídote ao seu guiso.

O crocodilo quedou pampo da compaixón do pequeño e púxose a chorar…

─En serio? Darédesme de comer coma ás vosas galiñas? Bua! Bua!

─Aprendín que os que son malos só teñen fame. É a primeira vez que vexo un crocodilo e non teño medo!

─Eu descubrín que o ser humano pode ser bo se falas con el.

Alá foron os dous, con torpeza, á cociña. Mais a familia enteira aterrouse ao ver o animal!

─Fillo! O crocodilo vaite comer!

Axiña o ataron e lle pecharon os fuciños cunha corda. O crocodilo non puido versar palabra ante aquilo. Polo susto, ao neno déronlle a pelota para que fora xogar namentres. As galiñas, que auguraban un porvir, cacarexaban.

─Neno! Meu ben! A cear!

Entón espertou e non había rastro do crocodilo, senón que todo fora un soño. Tampouco estaban aínda os seus pais na casa.

─Madriña, e se o ser humano estivera en perigo de extinción?

─Daquela non habería mundo.

─Que é máis importante? Aprender ou xogar?─ plantexaba o neno.

─O importante, meu ben, é que sexas feliz.

Á mañá seguinte, o neno tivera unha manchea de soños e esquecera aquela fatídica sesta. Os soños, din os vellos, enganan a un. Así que apañou unhas pedras e as tirou ao pilón, e salpicaban e non pasaba nada. Os maiores, na leira, cantaban alegremente.

Comentarios