O Foro E. Peinador propónse celebrar todos os anos o Día da Galeguidade Empresarial

Bandera de Galicia.
Bandeira de Galicia.

Anima un proceso no que o galego vaia ocupando espazos na sinalética, na etiquetaxe, publicidade e relacións laborais, seguindo criterios da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

O Foro E. Peinador propónse celebrar todos os anos o Día da Galeguidade Empresarial

Na historia da economía galega hai fitos  moi relevantes  para que sexan coñecidos polos estudantes das facultades  de económicas  e escolas empresariais. O seu coñecemento debera incluírse nos programas formativos. Só así poderíamos ter na dirección das empresas  profesionais  sabedores dunha tradición e duns dirixentes empresariais que acadaron éxitos nos negocios con evidente compromiso coa cultura galega.

Neste senso cómpre facer mención ao Congreso de Economía de Galicia celebrado en 1925 na cidade de Lugo no que se debateu un modelo de desenvolvemento económico integral que sentou as bases para unha planificación sen deixar fóra ningún sector; mesmo se fixaban obxectivos concretos para lingua e a cultura como elementos fundamentais para a cohesión social. Entendían os protagonistas daquel cónclave que calquera actividade económica tiña que ser respectuosa cos sinais de identidade de Galicia. Moitísimas das súas conclusións habían ser asumidas décadas despois. A responsabilidade social corporativa e a fórmula aritmética imprescindible para o éxito : I +D + i, tan pregoada  hoxe na literatura económica, xa fóran deseñadas  naquel congreso lugués, coa orixinalidade de terlle aplicado un sumando máis, o G do galeguismo. A  Revista de Economía de Galicia que editou a editorial Galaxia desde fins da década dos anos cincuenta deica mediados do sesenta inxustamente esquecida é unha publicación herdeira daquel pensamento, imprescindible para o estudo na nosa historia económica.

Enrique Peinador Lines, os irmáns José e Antonio Fernández López, Álvaro Gil Varela, Fidel Isla Couto, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Isidro Parga Pondal, por citarmos estes casos unicamente, foron a avangarda da ilustración empresarial de Galicia. As súas foron empresas modélicas e exitosos os seus negocios. Souberon conectar os seus intereses coa cultura do pobo na que desenvolvían as súas actividades, comprometéndose coa súa cultura e lingua ao tempo que  se proxectaban nos mercados internacionais. Alén mar, en  Montevideo, outro empresario e galeguista, Xesús Canabal, creaba un emporio industrial e financieiro no continente latinoamericano con  meritorio compromiso coa identidade galega.

Coincidindo co 125 aniversario do nacemento do doutor Ramón Obella Vidal, fundador da farmacéutica Zeltia, o Foro E. Peinador, Concello de O Porriño e Secretaría Xeral de Política Lingüística, quixeron renderlle a merecida homenaxe a quen soubo imaxinar e crear unha industria decisiva para o saneamento integral do noso agro coa fabricación de produtos destinados a combater as pestes agrícolas e gandeiras. Esta empresa aplicou esa ecuación aritmética á que faciamos mención anteriormente co engadido da galeguidade, que amosaron  coa  incorporación de profesionais aos seus laboratorios  de científicos e equipos directivos  de inequívoco compromiso con Galicia. Zeltia, segundo o historiador Ricardo Gurriarán, tivo unha intervención científico-industrial con  multitude de liñais de investigación abertas nun contexto histórico nada favorable. Velaí o seu mérito.

O Foro E. Peinador  propónse celebrar  todos os anos o Día da Galeguidade Empresarial animando un proceso no que a lingua galega vaia ocupando espazos na sinalética , na etiquetaxe, publicidade e relacións laborais, seguindo as recomendacións da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a Lei de Normalización Lingüística de Galicia.

Este primeiro ano do Día da Galeguidade Empresrial o Foro E. Peinador mantivo un encontro cos xestores dun amplo número de empresas dos polígonos industrias do Porriño para avaliar as posibles aplicacións da lingua galega nas actividades empresariais. Os resultado non  puideron ser mellor: quedaron abertas as portas en moitas empresas para que a lingua galega entre por elas e quese asentada na sinaléctica, negoción colectiva, nóminas, páxinas web, etcétera.

 

O Foro E. Peinador propónse celebrar todos os anos o Día da Galeguidade Empresarial
Comentarios