De media, os humanos só facemos uso dun 1% de todo o que nos arrodea

"O resto é lixo, ganga, farelo, desperdicio. Quero crer que haberá quen, individualmente, faga uso distributivo das cousas que me arrodean e que eu desprezo", escribe este autor de MUNDIARIO.
De media, os humanos só facemos uso dun 1% de todo o que nos arrodea

IMG_1952

Lixo / Christophe Morisset via Compfight

Hai contratos lixo, televisión-lixo, traballo-lixo, literatura-lixo, comida-lixo, tecnolixo, ciberlixo. Vivimos arrodeados de lixo, pero non dun lixo viscoso, pútrido e fedorento, como o que soportaban os nosos devanceiros. Non.

Trátase dun lixo conceptual, de luva branca, en virtude do cal, unha señorita monísima dille a un universitario con premio extraordinario de doutoramento que pode incorporarse á empresa para facer fotocopias en horario de 7 a 15.00 horas sábados incluídos, por 900 euros antes de impostos, durante un período probablemente non superior a un ano, e que, se o quere o toma, o se non o deixa, que ten trinta e dous candidatos agardando polo posto. Un lixo aséptico, en virtude do cal dispoñemos en todas as casas contemporáneas dun caixón repleto de alimentadores eléctricos, en probable convivencia cun fato de teléfonos celulares e cámaras dixitais pasadas de moda. Un lixo colectivo, en virtude do cal nos deleitamos contemplando na caixa tonta como unha gicha cos peteiros como salchichas e os seos como sandías vomita soecedades sobre a vida sexual dun toureiro. Un lixo disimulado, en virtude do cal nos poñemos ata arriba de hamburguesas, papas fritas conxeladas e cocacola, sabendo que a tradución deste menú a colesterol e triglicéridos é simplemente escalofriante. Un lixo onírico, en virtude do cal a exosfera está ateigada de sondas, satélites e outra chatarra cósmica, condenada a orbitar eterna e silenciosamente arredor do planeta.

Unha vez visitei un hangar onde se almacenaban centos, tal vez milleiros, de ordenadores e fiquei estarrecido: toda aquela intelixencia silícea, noutrora cómplice dalgún usuario humano, durmindo o deprimente cibersono dos robots, lembroume, nunha estraña conexión de ideas, a voz de Hal 9000 pregando a Dave Bowman que non o desligue. Seica, de media, os humanos só facemos uso dun 1% de todo o que nos arrodea: o resto é lixo, ganga, farelo, desperdicio. Quero crer que haberá quen, individualmente, faga uso distributivo das cousas que me arrodean e que eu desprezo.

Pero temo que non, pois a todos nos gusta o mesmo e convertemos as mesmas cousas en lixo: adoramos o lixo, xeramos actividades-lixo e milleiros de toneladas de lixo físico, pois o lixo é o corolario da nosa fachenda hiperconsumista, a peaxe inevitable dun mundo imperfectísimo no que, malia desprezarmos o 99% das cousas que nos arrodean, cada vez sentimos que nos falta máis.

Comentarios