Brillantes profesionais identificaron o seu prestixio científico coa defensa de Galicia

Domingo García-Sabell, aplaudido no seu ingreso na Academia de Bellas Artes.
Domingo García-Sabell, aplaudido no seu ingreso na Academia de Bellas Artes.

A pregunta que nos facemos hoxe é se queda algo das súas ensinanzas, e se aínda podemos  atopar continuadores desa escola. Cómpre dicir que os tempos de entón nada teñen que ver cos de hoxe.

Brillantes profesionais identificaron o seu prestixio científico coa defensa de Galicia

A pregunta que nos facemos hoxe é se queda algo das súas ensinanzas, e se aínda podemos  atopar continuadores desa escola. Cómpre dicir que os tempos de entón nada teñen que ver cos de hoxe.

Dixo alguén  que as bibliotecas son como inmensas voces e silandeira coral na que a voz dos antigos se mestura doadamente coa voz dos contemporáneos. Son a tertulia inmóbil, a que non ten fallos posibles, que nos informan e indican con sabedoría das razóns e os por ques de moitas cousas e causas.

Concordo con esa reflexión porque eu mesmo adoito manter ese diálogo permanente coa miña. Dese parladoiro íntimo tirei abondosa información sobre a existencia dunha  medicina humanista en Galicia. Atopei  respostas no doutor Varela de Montes, o mestre en quen a prestixiosa Escola Médica de Santiago tivo seu filósofo, expositor, seu clínico de continuados e sereos lucires, como moi ben dixo del Otero Pedrayo; en Rof Carballo, estudoso da medicina sicosomática, o albiscador do trasfondo do doente galego; en Roberto Nóvoa Santos, a eminencia da antropoloxía médica que a ciencia galega perdeu prematuramente; en Ramón Obella Vidal, un médico preocupado polo artellamento dunha industria farmacéutica de noso; en Domingo García-Sabell, ollo avizor das doenzas da nosa idiosincrasia, sempre atento ao trasmundo do doente; en Antón Beiras García, médico e investigador, que curou o ollo birollo co seu instrumento que el denominou “Vigoscopio”; en Puente Castro, Novo Campelo, Rodríguez Cadarso, Carrero Nine, Antonio e Ramón Baltar, Villamil, Arijón,etc.,todos eles integrantes da “Fonte limpa” que así foron chamados polas xentes que acudían a eles convencidos de procuraren remedios para os seus males.

A esa escola de médicos humanistas hai que agregar a nómina extensa de médicos rurais na que teñen lugares sobranceiros os doutores Gonzalo Gurriarán e Manuel Reimóndez Portela, que levados polo seu entusiasmo superaron as limitacións dos tempos de penurias e crearon clínicas nas que practicaban algunhas intervencións cirúrxicas,  e moitos outros que David Simón Lorda glosa no seu libro  dedicado ao estudo dos médicos represalidados na provincia de Ourense.

A pregunta que nos facemos hoxe é se queda algo das súas ensinanzas, e se aínda podemos  atopar continuadores desa escola. Cómpre dicir que os tempos de entón nada teñen que ver cos de hoxe, porén a memoria do seu exemplo debemos estudala e preservala porque foron brillantes profesionais que identificaron o seu prestixio científico coa defensa de Galicia e os seus  valores patrimoniais, que aos máis deles pagarono ben caro co exilio, a marxinación no interior  e, en moitos casos, a eliminación física.

A Irmandade da Sanidade Galega, que quere recoller o exemplo e ensinanzas desa tradición humanística e galeguista, vai homenaxear  ao doutor Xosé M. López Nogueira, epígono daquela xeración de profesionais da medicina silenciada ou trasterrada, polos seus moitos ensaios e traballos de investigación expresados  en lingua galega. O acto celebrarase o próximo día 29 en Santiago de Compostela coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde morou e tivo consulta, e posteriormente cun acto académico no salón de graos da Facultade de Medicina.

Un ano máis, medio cento de profesionais da sanidade ingresarán na Irmandade pronunciando o ritual compromiso de prestaren os seus servizos en lingua galega nun exercicio de coherencia cunha sociedade que se expresa nela maioritariamente.

 

 

Comentarios