Buscar

MUNDIARIO

Cordal, Barreiro, TAC, Culturgal, Gil e Voadora, Premios da Crítica Galicia

Ditame da XXXVI edición dos Premios da Crítica na modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.

Cordal, Barreiro, TAC, Culturgal, Gil e Voadora, Premios da Crítica Galicia
Gañadores dos Premios da Crítica.
Gañadores dos Premios da Crítica.

Firma

GALICIA

GALICIA

Análisis de la Redacción GALICIA de @mundiario.

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar deste sábado 19 de outubro o ditame da trixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.

Baixo o lema “Auga limpa en fresca fonte”, recollido dun verso de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Manuel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación provincial de Lugo; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a singularidade desta triséxima sexta edición,  que coincide co sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares gallegos e coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.

“Transmuta” de Xabier Cordal, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Marta Neira, María Xesús Nogueira Pereira, Chus Pato Díaz, Cesáreo Sánchez Iglesias  e María do Cebreiro Rábade Villar, que actuou como secretaria, acordou declarar finalistas as obras A noite branca de Francisco Fernández Naval (Xerais), Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño (Galaxia) e Transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Transmuta de Xabier Cordal editada por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado quere salientar a capacidade do libro para conciliar a lealdade á linguaxe poética coa expresión de contidos de fondo alento humano. Transmuta anoa a intimidade e o sentido comunitario. A súa dignidade e a súa altura emanan da potencia de lle dar voz á vida núa, á vida que resiste sendo pura existencia.

 

“Murguía” de Xosé Ramón Barreiro, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia),  Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais)  e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.

O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.

“Taller Atlántico Contemporáneo”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado Margarita Viso, Felipe Agel, Lorena López Cobas, Marta Fernández Pan, Raquel Gamallo, Belén Regueira  e Xavier Senín Fernández, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantigas de Mulleres, Mercedes Peón e Taller Atlántico Contemporáneo. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio a Taller Atlántico Contemporáneo. O xurado quere salientar que o Taller Atlántico Contemporáneo  durante o 2012 ofreceu o ciclo "Os seráns do TAC" na Cidade da Cultura, unha aposta interdisciplinar na que se aglutinaron teatro/humor, música e gastronomía.  O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo.

“Culturgal”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Margarita Vázquez Corbal, Isabel Mociño González, Xaime Domínguez Toxo, Branca Novoneyra, Sergio Lago, Encarna Lago e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Editorial Kalandraka e Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións e logo de ausentarse Sergio Lago, acordou outorgar por maioría o premio a  Culturgal. Feira das Industrias Culturais de Galicia.

O xurado fundamenta a súa decisión no papel que o Culturgal está a ter na profesionalización das industrias culturais galegas, no fomento da cooperación intersectorial, no empoderamento cultural da sociedade civil, e por conformarse como o principal espazo de encontro e reflexión da cultura galega, así como polo esforzo que implica o seu mantemento malia a crise económica actual e a conseguinte redución de apoio institucional.

“Xulio Gil”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Carmen Nogueira, Antón Castro, Pilar Corredoira López, José Manuel García Iglesias, César Portela, Enrique Velasco e Antón Pulido Novoa, que actuou como secretario, tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a  Xulio Gil, tendo en conta a calidade e orixinalidade da súa obra fotográfica, no marco dun longo proxecto de corenta anos que sigue vivo.

“Voadora”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Nuria Sotelo, Roberto Pascual Rodríguez, María Yáñez, Camilo Franco, Ramón Rozas, Sabela Hermida e Antón Sobral, que actuou como secretaria, acordou acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Voadora, Arraianos de Eloy Enciso e Quico Cadaval. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Voadora polos seus espectáculos “Waltz” e “Tokio 3”. O xurado quere salientar a súa linguaxe escénica asentada na musicalidade, pola búsqueda de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Mais tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpaticos.