A desgaleguización da economía, en relación directa coa desgaleguización universitaria

Pazo de Mariñán.
No Pazo de Mariñán terá lugar un debate sobre o galego nas empresas.

Os que queren non poden, e os que poden non queren. Ese é o dilema no que se atopa o proceso de regaleguización do país en Galicia, segundo este experto.

A desgaleguización da economía, en relación directa coa desgaleguización universitaria

En certa ocasión respondín a unha pregunta que  me fixeron  sobre o proceso de normalización lingüística dicindo que os que queren non poden, e os que poden non queren; non queren que a lingua galega traspase os lindeiros tradicionais da literatura na que vive choída. Este dilema está aínda sen resolver despois de moitos anos de apelarmos  á necesidade de planificar a política lingüística. Conseguido este obxectivo coa aprobación polo Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización Lingüística en 2004, ben mirado, pouco se ten feito desde certas instancias.

As responsabilidades  están moi repartidas. Por exemplo, os poderes públicos que teñen a encomenda legal de fomentaren o uso da lingua galega en todas as ordes da vida pública, nada fixeron noutros eidos, agás no  cultural e educativo. Case nada no ámbito socieconómico nas respectivas xurisdiccións locais ou provinciais. Para o Foro E. Peinador, que reivindica unha tradición histórica de galeguización  horizontal, a participación das corporacións locais é decisiva para que o mundo dos negocios  incorpore o noso idioma nas súas actividades comerciais.

O Foro E. Peinador e a  Deputación Provincial da Coruña,  coa colaboración da Secretaría X. de Política Lingüística, celebrarán o próximo día 27 un encontro con empresarios no pazo de Mariñan. A implicación da Deputación nesta convocatoria fará posible que a concorrencia sexa  moi numerosa para coñecer por boca dos representantes de diversas empresas  xa galeguizadas as bondades dos usos lingüísticos nas relacións laborais, publicidade, etiquetaxe e calquera outras manifestacións da xestión corporativa.

Afortundamente, as actividades do Foro E. Peinador por recuperarmos o diálogo entre empresa e identidade ten acadado os seus éxitos. Para iso foi preciso artellar un discurso de galeguidade empresarial crible, comprensible e viable mediante unha pedagoxía nas que a confianza, imaxinación e a constancia foron adentrándose nun medio onde os prexuízos lingüísticos aínda están moi chantados na mentalidade dos empresarios e seus xestores.

Non partimos da nada. A historia de Galicia ofrécenos exemplos de galeguismo empresarial no curto período da II República onde certos movementos galeguizadores insistiron na necesidade de vertebrar Galicia coa argamasa da identidade: a lingua e a cultura. Posteriormente, nun marco  prohibitivo para a lingua galega  extramuros da coloquialidade ou da literatura, o exemplo de Zeltia e Cementos Oural foron dous rexos esteos senlleiros para o seu uso na publicidade. Pero había ser na década dos anos oitenta cando algúns, recuperando aquelas experiencias, nos embarcamos na teima de galeguizar empresas. E alí onde parecía que había penedíos de resistencia atopamos receptividade: Castromil, Covsa (Construcións Obras e Viais), Seguros La Fe, Supermercados Vego, Construcións Malvar, etc.

A todo isto cómpre advertir que a desgaleguización da economía está en relación directa coa desgaleguización do noso sistema universitario. Os alumnos que se formaron nas súas aulas e que logo habían  ocupar postos de dirección empresarial non foron motivados para o exercicio responsable do galeguismo nos seus postos de traballo. Mesmo se daba o paradoxo  de que moitos deses directivos, militantes de partidos progresistas, nas xornadas laborais, nunha sorte de esquizofrenia cultural, obviaban o que demandaban en proclamas e manifestacións partidarias. Canto se tería avanzado na galeguización empresarial se a naturalidade e o pragmatismo destes cadros directivos fosen normas de condutas xeralizadas!

Estes anos de traballo intenso permitíronlle ao Foro E. Peinador afondar  no discurso da galeguidade empresarial con notorio éxito artellando un movemento dinamizador que cada día é maior. Para a  normalización lingüística empézanse  a albiscar novos horizontes en todos os sectores da economía coa crecente colaboración de organizacións sociais cada vez máis permeables aos chamamentos de amosar preferenzas polo consumo dos nosos produtos, e nomeadamente polos que se etiquetan no noso idioma. Unha maneira de facer valer o seu poder condicionando a cultura lingüística da oferta.

Queda moito por facer.

 

Comentarios