O cidadán xornalista, a cidadá xornalista, está sempre ao servizo da cidadanía

Xosé Manuel Pereiro y Xosé María Palmeiro. / Mundiario
Xosé Manuel Pereiro e Xosé María Palmeiro. / Mundiario

Discurso no acto de homenaxe na Facultade de Xornalsmo, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. MUNDIARIO estivo representado polo seu columnista Antón Luaces.

O cidadán xornalista, a cidadá xornalista, está sempre ao servizo da cidadanía

Vivir para contalo corenta anos despois neste marco supón para min unha grande ledicia que ten a inevitable compaña da melancolía. Son moitas as vivencias peneiradas agora pola memoria, pero deben ir por diante os agradecementos á Facultade que nos acolle e ó CPXG, esa corporación que tiven a honra de presidir como Decano no cuatrienio da súa posta en marcha e á que me debo e me deberei mentras a vida mo permita.

Andamos en tempos de tanta tribulación que mesmo ás veces corremos o risco de perder o sentido das cousas. Pensei nestas horas na moi invocada cita de San Agustín en relación co tempo: “se me preguntas qué é, seino, mais se quero explicalo non o sei”. Pensei que ás veces podemos ter a tentación de recorrir a esa cita cando alguén nos pregunta polo xornalismo.

Mais creo que non é o caso. Primeiro porque estamos na Facultade de Ciencias da Comunicación, na factoría da que van saíndo os e as xornalistas, os relevos necesarios.

E en segundo lugar porque vós e máis eu sabemos o que é o xornalismo. Como o sabía o gran mestre Manuel Leguineche cando afirmaba “o xornalismo xa non é o que era” sen deixar de lembrar que “para desenvolver cabalmente este oficio cómpre ser honesto, contar ben os feitos e as súas causas e manter o equilíbrio da independencia por riba de todo”.

O cidadán xornalista, a cidadá xornalista, ó servizo da cidadanía, sempre cos outros no punto de mira. Que as cousas se fagan mal -e ás veces fanse rematadamente mal- non debe levarnos a supoñer que estamos condeados a perder o sentido das cousas.

Que o xornalismo realmente existente nesta altura, máis exposto que nunca nos numerosos soportes exponencialmente multiplicados polo omnipresenza do Cuarto Medio, non goce de boa saúde, non debe levarnos a esquecer que esta nosa profesión enfrontou dificultades, obstáculos e complicacións de envergadura desde os inicios e que tamén houbo negras sombras nos momentos que agora se nos aparecen como máis luminosos.

Esta nosa profesión, a máis antiga e a máis fermosa do mundo, é unha ininterrompida carreira de fondo, de fondo e de obstáculos, construída sobre as respostas derivadas dos contínuos reaxustes e as necesarias adaptacións ós cambios, das aprendizaxes necesarias para un axeitado desempeño profesional.

Non podía ser doutro xeito. Foi mudando a profesión ó tempo que mudaban os medios e os modos de produción, ó ritmo que impoñía a transformación da sociedade. Por iso a primeira luz vermella déixase ver cando perdemos de vista os “Outros”, a xente, os titulares e depositarios dos dereitos e as liberdades, tamén, claro é, da liberade de exprsesión e do dereito á información. Vale dicir cando perdemos de vista os dereitos e as liberdades de todas e de todos . Tamén os nosos dereitos e as nosas liberdades.

Di ben Paul Auster: “Somos estranos para nós mesmos e se temos algunha sensación de quén somos é unicamente porque vivimos dentro da mirada dos demais”.

Esa reflexión, que vale para a xeneralidade, resulta especialmente acaída para os xornalistas. A nosa ollada só ten sentido porque está destinada a ser obxecto das olladas dos outros, dos destinatarios e protaognistas das mensaxes. A mirada crítica dos outros, a acción dos outros, ese feedback, retroalimentación cada vez máis influínte e determinante, está a devolvernos hoxe consideracións preocupantes sobre o desempeño diste oficio, está a dicirnos que algo vai mal, por empregar a expresión de Tony Judt

Algo vai mal no hipersector da comunicación sometido máis ca nunca ós xogos dos mercados nun escenario dominado maioritariamente pola espectacularización e a multiplicación reiterada de banalizacións prescindibles non so nos horizontes do audiovisual. Como queira que polo medio andan tamén os xornalistas, resulta inevitable a tentación de confundilo todo e de cargar sobre o xornalismo as eivas dun espectáculo mediático francamente mellorable.

Que hai bó xornalismo niste tempo de preocupantes consideracións sobre os desempeños xornalísticos, é unha evidencia. Coma noutros tempos, niste hai tamén malo, regular e bó xornalismo. Que o bó teña menos proxeción é outra historia e fala da irrupción doutros intereses e influencias mediáticas e poida que tamén da ausencia de máis rotundas respostas por parte dos xornalistas nun tempo marcado pola eliminación de postos de traballo unida á precarización laboral.

Debemos entender que afrontamos un combate desigual nun tempo de inevitable resistencia, que non de actitudes temerarias, o que non excluirá a obriga de defender, e reiterar, na medida do posible, os principios e lembrar cando sexa preciso aquel “preferiría non facelo, señor”, do escribidor Bartleby, de Melville, que oportunamente citara Xosé Manuel Pereiro, o noso Decano, no discurso da súa toma de posesión.

Sabemos moi ben qué é o xornalismo e tamén o que non é. Outra cousa é que esteamos á altura. Antes, corenta anos antes, e vai para dous séculos, tamén foi así. Trátase, xa que logo, de actuar dacordo cos principios do bo xornalismo, desde a bonhomía e non desde o cinismo, como nos lembrou Kapuscinski.

Sempre hai que intentalo. Cada día hai que intentalo. Xa dixen que esta era unha longa, inacabable carreira de fondo, na que encontraremos de todo: sombras e luces, grandeza e miserias. Antes e agora. Encontraremos tamén propostas novas, reivindicacións do exercicio do mellor xornalismo, alternativas que recuperan o xornalismo que conta, a información libre e crítica, a lúcida análise dos antecedentes e os consecuentes dos feitos, o xornalismo a pesar de todo.

Alternativas e xornalismo imprescindibles niste mundo de complexas e tramposas competencias. Un mundo no que todos somos espectadores, máis ca nunca, pero no que os outros e nós, sobre todo nós, necesitamos trascender a espectacularización dos feitos e ofrecer explicacións, causas, porqués para deixar a un lado o “estalo a ver, está pasando” e pasar a informar e a explicar por qué sucede o que está pasando. Para que a historia contada polo xornalismo se compadeza cada vez máis coa historia realmente determinante, cos intereses e as preocupacións dos outros.

Hai máis dificultades e máis precariedade e máis abusos, xa o sei. Non será a última vez, lamentablemente. Pero temos a obriga moral, ética, de respostar desde os principios e o exemplo do bó xornalismo. Temos moitas posibilidades abertas polos progresos das tecnoloxías aplicadas á información e á comunicación. Este xa non é un xornalismo feito á man, porén para ser xornalismo precisa do traballo e do compromiso cabal dos xornalistas. Os avances tecnolóxicos non sustitúen o noso traballo. Iso, o traballo, o compromiso cos principios e co bo facer, depende de nós, de todas e cadansúa, de todos e cadanseu. E todo no marco da globalización, tamén da globalización da rede, que non é, ben sabedes, unha realidade distante e abstracta, senón que asume e proxecta o local. O poder da identidade na sociedade-rede, definida por Manuel Castells, e reivindicada, nomeadamente no caso de Galicia, na utilización e na promoción do idioma de noso desde a visión aberta de Galicia como célula de universalidade. Aí estaba a Xeración Nós.

Como estades a ver, preferín, nesta hora magnífica na que me saen ó paso tantas emocións, falar do que podemos facer, invocar a esperanza a pesar de todo, defender a necesidade de pequenos pasos reivindicadores do mellor xornalismo e apelar á capacidade de adaptación e á aprendizaxe continuada para perfeccionar esa nosa ollada sobre os outros e ó servizo dos outros. Ese xeito de contar, honesta e cabalmente, o que pasa para que os medios sexan en verdade os mensaxeiros e non a somente a mensaxe. Coa contribución e o compromiso de cada profesional e coa acción colectiva impulsada e auspiciada polas organizacións profesionais -vale dicir no noso caso o CPXG- para recordarlles, chegado o caso, a algúns jerifaltes de hogano e a outros serviles mangoneadores aquela noble invocación medieval diante do rei electo: “Cada un de nós é igual que Vós e todos xuntos máis que Vós”.

A Historia, como ben sabedes, fuxe das prediccións. A realidade, cada vez máis complexa, está sometida a moitas variables, presións e intereses. Nesa realidade interactúa o xornalismo, urxente crónica das urxencias cotiáns, ó que lle abonda con dar testemuña do que sucede e ten relevancia social. As prediccións quedan, seica, para economistas, financeiros, politólogos e futurólogos, que adoitan mirar máis ou menos disimuladamente polo espello retrovisor con empeño digno de mellor causa.

Ó longo de catro décadas de vida profesional, iniciadas no 1973, tiven a oportunidade, eu creo que tamén a sorte, de exercer esta profesión nosa nas axencias de noticias (Europa Press), na prensa impresa (La Voz de Galicia, especialmente, e Faro de Vigo, El Correo Gallego, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, as dúas últimas cabeceiras xa desaparecidas), na revista Teima, intento alternativo de construir un semanario galego e en galego, que durou só 35 semanas e foi algo máis que unha experiencia xornalística, e despois na televisión (no Centro entón “Regional” de TVE, era 1976, e na TVG) e moi logo na radio (en Radio Popular de Vigo e en Onda Cero-Galicia).

Quero recordar hoxe as figuras de Francisco Pillado Rivadulla, exemplo de xornalista cabal e coherente, o meu primeiro director en La Voz de Galicia, e a Luís Mariñas, o gran factor da primeira TV en Galicia, e a José Andrés Hernández Vicente, un salmantino que abrazou o idioma galego nas antenas de Radio Popular en Vigo e en Galicia. É a miña homenaxe á súa memoria e teño para eles admiración e gratitude.

Canda eles a miña particular e persoal crónica está ben nutrida de nomes de compañeiras e compañeiros a quen respeto e admiro. Algúns, algunhas están aquí e, se así non fose, é coma se estiveran porque así o sinto e así mo fixeron saber, por exemplo, José Antonio Gaciño, José Luís Gómez ou Mónika Sabbatiello. Beizón para todas e para todos.

O Cuarto Medio, despois de tanto xornalismo feito á man e de viva voz, xa me alcanzou, iniciado o terceiro milenio, no Consello da Cultura Galega, porque así o quixo o recordado Carlos Casares, presidente da institución nesa altura e referente da literatura galega do século XX. Non podería haber escollido un mellor escenario, persoal e profesionalmente, nos últimos doce anos da miña vida laboral.

Polo medio estiveron os compromisos na defensa activa da profesión, que permitiron a creación e a posta en marcha do CPXG cunha primeira Xunta de Goberno que incluiu a José Luís Muñoz, Isabel Quintairos, José de Cora, Fernando Varela, Antón Luaces, Darío Janeiro, Paco Sarria, Amaia del Olmo, Eva Sandino, Xosé Andrés Vázquez Hermida e Manuel Rivas. Un once de gala ou, se queredes, un conxunto de magníficos solistas, cos que calquera, eu mesmo, podría dirixir. Ou ser Decano, Estoulles, naturalmente, moi agradecido. A eles e a quenes integraron aqueles e os sucesivos órganos de goberno do Colexio. E a Xosé Manuel Vega e a Xosé Manuel Pereiro, cun excelente traballo como Decanos desta nosa institución colexial.

Teño tamén un especial recoñecemento para esta casa, para a Facultade de Xornalismo, aquí representada polo seu Decano, Xosé Pereira, nome que figura nunha persoal relación de moi prezados amigos e amigas, de Margarita Ledo a Manuel Gago,  de Xosé López ou Miguel Túñez a Luís Celeiro ou Luís Álvarez Pousa, ou Víctor Freixanes, por citar só algúns nomes.

Enfin, aquí me tedes. Eu, de poder ser, volvería a intentalo, o do xornalismo, digo.

Mellor co sabido, sabido, que diría a miña avoa paterna. Un imposible que non sería obstáculo para intentalo novamente.

Posto que non é posible, abondará con expresar pola miña parte os mellores augurios para esta profesión e as súas e os seus protagonistas, as e os xornalistas que han ensanchar os nosos horizontes de liberdade como xornalistas e como cidadáns.

Este é un tempo de incertezas, que reclama mudanzas. Sucede a outros que tamén as enfrontaron e reclamaron. Foi para min unha sorte vivilos, compartilos e contalos.

Nesta altura, continuando doutro xeito esa permanente aprendizaxe que o xornalismo supuxo nestes intensos corenta nos, logo dunha peripecia profesional que ten algunhas luces pero non está libre de erros e sombras, só me atrevería a esperar merecer aquela sentencia de Calderón de la Barca: “que errar lo menos no importa si acertó lo principal”.

Quero pensar que acertei o principal, porén se así resultara, estou certo que sería un regalo da vosa xenerosidade, da xenerosidade deses “outros” ós que nos debemos. Saúde, pois, compañeiras e compañeiros, e bo traballo ó servizo do xornalismo, digo, da cidadanía.

E mil grazas a todas e a todos por todo. Teño dito.

Comentarios