Pode facer un coro galego máis pola cultura que un grupo parlamentario?

Coro Tradicional Cantares do Brión.
Coro Tradicional Cantares do Brión.

A música tradicional galega co tratamento respectuoso e coidado de agrupacións son merecentes de maior atención polas comisións de festas tan afeitas aos malfadados papanatismos.

Pode facer un coro galego máis pola cultura que un grupo parlamentario?

A música tradicional galega co tratamento respectuoso e coidado de agrupacións son merecentes de maior atención polas comisións de festas tan afeitas aos malfadados papanatismos.

No  devalar dos anos sesenta e dous/sesenta e tres do séculos pasado, cando eu era un mociño  e cursaba o  bacharelato, nas  longas sesións de estudo nocturno, os xoves adoitaba facer unha paradiñas ás doce da medianoite para escoitar en RNE, “Pandeirada”, un programa que dirixia e presentaba o xornalistas eumés Manuel Torreiglesias. Aquela emisión radiofónica podíase escoitar en calquera recuncho de España e do mundo ao que chegasen as ondas hertzianas da radio pública. Era unha hora ininterrompida de música galega na que se programaban audicións discográficas de orfeóns e agrupacións corais daquel tempo e anteriores : Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos, Cantigas e Flores, e das gaiteirís dos Irmáns Garceiras, ou as vellas fonografías dos gaiteiros de Soutelo de Montelos dirixidos por Avelino Cachafeiro, ou de Faustino Santalices cantando coa súa inconfundible voz “Don Gaiferos de Mormaltán” tanguendo a zanfona.

Aquel programa radiofónico agromou en min vellas lembranzas cando sendo un meniño de moi poucos anos escoitaba na casa, no vello gramófono, os centos de díscos de pizarra que meu avó gardaba para amenizar a taberna que rexentaba canda a República. Gravacións  de música tradicional galega que ben veces escoitei.Lémbrome dunha das  casas discográficas de moita sona, “La Voz de su Amo”. Gardo con moito mimo un da tuna universitaria  da FUE - nada troiana,por certo-  dirixida por Luís Seoane con pezas de exquista execución: “Alborada de Veiga”, “Follas Novas”, “Unha noite na eira do trigo”… Música imperecedeira que deixou en min un forte pegada  e determinación na conciencia política que anos despois había ter e  difundir. A ela seguín sendo fiel sen que os modismos musicais snobistas que se foron sucedendo – “pop”, “rock”…- prendesen en min e  me fixesen cambiar o gusto polo tradicional.

Eu sabía pola tradición oral escoitada no ambiente familiar da importancia que tiveron  os orfeóns no primeira terzo do século XX, e os seus agardados e sonados certames que se celebraban en moitas vilas e cidades galegas asistidas por un público profano na arte da música culta pero cunha sensibilidade acusada polo cancioneiro galego. Eran os tempos de Xoán Montes e Pascual Veiga, que tantas partituras compuxeran  para esas agrupacións musicais, e nos que as sociedades recreativas, agrarias e obreiras tiñan cadanseu orfeón do que se sentían orgullosos e ao que seguían en todas as súas actuacións.  A rivalidade entre eles era  tal que non se lle permitía a ninguén que presenciase os ensaios previos ao certame. En certa ocasión alguén da “competencia”, agochado tras dos cortinóns  foi sorprendido polos orfeonistas que estaba ensaiando advertídonlle ao director, que era o egrexio músico Iglesias Vilarelle, que alguén estaba axexando para “copiarlles o matiz”.

Cando escribo estas liñas estou aínda emocionado por escoitar por enésima vez unha actuación dos meus amigos de “Treixadura” aos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística lles dedicou este ano a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”.

Máis velaquí que estando envolveito pola maxia destas músicas corais chégame, enviada polo tamén amigo de vellos compromisos políticos aínda non contados con rigor, Xosé Manuel García Crego, “Arruídos”, un disco do   “Coro Tradicional Cantares do Brión”, de Vincios, que el preside con exitoso acerto, unha gravación na que se recollen pezas tradicionais do noso cancioneiro popular interpretadas maxistralmente e con eses matices que dan personalidade.

Antón Vilar Ponte, a quen se refire Antonio Raposo Vidal,un dos prologuistas deste disco,dixo : “a nós interésanos  máis un coro galego que un deputado en Corte por Galicia”. Eu, arromedándoo,  atrévome a dicir que un coro galego pode facer máis pola nosa cultura que un grupo parlamentario, por moi esaxerada que puidese parecer a afirmación.

A música tradicional galega co tratamento respectuoso e coidado de agrupacións como as mencionadas, son merecentes de maior atención polas comisións de festas do País tan afeitas aos  a desprezaren a nosa musical popular e acolleren con ridículos entusiasmos outras manifestación alleas á nosa tradición cultural.

 

Comentarios