Benvidos, ousados

Versiones responsive de Mundiario.
Versiones responsive de MUNDIARIO.

Velaí o reto para os xornalistas: manter acesos os fachos do seu labor a prol dos que precisamos información e opinión para nos saber ceibes, cidadáns de pro con conciencia de seu.

Benvidos sexan os ousados, porque puidera ser que foran quen de avanzar un paso máis ca nós, anque só un fora, máis alá das lindes deste ermo de decepción. Explícome. ¿Non é ousado tomar arestora iniciativas no eido do xornalismo, foran caes foran as súas formas?. Poucas actividades están resultando tan danadas como a dos xornalistas pola transformación que provoca a irrupción das novas tecnoloxías a respecto, precisamente, da comunicación. As novas formas de transmitir noticias e opinións, até agora, traguen implícita unha creba radical dos mecanismos de avaliación, preparación e difusión das mensaxes, en demérito da súa fiabilidade, e mesmo, que non é cousa menor, da súa propia calidade literaria ou audiovisual.

Os que máis saben disto din que medra sen cesar o número de persoas que se consideran abondo informadas polas chamadas “redes”, que en algún momento chegaron a ser presentadas como “sistemas autoxestionarios de información”. Póñoa entre comiñas porque me parece unha cualificación absolutamente fora de lugar. Nas ditas redes corren información e opinión, si, desde logo, pero de tal xeito que non son poucas senón excesivas as veces en que só se deberían considerar non más que bulos e ocorrencias, no mellor dos casos, por non falar tamén da súa frecuentemente dubidosa veracidade. 

Un deterioro das formas, en fin, que reduce de raíz o extraordinario potencial da innovación. Unha guerra sucia agochada entre disfraces. E, como calquera guerra, con vítimas, neste caso a información rigorosa, veraz, formalmente correcta e crítica.

Velaí o reto para os xornalistas: manter acesos os fachos do seu labor a prol dos que precisamos información e opinión para nos saber ceibes, cidadáns de pro con conciencia de seu. Para eles, moita cousa para lle facer fronte sen ousadía. Para nós, necesidade inmensa que ten que ser atendida.

Benvidos, pois, outra vez volo digo, xornalistas, compañeiros, amigos, ousados, que coa nova bandeirola do MUNDIARIO nos acudides. Grazas por estaredes aí. E se puidéramos aportar algún servizo, contade con nós. @mundiario

Comentarios