O acoso escolar está aí, existiu e existe aínda que queiran tapar o sol cun dedo

Imaxe referencial do acoso escolar. / Save the children
O ensino, sempre no punto de mira.

Apartar, insultar ou agredir ao “diferente” está á orde do día e hai mestres que non se enteran, os hai que miran para outro lado, e por sorte tamén os hai que actúan, di esta columnista de MUNDIARIO.

O acoso escolar está aí, existiu e existe aínda que queiran tapar o sol cun dedo

Non é doado o traballo de mestre ou profesor, ben sei por experiencia que non o é, mais tamén sei por experiencia que o “traballo” de nai aínda o é menos.

Cando un fillo ou filla non ten problema ningún o “traballo” vai rodado. Hai pais que teñen nenos comedores, nenos con saúde, nenos que non dan “problemas”, e é nese punto no que non teñen unha preocupación, un interese, ou unha educación que os leve a comprender e querer aos outros.

O acoso escolar está aí, existiu e existe aínda que queiran tapar o sol cun dedo, hai nenos cunha crueldade tal que un xa non sabe se lles vén de serie ou lla inculcan na casa.

Apartar, insultar ou agredir ao “diferente” está á orde do día e hai mestres que non se enteran, os hai que miran para outro lado, e por sorte tamén os hai que actúan.

Que ten que facer unha nai impotente, que se ve obrigada a levar cada día á escola a un neno traumatizado? que ten que facer unha nai cando ve chorar ao seu pequeno suplicándolle que non o leve á escola porque lle pegan os outros nenos? que ten que facer se lle din na escola que iso é imposible? acaso contan cun sexto sentido que lles permite controlar a 25 críos en todo momento e lugar??

Coñezo un caso no que un neno quedou tirado sen coñecemento nun cuarto de baño dunha escola despois de recibir unha paliza, pasaron case vinte anos e ese neno de onte aínda non é quen de dicir os nomes de quen lle fixo iso. Non pode, non quere, o seu subconsciente non llo permite.

Hoxe a historia se repite, noutra escola, noutro neno, noutro lugar, pero a historia segue.

A nena regordiña á que humillan, o pequechiño sabichón que cobra en especias todo o desprezo dos seus compañeiros, o neno que non pode camiñar ben, a nena hiperactiva….

Que fan os mestres e profesores cando conviven na aula cun problema? o problema acaba sendo o neno con “problemas”? acaba sendo o problema a súa nai por pedir atención e vixiancia para o seu neno?

En que país e en que sociedade vivimos se permitimos escenas como a dunha avoa que aparta á súa neta dun neno que camiña mal dicindo: cuántas veces te tengo que decir que no te acerques a ese subnormal??”

A educación ten que empezar pola propia casa, pola familia, pero as escolas están tamén para educar, formar e velar polos nenos… E iso, estáse a facer??

Non hai que mirar para outro lado, non hai que estigmatizar criaturas, hai que implicarse e levar coidados, amor e vixiancia onde estas criaturas o precisan.

Non ven ou non queren ver?

Comentarios