A idade de entrada no alzheimer dos bilingües é catro anos máis tardía que nos monolingües

Cerveza Estrella Galicia.
El profesor de la USC Jorge Mira / TEDXGalicia
O divulgador e catedrático Jorge Mira considera que “o científico debe visibilizar o seu traballo e debe facerlle ver as persoas que a maioría do seu benestar actual depende do traballo dos científicos”.
A idade de entrada no alzheimer dos bilingües é catro anos máis tardía que nos monolingües

 

“A idade de entrada no alzheimer de persoas bilingües é catro anos máis tardía que nos monolingües”, dixo Jorge Mira no programa Sin Rodeos, de Localia TV. O divulgador científico e catedrático de electromagnetismo na Facultad de Física, que foi entrevistado polos xornalistas Mónica Martínez e José Luis Gómez, considera que “o científico debe visibilizar o seu traballo e debe facerlle ver as persoas que a maioría do seu benestar actual depende do traballo dos científicos”.

-Experto en fórmulas e números, é vostede tamén un convencido divulgador científico, ¿ten a ciencia resposta para todo?

-Para case todo, polo menos para todo o que está o noso arredor, o que nos afecta máis directamente, agás para esas preguntas fundamentais que ten todo ser humano. Todo ser humano se pregunta de donde ven, pero de donde ven no sentido amplo da palabra, a orixe última de todo… Eu aí penso que a ciencia non ten resposta porque o proceso da creación implica pasar da nada ao algo e ese paso a ciencia non o pode explicar porque a ciencia para explicar algo necesita pousar a súa mirada sobre algo, entón se lles pos aos científicos a nada e agora explíqueme vostede da nada como se fai algo, o científico non pode. Esa pregunta esencial metafísica, para min non ten explicación nin creo que a teña no mundo da ciencia.

-O seu afán pola divulgación levouno a escribir un libro, ‘A ciencia no punto de mira’, no que nos deixa claro que a ciencia de aburrida non ten nada…

-Porque sempre busquei, xa desde as miñas orixes como divulgador, un punto golfo das cousas porque esa golfería é a que máis chama a atención. Especialiceime na anécdota, na anécdota chistosa, na anécdota curiosa e con esa anécdota un aproveita para meterlle a xente o coñecemento. Por exemplo, os rapaces sempre temos unha preocupación por saber como é o noso pene, entón, hai un estudo que che relaciona ata certos xenes estructurais co tamaño da man e o tamaño do pene, pois préstanlle atención. Hai cuestións relativas a atracción de homes e mulleres que che permiten levar o carro cara certos conceptos de evolución darviniana. O fútbol, por exemplo, tamén xoga un papel importante na nosa sociedade, hai moita ciencia que facer ahí. Procuro empaquetar o rollo científico dun xeito que a xente lle tire. A miña especialización desde hai moitos anos plasmeina nese libro.

-Entre as moitas cousas que nos descubre o libro está por exemplo que o bilingüismo protexe a nosa saúde… ainda que en Galicia parece que non todo o mundo está convencido diso.

-Pois deberían estalo porque básicamente o cerebro funciona como un músculo e o músculo precisa dun exercicio e canto máis variado sexa ese exercicio, mellor vai ir o músculo e o cerebro pásalle o mesmo. Cantas máis lenguas teña que incorporar e manexar as avelencias dese cerebro van mellorar. Fixemos un experimento moi curioso que non foi máis que facer unha estatística da idade de entrada no alzheimer de persoas bilingües e de persoas non bilingües e constatouse que a idade de entrada no alzheimer de persoas bilingües era así como catro anos máis tardía que nos monolingües, o cal é bastante aplastante, non?

-Seguindo coa lingua, vostede e o seu equipo chegaron a conclusión a través dos números de que o galego ten posibilidades de pervivir co castelán. Cóntenos…

-É algo que parece sorprendente, non? Que uns físicos cunhas certas ecuacións poidan describir a dinámica social dun país, pero é así. As persoas malia ser un conxunto de múltiples factores e de moitas ideas movémonos por certos parámetros moi xerais, nese sistema de ecuacións, con dous parámetros como eran o estatus que o falante percibe para a lingua e outro que nos introducimos, que ven sendo a distancia que se mide entre duas linguas, concepto novedoso que nos introducimos. Puidemos reproducir como era a evolución ao longo do tempo de duas linguas e o paradigma que había ata aquel momento era que duas linguas non podían coexistir no mesmo espazo, é dicir, eran como duas especies, predador e presa, e se acabarían comendo unha a outra. Pero nos demostramos que se se dan certas condicións de distancia entre linguas e certas condicións de estatus é posible a coexistencia estable de duas linguas. Foi unha gran novidade e a razón pola que este artigo tivo tanto acollimento na comunidade É posible realmente. Galicia é un bo exemplo de que nesta comunidade pode existir se se manteñen e se soportan certos mínimos.

-A súa contribución á difusión do traballo desenvolvido polos investigadores ten se cadra máis mérito neste momento de crise. Como leva a investigación tanto recorte, un recorte no mundo da ciencia no que parece que non pasa nada se nel se recorta?

-Primeiro, a repercusión de calquera recorte é proporcional ao volume de persoas afectadas, entón, como os científicos somos catro gatos a nosa repercusión e a nosa presión é mínima comparada con outras cousas que teñen máis persoas involucradas, eso está claro. O científico debe visibilizar o seu traballo e debe facerlle ver as persoas que a maioría do seu benestar actual depende do traballo dos científicos. O que pasa é que os científicos temos un problema que é que a xente está acostumada a poñer o grao de millo na terra e que lle saia unha espiga en outubro, a plantar e recoller nun ano, pero na ciencia non é así, ti sementas e recolles dentro de dez anos, de quince, ademáis é unha semente que non sabes onde vas coller, ti sementas nun lado pero pode sairche nun lado ou noutro. Esa dificultade é a que nos está matando sobre todo a hora de sermos valorados polos políticos. A clase científica o que ten que facer é transmitir estas ideas. Parece que a cousa vai calando porque cando se analizan as enquisas que se están a facer a cargo de diferentes organismos públicos, os científicos estamos no segundo posto, iso quere decir que polo menos a xente ten unha boa actitude cara a nos.

- ¿Como está o panorama da investigación científica en España e en Galicia?

- Pois está mal, isto é unha obviedade porque se di en moitos foros, pero hai que velo nun contexto axeitado. España e Galicia empezaron a despegar hai uns trinta anos. España hai trinta anos non existía científicamente, ou polo menos era marxinal. En duas décadas España fixo un adianto espectacular ata o punto de estar en grupos de cabeceira de moitas disciplinas e con expertos de moito prestixio. Pero que pasa?, a gasolina que se debe insuflar ao sistema é gasolina de persoas, non de equipos. Agora mesmo non creo que existan problemas de equipamento, que os pode haber, pero o problema é de persoas, a renovación de persoal é grave. Foise enchendo moitísimo o tanque de gasolina con novas persoas e agora de repente cortouse de golpe, en vez de darlle unha dosificación no acceso a profesión. Houbo un inflado e de repente contráese e esa contracción tan brutal escacha como cando temos un vaso de auga quente e o metemos en xeo e estoupa. Pois esto é o que pode pasar e eso é o que ten que ver a xente. Pode haber un desmantelamento bastante importante, pode haber de repente grupos moi potentes aos que se lle cortan os pes e daquela caen.

- Cos recortes, ¿tamén corren riscos proxectos como o Campus do Mar ou o Campus Vida?

- Sí… para a xente que non saiba do que estamos a falar, Campus do Mar e Campus Vida son iniciativas desenvolvidas polas universidades que optaron a certos programas de excelencia e básicamente a idea é que si hai 80 universidades no estado español non poden ser as 80 excelentes por definición, se hai oitenta terá que haber dez mellores e dez peores. Esa tipicación tan desagradable corresponde aos poderes públicos e os poderes públicos lanzaron esa idea de campus de excelencia na que felizmente a USC acadou o grado máximo. Iso foi importante para a institución porque demostrou á súa comunidade e ao país que a acolle que é Galicia que os científicos de aquí temos unha certa capacidade que se pode refrendar con datos obxectivos. Dito isto, esta marca de calidade tamén esixe soplarlle as velas para que o barco avance, entón volvemos a imaxe de antes, se o barco ten unha vela moi grande e lle iba soprando o vento e de repente lle quitas o vento, o batacazo… podemos poñer símiles de barbullas tan clásicos… pode ser tremendo. Pero polo menos quedou a consciencia de que hai unha calidade que se pode obxectivar internacionalmente.

- O abeiro do Programa Conciencia trouxo a Galicia a diferentes premios Nobel, tamén a persoeiros como Stephen Hawking ou David Attenborough. En qué consiste este programa?

- O programa é unha tolemia, foi unha miragre no seu devir. A idea foi traer a científicos do máximo prestixio a Galicia pero para faceren algo distinto ao clásico que é o que che chega ao mediodía ao aeroporto, invitalo a comer, da a conferencia e pola tarde marcha para Madrid. A idea era que esa persoa ten que vir a Galicia e facer unha estadía. A hora de facelo deseño pensabamos en científicos grandes, pero como eu tiña contacto cos premios Nobel a través do meu grupo, pois dixen, vou traer un premio Nobel. A cousa foi moi ben e xa levamos 27 visitas. Estamos conseguindo captar a precio de saldo, porque o caché que habería que pagarlle a estas persoas é inmenso e non o pagamos, a esas persoas para que veñan a Galicia varios días e se produza unha ósmose entre eles e os expertos na súa area de coñecemento, un gran activo para todo o tecido investigador e ademáis fan actos de divulgación científica. Teñen un programa especial de contacto coa prensa, porque se algo teño claro é que vos sodes o cuarto poder, sodes os que manexades a dinámica de todo un país e polo tanto, para min a prioridade sempre foi que tiveran contacto coa prensa, tanto en roldas de prensa como en entrevistas cercanas, todo tipo de facilidades, entón aí, o programa ConCiencia foi medrando ata converterse na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia. Ollo, que nos sabemos que ninguén, porque A Coruña é unha cidade que ten estructuras e institucións como os museos, iso é unha cousa, pero eu cando falo de iniciativa falo dunha iniciativa puntual que non ten un edificio, non ten ladrillo. A idea foi moi boa, creouse un premio para traer a científicos que non fosen premios Nobel e o impacto foi tremendo. Cando veu Stephen Hawkings foi aplastante, de feito agora que está case morrendo percíbese moito a dificultade que houbo para traelo aquí.

- ¿Qué destacaría de cada un dos Premios Nobel que estivo aquí? ¿Cal deles lle sorprendeu máis?

- Son xente coma nos. Non teñen ningún tipo de divismo, son persoas cos seus defectos, coas súas manías, persoas cercanas. Cando ti les libros de texto mitificas, ves unha persoa pintada en papel e con letra debaixo hai unha mitificación porque estás divinizando algo plasmado en papel, pero cando lle ves o oso, lle ves o suor, o alento e ves como come os calamares, dis, carallo, este é coma min. Para min é aprendizaxe.

- A todos eles, ou a case todos levaos a Costa da Morte. Por que?

- Básicamente porque eu son de alí. Os científicos, cando invitamos a alguén do extranxeiro o que fas é levalo algún día a túa casa, hai ese acordo tácito. Entón, lóxicamente levoos a Costa da Morte, vou a Fisterra porque me parece o sitio máis significativo de Galicia despois de Santiago, paso por Baio, por Brandomil, levoos o concello, os concellos da Costa da Morte e quedan encantados da paisaxe natural que hai na Costa da Morte.

- Foi vostede un dos invitados ao 70 aniversario de Stephen Hawkings no Trinity Collage de Cambrige, ¿como foi esa experiencia e como se pode pensar en repetir esa experiencia para outros especialistas de Galicia?

- Foi unha auténtica sorpresa porque era unha cea máis ou menos privada e de España so invitaron a cinco persoas, entón, que me invite a min xa quedei medio a cadros porque sabía o difícil que era. Alí estaba, por exemplo, o actor que fixo de James Bond, estaba o multimillonario Richard Branson, outros millonarios e eu alí no medio. A min invitoume porque lle gustou cando el veu aquí a Galicia. Eso demostra que él quedou cunha boa impresión de Santiago e de feito a min xa me constaba porque algúns alumnos de Santiago tiveron acceso a programas de élite da Universidade de Cambridge grazas precisamente a ese link. ¿Como repetir iso? Pois como se fan as relacións humanas, contactos. Un aparece nun grupo de xente aínda sen ter ningún plan preconcebido, empeza a falar e enseguida aparecen oportunidades, aparecen ligaduras e as oportunidades aparecen falando. O que ten que facer a xente para crear relacións parecidas é poñerse a falar e facer movimento. É dicir, tes a botella, facela que se mova para que despois a gravilla se vaia decantando dunha maneira o doutra, pero algo vai sair sempre de calquera tipo de movemento.

- Que pensa vostede da política? E por que pensa que hai tan poucos científicos na política?

- A política é necesaria, evidentemente, creo que a maioría dos plíticos son xente honesta, en contra da corrente xeral e por que hai poucos científicos na política? Porque os políticos por razóns do propio deseño do sistema necesitan sinalar ‘output’ a curto prazo e a ciencia, como dixen antes, non é algo que sementen e de froito a curto prazo. Entón, a escala do tamaño do periodo político, que son catro anos, non da para tanto. O investimento en ciencia, ao mellor non é tan espectacularmente visible como noutras cousas e sobre todo cando aparecen as urxencias, cando un leva tres anos de mandato e ten que preparar as eleccións a un ano vista pois hai certos investomentos que non poden acometer, entón, eso pode ser a razón.

- E que sinte cando lle escoita falar aos politicos da I+D+i?

- Entendo que estéticamente queda ben porque negar que a I+D+i sexa mala non é asumible, entón, haberá unha parte de corrente de inercia pero eles en certo modo ven que iso é bo, que teñen que apoialo pero nalgans momentos penso que o están facendo case como empuxados por alguén… hai que darlle a este porque hai que darlle, a sensación que me queda as veces é esa, que o están facendo forzados. Ademáis, lóxicamente a ciencia non é algo asequible porque a culturización científica non é como a culturización xeral. Un aprende as cinco vocais e as consoantes e xa pode ler pero esa alfabetización clásica non abonda para entender a ciencia, a ciencia require dun segundo nivel de alfabetización que fai como un filtro que fai que esa ciencia non sexa accesible ao común da xente. Esa dificultade no acceso é a que causa moitos problemas, tamén para os políticos que tamén son cidadáns.

- Ao longo da súa carreira ten recibidos numerosos e prestixiosos premios. Sen embargo parece que a xente o coñece máis polo programa de ‘Cifras e Letras’. Moléstalle?

- En primeiro lugar, un ten que saber no contexto que está. Levo xa máis de doce anos nos medios, na televisión, a metade dese periodo saíndo todos os días nos fogares dos galegos, de feito o luns pasado cumplíanse seis anos de emisión do ‘Cifras e Letras’. Entón, esa invasión implica que a xente te coñece porque é o que ve. Non me molesta que me recoñezan por esa parte e incluso que non saiban da outra, agora o que sí me molesta é que as persoas que sabendo desa parte obvian a que aparece na pantalla e sabendo tamén da outra, da parte profesional, que tamén teño a miña visibilidade na miña institución, mesturen unha cousa coa outra facendo valoracións do teu traballo en función da outra faceta. É dicir, xente que ao mellor diga que a miña capacidade científica sexa maior ou menor en función do que eu diga ou do personaxe que eu interprete en tal ou cal programa, eso é o que a min me parece moi mal, eso levoo mal. Afortunadamente hai moi pouca xente que así o fai, pero cando eso ocorre, eu teño como unha especie de indignación porque eu teño que recordar que o meu traballo de científico é valorado por comisións, hai cada vez máis filtros ao acceso da función docente, as esixencias para conseguir proxectos e financiamentos son cada vez máis duras porque hai menos, as revistas científicas teñen un filtro bastante duro para que os artigos pasen, porque hai moita xente, entón, a miña capacidade científica debe ser valorada no contexto dos meus resultados, dos meus galardóns e dos comités que me avalían e das probas que teño que superar e os tramos que teño de excelencia, o que sexa, pero eso ten un mecanismo e a ciencia é obxectivable, afortunadamente, a ciencia pódese medir e o resultado do científico tamén se pode medir. A miña valoración científica debe ser a valoración que fan de min os expertos na materia e os comités deseñados a tal fin e iso non ten nada que ver coa miña faceta de espectáculo, porque eu non vou negar que hai unha sobreinterpretación en certos papeis que eu fago na pantalla, son un personaxe deseñado porque eu quixen facelo así e porque me sae de onde me ten que sair. Entón, eu négome a que esa golfería, as veces un pouco impostada, que eu teño na tele repercuta na miña valoración como científic, négome en redondo.

- A todos os nosos invitados lles preguntamos polo Depor. No seu libro resposta a qué terá o fútbol para que nos guste tanto?… Nos preguntamoslle se hai un compromiso científico co fútbol entendido coma unha paixón.

- Son dunha área de influencia do Deportivo, ata chega a ocupar o equipo de fútbol da miña vila porque o CD Baio ten a equipación coma a do Deportivo, iso fai que a xente estea moi identificada co proxecto deportivista. Dito isto, teño que dicir que eu son bastante antifutboleiro. Co meu irmán fundei en Baio unha asociación deportiva que fomenta outro tipo de deportes fora do fútbol… practiquei taekwondo, natación, bailes de salón… practico moitos deportes menos o fútbol, ainda que meu pai foi vicepresidente do Baio. Eu entendo que canaliza certas pulsións, unha das maneiras que teñen as persoas de liberarse é berrando e se o pensamos é moi difícil berrar hoxe en día. Se eu quero meter un berro liberador non podo, aquí non podo porque me botades fora, na miña casa non podo porque baixa miña nai a ver que me pasou, no piso non porque virá o veciño, na rúa tampouco, no monte tampouco porque se vas resulta que está un veciño alí e pensa “este chaval está tolo”, entón o único sitio, sorprendentemente, onde un pode meter un alarido liberador é no fútbol. A función social que se cumpre no fútbol é moi importante, estou seguro de que moita conflictividade doméstica e social se canaliza no fútbol e no caso da Coruña ademáis hai un proxecto de cidade, evidentemente na que haberá estudios de impacto económico do que supón o Deportivo da Coruña para a cidade, pero eu tamén son dos que pensa que o gasto do fútbol español debería ser sometido a debate, sobre todo as grandes entidades, porque as cantidades de cartos que se deben a Facenda pública son de tal magnitude que para min é un desfalco monumental e unha colosal mentira e algún día alguén terá que dicir o que nos custa o fútbol aos españois e se nos compensa o psiquiatra, senón valía a pena darlle os cartos ao psiquiatra ara que nos atenda a todos en vez de ir ao fútbol.

Comentarios