Editorial sumario HGgT 232. Edición setembro/outubro 2021

Portada HGgT232
Xa se pode descargar íntegro o número de outono de HGgT. / HGgT
Informe sobre os mariscos que van cobrando súa sazón a medida que as augas van enfriando,  o futuro intersectorial na Mesa de Redacción e  vivencias de natureza por Galicia.
Editorial sumario HGgT 232. Edición setembro/outubro 2021

O verán empezou -porque as consecuencia da pandemia Covid están na escala de continuidade- con aquel aviso precautorio do señor Garzón sobre as ameazas da carne: non nos asuste, señor ministro, déixenos pecar (aínda que teña razóns -inoportunas- de fondo) mentres poidamos coa tentación posible, sequera algunha vez ao ano: ameazas peores temos, e non falemos do prezo da luz, que si resulta ser preocupante para os consumidores. ¡O que seica custa fritir unha tortilla desde o atraco das eléctricas!!

Cata específica de mariscos en conserva

Porén, e polo que poida pasar, no número 232 da revista HGg&T feito entre os calores do “ferraagosto”, puxémonos a traballar en suxestións para un outono atenuado. Velaí o informe a fondo sobre os mariscos que van cobrando súa sazón a medida que as augas van enfriando (páx. 7 a 13), algún deles susceptible, incluso recomendable, de comer en cru, o que suporá un importante aforro enerxético. Un amplo dossier sobre o enxoval ictiófago do outono, trufado cunha cata específica de mariscos en conserva, (páx. 9 a 14), moi oportuna pois o contido das latas non hai por que cociñalo outra vez. E para completar ese perfecto trío “gastro-consumerista”, unha suxestión de harmonías entre os moluscos de ouro e viños de Granbazán e Terras Gauda (páx. 15), aposta moi corpo a corpo que non exclúe outros descorches con premio (páx. 16). Vamos, que aforro e enerxía corporal non ha faltar, e ocasión para aforrar da outra, tampouco.

Apuntan os primeiros balances da tempada turística que decaeu o viaxeiro estranxeiro pero que respondeu o “nacional”. A revista quere estar na tendencia, e animamos a que ninguén perda as “ocasións outubers” neste Xacobeo (páx. 17 a 21) cos “onde e que” inda que non hai Festa do Marisco, ou co polbo por San Froilán, ou, outra terceira cita consuetudinaria na Eurorrexión, as Colheitas de Vila Verde. Ou suxestións singulares para viaxar por Galicia buscando vivencias de natureza (páx. 22 a 25).

E entre estas e outras, ir vislumbrando o futuro intersectorial (Mesa de Redacción, páx. 26 a 29) ademais dos posicionamentos de opinión, glosas e feitos nas habituais seccións que abren e pechan a edición. Non se perdan as entrevistas, que, coma a avanzada vacinación, aportan esperanza e calor temático, inda que sen consumir enerxía... @

Comentarios