Soberanía e pobo como conceptos zombie: análise do caso de Portugal

Igual que a Unión Europea (UE) ten sido garante de moitos dereitos e liberdades, temos que ser conscientes de que a UE tamén limita outros dereitos e liberdades, salienta o autor na súa análise.
Soberanía e pobo como conceptos zombie: análise do caso de Portugal

Spring blues

A Unión Europea, noutra encrucixadaJose Maria Cuellar via Compfight

O consenso constitucional resulta ser o piar fundamental sobre o que se asenta calquera sistema político e xurídico. A Constitución senta as bases do que se pode facer ou non, do permitido e do prohibido, na convivencia entre as persoas que constitúen (en orixe) e constrúen (diariamente) unha comunidade social.

Por iso se adoita dificultar tanto o cambio do texto constitucional: porque para asegurar que os cambios proveñen dun consenso abondo máis amplo do dunha puntual maioría parlamentaria búscase unha maioría reforzada. E por iso tamén se crean órganos de interpretación independentes do poder lexislativo e do executivo como o Tribunal Constitucional: para garantir que ese consenso orixinario se respecta e se mantén ao longo do tempo.

Sen embargo, todo este artefacto xurídico-político unicamente ten pleno sentido mentres o consenso queda pechado sobre a comunidade social. Unha vez que a comunidade social precisa doutros (se abre) para cumprir cos seus obxectivos ou para manter en pé os piares da súa convivencia, o consenso comeza a relativizarse: cantos máis actores distintos á comunidade social interveñan no mantemento do seu consenso máis relativa será a súa validez.

Deste xeito, cando unha economía pasa de financiarse cos seus aforros (sostible) a financiarse cos aforros invertidos por outros (débeda), a validez do consenso pasa a relativizarse. Os conceptos que manteñen a presunta validez plena do consenso pasan, en consecuencia, a ser “zombies”: non teñen validez aínda que presuntamente se lle queira dar. Os dous conceptos aos que me refiro son “pobo” e “soberanía”.

A entrada na UE supuxo dende o primeiro día un punto de ruptura nestes dous conceptos. Independentemente da idea de Europa que se teña, máis ou menos integradora e inclusiva e compartida, ningún dos dous conceptos mantén a súa plena validez cando se introducen dentro dun sistema político de interdependencias maior. Deste xeito, o consenso de Portugal, como o de España o de Italia ou o de Grecia, aínda sendo a expresión das comunidades políticas deses estados, xa non teñen plena validez e precisan ser reinterpretados dentro do novo marco comunitario.

Igual que a UE ten sido garante de moitos dereitos e liberdades, temos que ser conscientes de que a UE tamén limita outros dereitos e liberdades. O caso portugués representa o primeiro aviso do novo continente no que estamos a vivir, e unha importante chamada de atención á necesidade dun compromiso social xeral coa súa construción entre todos/todas. O pobo europeo debe agromar dunha vez ou, no seu lugar, a arbitrariedade autoritaria das elites económicas e a relativización de todos os dereitos e liberdades tan duramente conseguidos serán unha inminente e inevitable realidade. Defender o conseguido depende da construción de canles válidas de cooperación e coordinación alén de soberanías e pobos zombies.

Portugal vai sentir en breve o primeiro golpe dese autoritarismo: outros dereitos e liberdades non constitucionalizados, non introducidos nese consenso esencial, deberán deteriorarse para que o consenso xeral de convivencia se poda manter. ¿Qué sentido ten esta situación en termos humanos e sociais?, ¿Non sería mellor evolucionar cara a un consenso novo de carácter continental que limite a intervención dos novos poderes globais de forma efectiva e eficaz?, ¿quizais un novo dereito constitucional comunitario que blinde realmente un novo marco xeral de convivencia?

Debates a parte, Portugal representa a primeira alarma dun novo contexto de dereitos e liberdades relativos que chegou o momento de volver reconquistar nun marco global máis amplo, dinámico e hostil. Estamos advertidos.

Soberanía e pobo como conceptos zombie: análise do caso de Portugal
Comentarios