A ruptura de En Marea ábrese paso da man de Gómez-Reino e Villares

Luís Villares na TVG. / Mundiario
Luís Villares na TVG. / Mundiario

Luís Villares deixa claro na TVG que nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril haberá unha papeleta de En Marea, “a marca política consolidada en Galicia e que engloba todo o espazo político do cambio”.

A ruptura de En Marea ábrese paso da man de Gómez-Reino e Villares

O rupturismo ráchase en Galicia. Antón Gómez-Reino abrirá a lista de Podemos pola provincia de A Coruña, o que confirma a ruptura con En Marea. Aínda así, Yolanda Díaz, de Esquerda Unida, cre que hai tempo para evitar que se presenten dúas candidaturas. Pero Luís Villares, líder de En Marea e voceiro no Parlamento de Galicia, deixou claro que nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril haberá unha papeleta de En Marea. Xa que logo, o que din Gómez-Reino e Villares supón a ruptura.

Luís Villares, líder de En Marea, foi entrevistado na Televisión de Galicia, onde valorou a situación do seu partido de cara ás eleccións xerais e ás posibles coalicións que se poden formar para concorrer o 28-A. Villares deixou claro que nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril haberá unha papeleta de En Marea, “a marca política consolidada en Galicia e que engloba todo o espazo político do cambio” . Ao preguntarlle pola posible coalición con Podemos, Anova e Esquerda Unida manifestou: “Estou seguro de que a dirección deses partidos valorará que é a mellor opción”.

O líder da oposición en Galicia resaltou que En Marea “representa unha idea democrática que defende o autogoberno e a maioría dos galegos”. Villares fixo fincapé na apertura do proceso de elección en que todo o mundo pode participar e afirmou que “se Gómez-Reino – líder de Podemos Galicia– desexa ser candidato de En Marea, chámoo publicamente a que se presente as primarias”, e engadiu que sería un bo candidato.

Ante as diferenzas de criterio no seo do partido, ratificadas nas votacións dos orzamentos, sinalou que a única de forma de ilusionar a xente é sendo coherentes e consecuentes, “mantendo o contrato social con Galicia arredor da axenda galega do cambio”. Con respecto aos orzamentos xerais, defendeu que supoñían un “maltrato para Galicia”, exemplificado na falta de apoio á area metropolitana da Coruña ou á saída sur de  Vigo e que “non queremos que Galicia viva dos subsidios”.

Villares salientou que ter un grupo propio no Congreso “é un obxectivo irrenunciable” e afirmou que “buscarán a fórmula xurídica que nos garanta esta representación”. Con respecto ás eleccións municipais, sinalou que as as mareas municipais supoñen a superación das coalicións, “xa que permiten participar a toda a cidadanía” mesmo a persoas que non estean afiliadas a ningún partido.

Para rematar, Villares reiterou a súa proposta de constituír unha plataforma “galega e progresista” para presentarse ao Senado en coalición co Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG - PSOE. O líder de En Marea explicou que nas votacións ao Senado prémianse as maiorías minoritarias e preguntou “por que lle imos regalar doce senadores ao Partido Popular?”. @mundiario

A ruptura de En Marea ábrese paso da man de Gómez-Reino e Villares
Comentarios