A representación política propia de Galicia non pode ser patrimonio de ningún partido

Bandera de Galicia. / Xurxo Lobato
Bandeira de Galicia. / Xurxo Lobato

Galicia é un lugar cunha realidade económica, social e política diferente e, o que é mais importante, dificilmente homologable a do resto do Estado, salienta este autor.

A representación política propia de Galicia non pode ser patrimonio de ningún partido

Galicia é un lugar cunha realidade económica, social e política diferente e, o que é mais importante, dificilmente homologable a do resto do Estado, salienta este autor. 

Aínda que non coincido con moitas das súas propostas programáticas e non comparto a totalidade do relato épico sobre a súa xénese, debo manifestarme como ilusionado admirador do éxito conseguido por Compostela Aberta e a Marea Atlántica. Sen case medios, dende unha posición transformadora e en pouco tempo, teñen conseguido derrotar o todo poderoso PP. Cando un xuíz emite unha sentenza favorable nunha causa xusta pero que todos dabamos por perdida adoitamos dicir que a decisión xudicial fai que nos reconciliemos coa Xustiza. A min estes resultados electorais, alén doutras lecturas positivas que se poidan facer, fanme reconciliar coa democracia. Que o saiba todo o mundo: pódese derrotar o PP... e o PSOE.

Non é moi corrente neste país recoñecer os éxitos e acertos dos demais. E menos facelo sen necesidade de abrazar todas as súas propostas. Mais eu creo que facelo e síntoma de saúde mental. Por iso brindo tamén por outros resultados menos aparentes mediaticamente pero igualmente significativos de que algo esta a cambiar: Que Compromiso por Galicia e Rafa Cuiña se fagan coa alcaldía de Lalín significa derrotar democraticamente o mesmo adversario que en Coruña ou Santiago, pero no seu propio campo. A historia cambiase tamén con símbolos e na vila do Deza temos un que dará que falar.

E pensando así non podo aceptar baixo ningún concepto que o resultado do BNG se despache simplistamente cun calificativo xenérico de "desastre total". Certo é que o resultado nacionalista en algunhas cidades debe motivar a reflexión seria porque é síntoma dun tsunami electoral que non fixo máis que empezar e que pode estenderse a todo o país sen resultado positivo para o BNG. Pero non é menos certo que en Pontevedra, tan cidade como Ferrol, Coruña ou Compostela, o BNG consolidou a Pontevedra Aberta que el mesmo protagonizara xa hai anos, que nun bo numero de vilas do país os nacionalistas foron a Marea que apartou o PP do poder municipal e que, grazas a existencia do BNG como forza estruturada en todo o territorio, a política tradicional terá a súa contestación con concelleiros espallados por todo o país.

Para facer unha lectura correcta do sucedido e, sobre todo, encarar o futuro con certas garantías, creo que debe imporse unha vez máis o realismo optimista. A ilusión e a audacia cargadas de responsabilidade.

Existe un importante pulso social que reclama rexeneración democrática dende unha posición apartidista e ás veces ata antipolítica. Pero confundir este reclamo social con posicións maioritarias antisistema sería un gran erro. A tradicional reclamación unánime de traballo e benestar está agora cargada de rexeitamento contra os que xestionan o actual modelo baseado nunha economía financeira sen alma que lle dá máis importancia os seus datos macroeconómicos cás persoas en situación de pobreza. Pero confundir este rexeitamento con apoio incondicionado a posicións anticapitalistas sería colocarse fóra da realidade. O que si é certo e que por primeira vez o PP ve danada a súa base electoral en Galicia de xeito importante. E o que é máis significativo: quen provoca este retroceso non é o recambio natural do bipartidismo senon forzas que dende fai moito tempo, ou dende hai pouco, cuestionan os axiomas inamovibles de PP e PSOE. Mais non perdamos de vista que a suma dos dous grandes partidos aínda suma mais do 50 % dos votos, que entre os dous cobren con contundencia a totalidade do territorio institucional cunha inmensa parcela de poder e que a alternativa terá que demostrar agora que, ademais de predicar, sabe dar trigo. O reto pasa por demostrar que o sucedido non obedece só a cabreos conxunturais dunha parte do electorado e que os triunfadores, que son varios, son capaces de converter a ilusión en proxecto de futuro. E o futuro electoral inmediato son as eleccións xerais.

Non deberiamos esquecer que a reclamación de rexeneración democrática e benestar social prodúcense aquí con condicións e características particulares. Galicia é un lugar cunha realidade económica, social e política diferente e, o que é mais importante, dificilmente homologable a do resto do Estado. Aquí só poderemos vencer a actual situación de crise económica cambiando o actual modelo de economía financeira antidemocrática por outro baseado na economía produtiva de base territorial no que sexa a xente quen decida. E para iso precisamos poder político propio. Porque somos sitio distinto e porque a nosa realidade diferenciada fai materialmente imposible que o que se lexisla con carácter xeral para todo o estado teña aplicación positiva no noso país. Non se trata dunha guerra de identidades se non de poder cambiar o noso país para contribuír así a cambiar o mundo. So así poderemos ter rexeneración democrática e benestar.

Empezar a construír ese poder político galego, popular e democrático, require que Galicia participe na próxima lexislatura das cortes españolas con voz propia e forte. Porque, ao pé doutros debates de suma importancia, alí estará sobre a mesa a discusión sobre un novo encaixe dos chamados "problemas territoriais do estado" e non debemos esquecer que nós non temos peso económico nin demográfico para que tales parámetros nos coloquen no tapete de discusión de xeito ineludible. Galicia é prescindible para a política española. A nosa única arma e a nosa representación política propia utilizada con intelixencia e audacia. Unha representación con capacidade para chegar a acordos con outros grupos e con vontade de pelexar para conseguilos. Unha representación de Galicia disposta a participar na construción da vontade colectiva do estado e a traballar para que esta se escriba de acordo cos intereses da maioría social.

A representación política propia de Galicia non pode ser hoxe patrimonio exclusivo de ningún partido. Nin ninguén ten que quedar excluído da súa construción aprioristicamente. Trátase de construír a unión dos galegos e das galegas que queren rexeneración, benestar e igualdade. Das galegas e galegos que comparten un nobre sentimento de pertenza a un país e queren que Galicia exista politicamente. Por iso, mais que a unión dos partidos, do que se trata e de unírmonos como cidadáns que queren exercer como tales e facelo como o que son: cidadáns dun lugar no mundo chamado Galicia.

Hai quen di que para isto vaise precisar grandes doses de xenerosidade. Eu diría tamén de valentía e sentido de país.

Comentarios