Buscar

MUNDIARIO

O reitor da Universidade da Coruña incorpórase como membro honorario á Academia Xacobea

Julio Abalde destacou a súa sintonía coa institución e sinalou que esta debe cubrir un espazo “importantísimo na identidade colectiva de Galicia”.
O reitor da Universidade da Coruña incorpórase como membro honorario á Academia Xacobea
Julio Abalde –centro– entra na Academia Xacobea. / Mundiario
Julio Abalde –centro– entra na Academia Xacobea. / Mundiario

Redacción

Análisis de @mundiario

A Academia Xacobea vén de sumar no mundo universitario un novo e importante apoio para os seus traballos e obxectivos coa incorporación do reitor da Universidade da Coruña. Julio Abalde Alonso formalizou esta tarde o seu ingreso oficial como Académico Honorario na institución que preside Xesús Palmou no transcurso do acto celebrado na Facultade de Dereito da universidade herculina e que comezou e finalizou con dúas interpretacións musicais vencelladas tamén ao Camiño de Santiago a cargo do cantautor Manoele de Felisa.

O reitor mostrou o seu agradecemento á Academia Xacobea polo seu nomeamento e destacou a súa “sintonía” cos fins que recolle esta nos seus estatutos: promover a investigación do fenómeno xacobeo e a difusión dos seus valores desde unha perspectiva multidisciplinar. Así, sinalou que desde a súa fundación a Academia “abriu unha nova vía de estudo e divulgación, inscrita con clareza no ámbito do rigor, da altura de miras e da proxección”, tanto en Galicia, como en España e no eido internacional. “Comprométome desde este mesmo momento a tomar parte activa nas iniciativas da Academia Xacobea e a fomentalas nos campus, que xa atesouran unha importante experiencia de traballo académico e científico a prol dos camiños xacobeos”, apuntou Julio Abalde antes de destacar que ábrese así “un abano de posibilidades de colaboración, quer para o traballo conxunto en proxectos e actividades, quer para apoiar calquera iniciativa que concorde cos obxectivos que se marca a Academia Xacobea”. O reitor indicou ademais que a Academia “pode e debe cubrir un espazo importantísimo na identidade colectiva de Galicia, que ten a súa proxección nas institucións e personalidades de ámbito nacional e internacional vinculadas a nós polos camiños xacobeos”.

No seu discurso de ingreso, Abalde lembrou tamén que xa Elías Valiña, párroco do Cebreiro e gran impulsor da revitalización do Camiño de Santiago, levou o fenómeno xacobeo ao eido universitario no ano 1965 coa súa tese de doutoramento, e repasou algúns dos fitos que se sucederon desde que o crego comezara a percorrer a ruta cara a Compostela pintando as frechas amarelas ata a actualidade; fitos que “contribuíron a instalar a Galicia na modernidade”, como a designación do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo ou a celebración do primeiro Congreso Internacional do Camiño de Santiago.

“E unha das realidades gozosas da Galicia contemporánea é, sen dúbida, a construción do seu propio sistema universitario (...). Os camiños do progreso social, cultural e económico dos galegos e das galegas pasan, en gran medida, polos campus vertebrados arredor das sete principais cidades de Galicia”, explicou para facer fincapé no papel vital que as universidades xogan no “proceso de mellora cultural e social experimentado por Galicia nas últimas décadas. Esa Galicia máxica pero moderna, moderna pero máxica, que os camiñantes se atopan cando se adentran no país por calquera dos roteiros clásicos”. Abalde lembrou que os propios estatutos da Universidade da Coruña recollen que a institución dedicará “especial atención ao estudo e desenvolvemento da identidade cultural do noso país e dos diversos aspectos da sociedade galega” e sinalou que, “sen dúbida ningunha”, o movemento xacobeo forma parte desa identidade, que nos vincula co resto de Europa desde hai séculos e agora, cada vez máis, coas xentes de todo o mundo que veñen percorrer os itinerarios xacobeos”. Así, lembrou algunhas das actividade que a Universidade da Coruña xa ten realizado xa nese eido, como as Aulas no Camiño, e puxo de relevo o feito significativo de que as cidades que albergan os seus dous campos, A Coruña e Ferrol, son tamén os puntos de partida dos dous itinerarios do Camiño Inglés. “Seguindo o ronsel da pegada cultural das rutas, seculares sendeiros de integración, tomo metaforicamente ese mesmo Camiño para representar o meu ingreso na Academia Xacobea”, sinalou para concluír a súa intervención.

O académico Eduardo López Pereira deu resposta as verbas de Julio Abalde lembrando a obra de Plutarco “Vidas paralelas” para amosar os puntos en común das súas respectivas traxectorias: catedráticos da Universidade da Coruña, vicerreitores, directores da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e, agora, membros da Academia Xacobea. López Pereira explicou que xa compartía con Abalde a “preocupación pola mellora da calidade das nosas universidades” e que desde hoxe estarán unidos tamén polos “valores e os fins marcados polos estatutos de Academia Xacobea”. Entre eles citou a promoción e difusión do fenómeno xacobeo. e lembrou a algúns dos pioneiros nesta tarefa e as anécdotas que marcaron o seu traballo: O bispo Xelmírez e os responsables do Códice Calixtino.

Pola súa banda, Xesús Palmou explicou que o Camiño ten a súa orixe e o seu destino en Compostela, pero que hoxe en día ten acadado xa unha dimensión universal á que non é allea nin a cidade da Coruña nin a súa universidade. E sinalou tamén que coa incorporación de Julio Abalde, a institución suma un “intelectual e europeísta” que contribuirá a alumear a traxectoria da Academia. “Desde a Academia Xacobea creemos nunha Europa froito do imperio dos sentimentos compartidos, froito da razón e do imperio do Dereito, fronte ao imperio da forza. Un espazo de convivencia e de prosperidade, no que máis alá de fronteiras e crenzas, a liberdade, a solidariedade, a fraternidade e a ética pública, sexan piares fundamentais da súa esencia. En definitiva, promovemos o Camiño de Santiago e os seus valores, como un Camiño de concordia, de paz e entendemento, entre os europeos, pero tamén entre os pobos do mundo”.

Todos os participantes tiveron unhas palabras de agarimo e apoio para a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, polo falecemento a pasada fin de semana do seu pai, Federico Pomar de la Iglesia, gran estudoso do Camiño, tal como lembrou Eduardo López Pereira.

Carmen Pomar non puido estar presente no acto desta tarde tal como estaba previsto inicialmente, pero si acudiu en representación do seu departamento o secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén, que foi o encargado de pechar a sesión. Oitavén, tras felicitar a Julio Abalde e sinalar que pola súa traxectoria e capacidade enriquecerá o traballo da Academia, botou man das palabras que Federico Pomar estaba a preparar para o acto desta tarde destacando a importancia e transcendencia do Camiño. O representante autonómico suliñou o papel crucial do Camiño de Santiago na construción europea e a súa capacidade para xerar vencellos e tender pontes entre pobos diferentes. “Só procurando o mellor para os outros se acada o mellor para un mesmo. O Camiño de Santiago debe ser unha vía de progreso material, pero tamén de progreso moral (...). Representa o mellor do que somos e do que debemos chegar a ser”, afirmou Oitavén, quen pechou a súa intervención animando á Academia a exercer a responsabilidade de transmitir a sociedade os valores esenciais desa idea de Europa e do entendemento. @mundiario