A reapertura do crédito empresarial pasa pola subsistencia de NovaGalicia Banco

José María Castellano, presidente de Novagalicia.
José María Castellano, presidente de Novagalicia.

Na promoción dos sectores económicos, compre unha fonda reforma da ordenación territorial e a potenciación do crédito e das políticas de inovación para relanzar os sectores estratéxicos.

A reapertura do crédito empresarial pasa pola subsistencia de NovaGalicia Banco

Enchoupados nesta Grande Recesión e enleados na gravísima crise institucional do Estado, ao noso País -Galicia- non lle queda moito tempo para enfrontar os reptos fundamentais do seu futuro, que poden ser as únicas oportunidades reais de atoparmos un lugar na especialización internacional do traballo e abrir unha vía a uin crecemento equilibrado e sostíbel. Reptos todos eles onde a dependencia política e social de Galicia a respecto do Estado amosouse inconveniente ao longo dos nosos máis de trinta anos de limitada autonomía política.

Esencial para o noso futuro é por en valor o noso sistema portuario. Porque, a dous anos da apertura da nova Canle de Panamá, Galicia pode ser un grande hub para as mercadorías europeas. Compre asumirmos plenas competencias normativas, tarifarias e de xestión. O mesmo ca no aeroportos, onde precisamos rachar a ineficiencia de AENA e construirmos un sistema aeroportuario galego autónomo e descentralizado, que atenda basicamente á promoción dun turismo intenso, mais de calidade contrastada.

Na promoción dos nosos principais sectores económicos, compre unha fonda reforma da ordenación territorial e a potenciación do  crédito e das políticas de inovación para reestruturar e relanzar os nosos sectores estratéxicos: enerxético, mar-industria e construción naval, monte-industria, producións agroalimentaria de calidade, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais... A reapertura do crédito empresarial pasaría, dende logo, pola subsistencia como marca e estrutura propia de Nova Galicia Banco, mais esixirá, asemade, unha potente Axencia financeira pública. E a aposta do I máis D máis i é fulcral: Galicia non pode permitir que os recurtes anulen a capacidade de xeración de conhecemento e riqueza da súa Universidade e da súa industria.

É evidente que estes reptos precisan da operatividade dun autogoberno moito máis amplo. No proceso constituínte que, máis cedo ca tarde, se vai abrir no Estado, Galicia ha decidir ser moito máis autónoma e gobernar o seu propio futuro. Non hai outro xeito para enfrontarmos estes reptos e sobrevivir neste mundo tan complexo, porque a dependencia  demostrou abondo onde nos leva.

Comentarios